Arquivos mensuais: Abril 2014
Gabriel García Márquez, bolboretas amarelas para ti
Admirado Gabriel García Márquez:
A primeira vez que souben de ti era moi nova, estudaba COU, coido, e lin este conto teu: “El ahogado más hermoso del mundo”. Non me gustara tanto a historia (que tamén, porque fala de algo ao que nos aferramos cando perdemos a algún ser querido: a continuidade da vida na lembranza, na lenda, a pesar da morte) como esa maneira que ti tiñas de escribir. Esa prosa tecida con fíos de tantas cores (que,máis tarde recoñecín como subordinadas adxectivas). Esa prosa de oracións longas que nunca remataban e te envolvían, te envolvían, te envolvían. Moitas veces me metín nelas para durmir aí ao amparo deses malabarismos estilísticos.
Despois viñeron Cien años de soledad e pensei que era moi difícil que puideses escribir algo mellor.
(Procedencia da imaxe. Relátase, nese enlace, como se creou a novela). Aquí podedes ver cubertas da novela.
Pero fun lendo outras novelas e aquela increíble y triste historia de la Cándida Eréndira y su abuela desalmada gustárame máis cá anterior. Comprobei que sempre escribías e escribias algo mellor. E probei as améndoas amargas dos amores contrariados de Florentino Ariza e Fermina Daza. E nunha librería moi vella do meu Lugo universitario mercara,cos poucos cartos que tiña, ese mañuzo de contos, Ojos de perro azul, e aquel “Alguien desordena estas rosas” perseguiume durante un tempo. Tamén vivín aquela morte anunciada de Santiago Nasar. E linllesos primeiros alumnos que tiven na miña vida os sonetos de Garcilaso , os mesmos que ti elexiche para relatar o amor de Sierva María de todos los Ángeles. E aprendín coa miña nai, con Laura e contigo que existía o realismo máxico. (Procedencia da imaxe)
O coronel non tiña quen lle escribira, pero ti si. Moitos lectores escribimos estes días en moitos lugares que agradecemos a túa prosa caribeña e exuberante, a túa prosa de tormenta de verán porque nalgún momento nos liberou, seguro, dalgunhas outras tormentas da alma.
Grazas, Gabriel García Márquez. Menos mal que ainda nos quedas aquí!
Bolboretas amarelas para ti!!
Arquivado en In memoriam, Sen clasificar
Libros de cartón
Como comentamos onte, hoxe imos expoñer os traballos que fixeron os nosos lectores que asistiron ao obradoiro de libros e cadernos artesanais. Foi impartido por Eva Cabo, poeta, actriz, titiriteira e contadora de historias. Coordina tamén a editorial Casamanita cartoneira
No noso insti fixemos cadernos de cartón con versos “improvisados”. Nesta primeira foto, Eva explica que imos facer un cadáver exquisito antes de empezar a traballar co cartón:
E estes son os resultados:
“yo antes me ganaba la vida haciendo barquitos de
papel y olvidándolos por ahí”
Eva Cabo, Poemonstruos
Non é o caso, Eva Cabo. Nós nos esqueceromos os versos de cartón e papel que ti nos ensinas a facer.
Obrigados, Eva!
Bo Día do Libro a todos, bo día do libro de cartón, de papel, de pel, de auga, de tecidos orgánicos, de fume, de campás, de orballo, de area, de mantas que quentan invernos…
Arquivado en Actividades
“Estaciones de paso”
O luns 7 de abril fixemos a”reunión- estación”. Leva ese nome porque tocaba comentar Estaciones de paso e porque se convertiu nunha estación para dar o paso á construción de libros artesanais.
O certo é que da novela non comentamos moito porque nos adicamos, sobre todo, a facer libros (actividade que enmarcamos nas que realizamos para conmemorar o Día do Libro). Xa daremos conta noutra entrada do que deu de si este obradoiro “libresco” poéticamente correcto.
Nesta deixamos unhas fotos dalgúns lectores co libro e tamén algunha opinión dos mesmos:
Gema, que le con elegancia e maxestuosidade, desta vez non puido ler a obra completa porque tiña exames, di dos relatos que leu: “A primeira historia gustoume e lembroume a outro libro No somos los únicos que llevamos este estúpido apellido, de Marie Aude Murail, porque ambos falan da superación. A segunda historia, a dos touros, gustoume máis cá primeira, sobre todo polo vocabulario xa que non emprega tantas palabrotas.”
Os fermosísimos ollos de Guille non atoparon nada que lle gustara na obra. Di que é o libro que menos lle gustou de todos os que lemos no club. Das cinco historias só lle agradaron as dúas primeiras.
Nota: o libro que lembrou Gema estará en breve na nosa biblioteca.
Arquivado en Actividades