O teatro de Ibsen (1828-1906)

Estamos lendo Casa de bonecas do dramaturgo noruego (que se vos parece a Papá Noel!) Henrik Ibsen. O mérito deste autor non está en evocarnos á figura de Papá Noel, con quen certamente garda semellanza, senón en ser o pai do drama moderno e precedente do teatro simbólico.

(Procedencia da imaxe)

 Ibsen, fundador do teatro moderno, dramaturgo e poeta noruego naceu no  seo dunha familia acomodada que se arruinou sendo el mozo. Introvertido, ateo e solitario traballou uns anos como auxiliar nunha botica. Publicou na mocidade , sen moito éxito, versos escandalosos e satíricos e un primeiro drama  (de carácter romántico), Catilina. Anos máis tarde trasladouse á cidade de Bergen, onde traballau un tempo  no Det norske Theater. Escribiu alí  unha serie de pezas históricas de inspiración nacionalista (Noruega era unha provincia sueca, de fala danesa, ata o 1905)

A incomprensión da sociedade fixo que este cambiase o seu país por Italia, onde compuxo dous dos seus grandes dramas poéticos: Brandt e Peer Gynt.

Despois destes dramas en verso, de carácter simbólico, Ibsen marchou a Dresde, en Alemania, e alí escribe os seus máis importantes dramas, que o fan creador do teatro de ideas convertindo o escenario nun verdadeiro espello da vida, sobre todo da vida interior dos personaxes que choca co que a sociedade, coas normas que esta preparou para eles.

É a época na que escribe  Espectros (1881) sobre o tema (tabú na época) da sífilis e as súas secuelas. A obra conclúe coa dúbida dunha nai acerca de se administrará ou un non unha sobredose de morfina (O sol!.. O sol!) ao seu fillo que este, víctima dun ataque cerebral, lle pide para rematar coa súa vida. A dureza do argumento motivou non só  a súa prohibición, senón negativas dalgúns actores para interpretala.

Da mesma época é Un inimigo do pobo. Esta peza plantexa o conflito entre un individuo, que sabe que as augas dun balneario están contaminadas, e toda a sociedade do pobo, incluída a propia familia, que se opón á divulgación da verdade polas consecuencias económicas que isto puidera ocasionar. Aquí vos deixamos o vídeo promocional da obra dirixida por Juan Mayorga* (grande!)

Outra obra que vale a pena lembrar é O pato salvaxe. Nela, o dramaturgo presenta os desastres que un mozo idealista (pois anceia o triunfo da autenticidade) ocasiona ao seu redor ao pretender que un matrimonio amigo recoñeza e asuma que ela foi amante do pai do citado mozo.

En abril do 2001 o Centro Dramático Nacional levou a escena esta obra. A dirección corría a cargo de José Luis Alonso e a obra fora revisada por Buero Vallejo.

Outras obras posteriores son Hedda Gabler (muller sofocada nunha vida sen beleza, que se dabate entre o seu marido_ un investogador mediocre_ e un cínico admirador que pretende convertirse no amante dela) e John Gabriel Borkman, intenso melodrama no que dúas irmáns loitan polo dominio do fillo dunha delas.

En todas elas abundan os conflitos familiares, matrimoniais e aparecen mulleres con caracteres fortes. Pero destaca Casa de bonecas, estrenada en 1879. Foi máis un fenómeno social ca literario ao plantexar, por primeira vez, o tema da autonomía da muller nunha sociedade deseñada ao servizo do home.

O nome de Ibsen foi sinónimo de inconformismo e renovación ( por iso nos gusta tanto). En próximas entradas veremos en que consistiron o inconformismo e as técnicas renovadoras concretamente na peza que estades a ler.

Os grandes dramaturgos ChejovShawLuigi Pirandello Strindberg e os americanos O´Neill, Williams, Arthur Miller ou Edward Albee son dunha maneira ou doutra os seus herdeiros.

Nota: para a realización desta entrada tomamos como fonte o libro Literatura Universal, da editorial Akal.

* De Juan Mayorga non lemos nada neste club. É un dramaturgo de referencia obrigada nos tempos que corren. Non me resisto a non deixar aquí unha entrevista del.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Casa de bonecas, Teatro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s