O ano pasado rematamos o club de lectura cunha acampada entre estrelas, e este curso arrincamos dispostos a devolverlle á natureza todo o que ela nos deu esa fin de semana e sempre. O fío condutor das nosas lecturas este curso será a natureza. Así xustifica Dores Pereira, a coordinadora da biblioteca, esta escolla:
“A natureza está presente na literatura desde as súas orixes. Unha natureza animada, divinizada, coa que o ser humano mantiña una relación simbiótica, de carácter máxico, que chegou a nós a través do mito. O loureiro, encarnación dunha Daphne metamorfoseada para fuxir dos desmáns apaixonados de Febo/Apolo; a Moreira branca, como testemuña do amor inmortal de Píramo e Tisbe; ou a fidelidade de Filemón e Baucis, perpetuada máis alá da morte na unión inextricable dun carballo e unha tileira…
“Apolo e Dafne” escultura de Bernini
A partir de entón, a relación do ser humano coa natureza foi mudando. A natureza foi en ocasións telón de fondo, o locus amoenus, de historias de amor; máis, tamén, os espazos virxes, salvaxes que había que dominar, someter. A literatura reflectiuno na poesía ( Dante, Petrarca) ou nas historias que relataban as conquistas de novos territorios.
Os autores románticos intentaron restablecer o vencello esencial coa natureza tanto a través da literatura como da arte en xeral. Unha natureza que era espello da alma atormentada, refuxio consolador para quen comenzaba a sentir que o mundo se estaba convertendo nun lugar inhóspito e frío, dominado pola ambición e o materialismo.
E dende entón, as cousas non fixeron máis que empeorar. A relación da humanidade co seu entorno natural foi derivando cara á agresión medioambiental, a explotación salvaxe, a procura de recursos a calquera prezo, sen importar que iso implicase o desarraigo de grupos humanos, unha ameaza global para a saúde, o deterioro de espazos vitais para a supervivencia no planeta. E a literatura tamén estivo (e está) aí para alertar dos perigos que nos espreitan de seguir devastando sen tregua os recursos naturais do planeta, para denunciar as feridas que recibe e para sensibilizar sobre a importancia de coidar o medioambiente, para pór en valor os enormes beneficios (paisaxísticos, de lecer, para a saúde, turísticos, e non só económicos!) que nos ofrece a natureza.
O reto que se lle formula á humanidade é decisivo; pois, de non mudar a nosa relación coa natureza, é a nosa propia continuidade na terra a que está en xogo.
Michael Jackson, “Earth Song”
No club de lectura do IES Val do Tea queremos contribuír a desenvolver no noso alumnado lector, a través dunha selección de obras significativas, unha actitude crítica coa situación medioambiental, a favorecer o coñecemento dos espazos naturais da nosa contorna, a divulgar o coñecemento de plantas e árbores (dentro dun proxecto máis amplo impulsado desde a biblioteca, que implicaría a todo o instituto) e a estimular o respecto e o amor pola natureza.”
Esta é nosa proposta para este curso. O vindeiro martes 18 de outubro, no segundo recreo teremos a primeira xuntanza, que terá lugar na biblioteca, para lembrarvos como é o funcionamento do club e comentar convosco brevemente este proxecto.
Aquí queda unha listaxe das obras que leremos e comentaremos, así coma unha breve sinopse das mesmas que aparecen nas contracubertas dos libros:
Primeira sesión
El jefe Seattle, la voz de un pueblo desterrado. Vicens Vives.
Hace miles de años un grupo de cazadores nómadas procedente del norte de Asia cruzó el helado mar de Bering y llego al continente americano. Aquellos esforzados hombres y mujeres encontraron a su paso extensas llanuras, ríos rebosantes de pesca, hermosos bosques y caza en abundancia, de manera que decidieron establecerse en aquellas tierras. Eran gentes de espeso cabello negro y piel cobriza a los que, siglos más tarde, los europeos dieron el nombre de indios. Los indios prosperaron en aquella nueva tierra y, con el paso del tiempo, llego a haber más de quinientas tribus diseminadas por todo el continente. Pero la llegada del hombre blanco cambio por completo sus vidas.
Periodo: novembro. Profesora: Esmeralda Quiroga.
Segunda sesión:
Bechos e demais parentes. Gerald Durrell. Sushibooks
Período: decembro. Profesor: Pablo Carballo.
Esta é a segunda entrega da Triloxía de Corfú, un relato sobre a estancia na illa grega de Corfú (Kérkira) da familia do naturalista Gerry Durrell, daquela un rapaz que medra dos dez aos quince anos. O autor decide escribilo máis dunha década despois, comezando co afamado libro A miña familia e outros animais, e remata co Xardín dos deuses. Todos lembran con certa saudade aquela infancia “luminosa e feliz” na que o neno inglés aprendía da natureza no exhuberante mediterráneo. Foi un período de formación, no que o autor recolle as súas vivencias e convivencias con distintos animais que observou meticulosamente en pequenos terrarios ou na propia natureza. A narración áxil e o seu agudo humor describe fielmente non só o comportamento e formas dos vertebrados e invertebrados máis diversos, senon tamén un variado elenco de persoas, que inclúen a súa familia británico-india, os seus coñecidos de toda europa e asia, e varios habitantes da illa que evidenciarán ademais do inequívoco carácter grego, non poucas peculiaridades. De toda a triloxía, quizais neste libro é onde máis protagonismo gañan as “bestas e paxaros” sobre os “demais parentes”, como rezaría o título orixinal. É de agardar que a absorbente lectura de toda a triloxía che anime a comprobalo ti mesmo.
Dende este ano temos a fortuna de contar cunha tradución ao galego, mencionada enriba, e tamén se pode atopar en castelán como Bichos y demás parientes na Editorial Alianza.
Terceira sesión:
A chamada da natureza. Jack London. Vicens Vives
Período: xaneiro. Profesora: Xulia Vaz
Ambientada no territorio do Yukon (Canadá) e durante a «febre do ouro» de 1897, A chamada da natureza relata con toda crueza e realismo a loita pola supervivencia de Buck, un can ao que uns desaprehensivos raptan en California para ser vendido nas xélidas terras do norte. A lei da selva que impera no Yukon e o poder do instinto de Buck acaban por modificar radicalmente o carácter e os sentimentos conformados ao longo dunha vida regalada na súa California de orixe. A tremenda violencia e crueldade que Buck debe afrontar quedan mitigadas, con todo, polo apaixonado amor e a fidelidade sen límite que o can sente polo seu amo John Thornton: toda unha lección que nos fai vibrar e que Jack London (1876-1916) consegue transmitirnos nesta pequena obra mestra cunha linguaxe directa, sen concesións, chea de dramatismo.
Cuarta sesión:
El barón rampante.Italo Calvino. Siruela.
Período. Febreiro. Profesora: Elvira Millán
(Imaxe extraída de aquí)
Quinta sesión:
O home que plantaba árbores. Jean Giono. Galaxia.
Período: marzo. Profesor: Francisco Conde.
Velaquí un libro que fala da xenerosidade humana sen límites. Do respecto á natureza, da aposta pola vida e do amor á terra e a todo o que dela pode agromar.
O protagonista queda sen auga nun val sen auga e sen árbores, desolado, onde non quedan trazos da civilización e só atopa un regueiro seco, pero é salvado por un pastor de mediana idade que o leva a unha fonte que coñece. Sente curiosidade por ese home e pola razón que lle fixo elixir unha vida solitaria, por iso queda con el un tempo. O pastor, despois de quedar viúvo, decidiu restaurar a paisaxe por si mesmo, cultivando un bosque completo. O pastor, Eleazar Bouffier, fai buratos no chan co seu caxato e deixa caer neles as landras que conseguiu reunir.
O narrador protagonista volve ao seu fogar, e máis tarde alístase na Primeira Guerra mundial. Traumatizado pola guerra, o home volve ao val onde vivía o pastor, e queda abraiado ao ver ás árbores novas, de todas as clases, botando raíces no val e a novas fontes correndo a través do novo bosque…
Sexta
O bosque animado: Xerais. Wenceslao Fernández Flórez
Período: abril. Profesor: Afonso Diaz
A historia está ambientada na Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas, inzadas de amor á natureza e profunda sensibilidade e comprensión do ser humano, Fernández Flórez narra as breves historias dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc. Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas. Nesta novela fantástica latexa, vibrante, o pulo vital da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da Fraga de Cecebre, xunto coa difícil andaina humana duns seres que ilustran un xeito de entender o mundo e unha cultura popular moi de noso.
Fotograma da película El bosque animado
Sétima e última sesión:
A negrura do mar. Ramón Caride Ogando
Período: maio. Profesor: Cándido Fernández.
Said e Sheila, os dous irmáns ecoloxistas e pacifistas que loitan dende o futuro por un mundo mellor, relatan n’ “A negrura do mar” a viaxe que emprenderon no outono do ano 2076 ao Océano Atlántico con motivo dunha alarma medioambiental provocada pola aparición de manchas de hidrocarburos detectadas nalgúns coídos e praias situadas entre Cabo Fisterra e as illas Sisargas. Na enseada do Cuño e na vila de Covelo atoparán indicios da existencia dunha posible marea negra que os remontará, por medio dunhas cartas que lles proporciona unha velliña, aos acontecementos sucedidos no afastado outono de 2002 cando naquelas mesmas costas naufragou o petroleiro Prestige provocando a maior negrura do mar coñecida na Costa da Morte.
Fai coma Iago e coma Luis, sube ás árbores connosco!
Hoxe medrei máis alto por camiñar coas árbores.
Karle Wilson Baker, poeta americana