Arquivos mensuais: Novembro 2017

De ciencia e poesía

Di David Jou, físico, científico e poeta español  que “construír pontes e fomentar complicidades entre ciencia e humanismo é unha das urxencias da cultura actual”. Facemos noso ese propósito e botámonos, este curso,  ao camiño da lectura da man da ciencia e da poesía. A ver se somos capaces de facer unha boa singladura!!

Habitualmente, poesía e ciencia teñen sido concibidas como conceptos antagónicos, atribuíndolle á primeira o territorio da beleza e a emoción, mentres que a segunda se asociou dende a súa orixe á procura da verdade e da utilidade. Mais, o certo é que as relacións entre poesía e ciencia son máis estreitas do que semella a simple vista: unha e outra non son máis que dous xeitos de tratar de dar resposta ás circunstancias do ser humano. Ambas interrogan sen tregua á razón, ambas parten da incerteza e argumentan desde un discurso subxectivo. Pois aínda que o coñecemento científico é unha tarefa racional,  tamén a ciencia debe difundir e validar o coñecemento desde a persuasión e a retórica, e o seu discurso inclúe, a par da lóxica, un conxunto de elementos que comparte con outras esferas do coñecemento como poden ser o mito ou a poesía; o científico debe convencer, e isto faino  botando man de todos os recursos dispoñibles da retórica, metáforas incluídas.

Pola súa banda,  na súa formulación, a poesía ten moito de matemático: este aspecto matemático-xeométrico da poesía está moi presente nos  mecanismos (paralelismos, leixaprén, repeticións) da nosa poesía medieval; nas regularidades que dotan ao poema de ritmo e harmonía; nas imaxes e metáforas  que aspiran á expresión do inefable, do inédito: outra conexión coa ciencia!!!

Sen deixar de considerar a malversación que se pode facer do progreso científico, no noso  Club de lectura pretendemos  facer convivir poesía e literatura científica, reflexionar sobre os aspectos positivos e polémicos dos avances científicos  e contribuír  a  superar as distancias que tradicionalmente separan a eses dous intentos de desvelar a Verdade: pois un poema pode botar tanta luz sobre o universo coma unha fórmula matemática; e as descubertas matemáticas amplían os dominios do coñecemento, e con eles os ámbitos da beleza e da harmonía do universo, como se suxire neste fragmento dun poema dedicado a Albert Einstein:

Resultado de imagen de albert einstein

E = mc2
«Esta fórmula gústame: é breve e contundente,
é nova e é audaz, é sinxela e custa comprendela;
o seu cálculo é simple, só esixe multiplicar,
pero ábrenos á sorpresa,
axita os fundamentos do que sabiamos polos sentidos e os
costumes.
Podémola interpretar como unha porta entre a luz e a
materia;

(…)
Podémola considerar como un enorme ensanche do
noso mundo;
                                                                                David Jou

Estas son as palabras coas que Dores Pereira, profesora de Lingua galega e Literatura, explica o camiño que imos seguir nos vindeiros meses: o da poesía e o da ciencia. Podedes ver aquí como conflúen ambas as dúas na man de Chema Madoz, un mestre da poesía visual.

Nas obras que imos ler este curso  conviven as dúas belezas: a científica e a poética. Agardamos que poidades descubrilas e vivencialas na selección que propoñemos.

Arrancamos a andaina coa poesía de Carlos Negro. Concretamente coas súas Penúltimas tendencias. O propio autor, nesta entrevista, fala así da obra:

“(…) Entón pensei en tratar un tema diferente, pensando tamén no público xuvenil, que é o desa presión sobre as mulleres para que todo sexa “fashion, chic e sexy” (…) O libro ten tamén un sentido das metamorfoses dunha moza, que poderían ser varias. Da procura da propia identidade, fronte a un modelo de beleza moi pechado e canonizado. Mais tamén hai outras ideas, como o amor romántico. E, nese aspecto, o libro é unha reacción contra o escrito por Federico Moccia. Eu vía que os alumnos o collían na biblioteca, que estaba moi de moda. Tiña curiosidade e lino. E quedei asustado. Ademais de estar pesimamente escrito, era profundamente reaccionario no seu contido. Era o tópico da muller fascinada polo ‘machito’. Unha muller aparentemente liberada pero que o que quere é ser modelo de televisión, presentadora ou parella dun chico guapo, á sombra do seu mozo. (…) A moza ten contradicións e dúbidas, claro. Quere afastarse dese mundo da imaxe que se lle impón, pero tamén se sente atraída por el. Sabe que lle están a vender un mundo ficticio e prefabricado, mais tamén é certo que se te afastas do que se considera moderno quedas á marxe. Por iso non hai branco e negro. Quere escapar mais tamén ser aceptada polo grupo.(…)”

Resultado de imagen de penúltimas tendencias

(Imaxe extraída de aquí)

Premendo neste enlace atoparás algúns dos poemas do libro. e aquí queda outro, para que vaias achegándote ao libro:

“Princesa (contra) Disney”

Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
Que perdín en palacio).

Non sabemos se é o caso, non sabemos se ti te sentes así, mais aquí queda o poemario que pode ser espello para ti, ou chave que te leve á reflexión do que ti es, do que queres ser de verdade e non do que outros ( o mundo) queren que sexas.

Da poesía, pero sen deixala de todo, pasaremos á novela. Meterémonos na vida de Georg, un adolescente de 15 anos que recibe unha carta do seu pai, morto cando el era un neno. Esa carta obrígao a mirar as estrelas e a preguntarse polo sentido da vida. Velaí, en certo modo, a poesía e a ciencia. Atópanse as dúas na novela de Jostein Gaarder, La joven de las naranjas.

«Mi padre murió hace once años, cuando yo sólo tenía cuatro. Creí que no volvería a saber nada de él, pero ahora estamos escribiendo un libro juntos…» Así comienza La joven de las naranjas que hace reflexionar al lector sobre la intensidad de la Vida, pero también sobre la muerte. Una historia que nos habla del Tiempo y sobre qué somos realmente, qué misterio compartimos con el universo. ¿Elegiríamos nacer, y conocer la vida en toda su intensidad, sabiendo que quizá sea para permanecer sólo un instante en ella? ¿O rechazaríamos la oferta? Georg, un joven de 15 años apasionado por la astronomía, encuentra una antigua carta que su padre escribió para él al saber que iba a morir. En ella le cuenta el gran amor que sintió por la misteriosa Joven de las Naranjas para finalmente formularle una importante pregunta, a la que Georg debe responder. Antes de contestar, Georg habrá escrito un libro con su padre, un libro que va más allá del tiempo y de los límites de la muerte. (Información que aparece na contracuberta do libro, publicado por Siruela)

Xa no frío xaneiro, leremos Os nenos da varíola de María Solar. Na páxina da editorial Galaxia, que publica a obra, aparece a seguinte reseña:

Resultado de imagen de os nenos da variola

“Desta volta achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpor, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un apapel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.”

 En marzo xuntarémonos de novo para celebrar o día da Poesía lendo Esto y ESO  obra de Raúl Vacas Polo. O poemario xira arredor das materias que estudades no instituto. Cada unha deles ben merece un poema (ou non?)

Resultado de imagen de esto y eso raul vacas

Imaxe extraída de aquí

En abril continuaremos coa poesía, neste caso de Xabier Paz., un científico (biólogo de formación) e escritor, autor de, entre outros,  Materia de Lucrecio , obra que comentaremos. Esta “constitúe unha reflexión sobre a orixe e o devir do Cosmos, sobre a existencia e o coñecemento humanos neste desolado pórtico do século XXI. A emoción e a estrañeza do vivir ven suxeita pola rédea do coñecemento científico que se expón non exento de ironía. O desconcerto da conciencia, limitada, dexergando o Universo ilimitado e a vertixe da visión cosmolóxica na súa inmensidade, procuran acougo no acicate do coñecemento obxectivo e poético da materia, do seu devir. O ser humano, tenta recoñecerse na parte non arredada do Universo apalpando as súas leis. O coñecemento poético do posible como guieiro: poesía da materia. Poesía non como asombro polo íntimo, senón como indagación no que de común temos na nosa individualidade, a busca dunha estética antropolóxica. Poesía da experiencia, pero non da experiencia persoal e individual senón da experiencia comunitaria que nos outorga o herdo comunal do coñecemento científico.” Esta información está extraída de aquí.

A continuación leremos a novela gráfica Einstein. Os autores da mesma Corinne Mayer e Ann Simon recrearon a vida do científico Albert Einstein. A editorial Norma ten unha colección de biografías de científicos, escritores, filósofos,  pintores ben interesante. Podedes atopar máis información da mesma aquí.

Para rematar elixiremos unha destas dúas lecturas: Nemo: o rapaz sen nome de David Morosinotto ou Terra, de Xurxo Mariño.

Resultado de imagen de nemo o rapaz sen nome

No interesante e fermoso blog Trafegando ronseis aparece esta reseña da primeira obra citada:

Davide Morosinotto é o autor deste libro que a editorial Xerais nos trae na nosa lingua para un público mozo, un libro de aventuras titulado Nemo. O rapaz sen nomeque me parece ben axeitado, un libro entretido, misterioso que se le dun bocado polo atraente do seu argumento, onde o protagonismo radica nunha moza e en dous mozos canda un cadelo enorme e fiel que sabe defender os intereses dos seus amigos. Ambientada na Francia de 1829, descríbense asemade os costumes da época sen caer no pintoresco nin no aburrido, dándonos pinceladas daquel machismo onde as nenas de familia rica só podían aspirar a ser casadas con mozos da súa condición social, algo do que se afastará a nosa protagonista, quen en realidade quere vivir a súa propia vida e buscar nesta maxia e riscos.
O autor bebe da obra de Jules Verne, afastándose del  recollendo personaxe e nomes, pero recreando unha novela de aventuras da mellor saga.”  Verne foi un escritor que soubo unir ciencia e literatura (nas dúas a imaxinación é fío condutor) .Neste artigo podes ler os inventos que Verne deseñou nas súas novelas.  Algúns e algunhas de vos lembraredes que xa lemos unha obra del, A volta ao mundo en oitenta días. Con ela, fixeramos un percorrido polos lugares que visitou o señor Fogg: a volta ao mundo arredor dos libros.

Con respecto á segunda, Terra, a editorial Xerais, que publica a obra, di do libro: “”Este é un libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica, o relato dun periplo de once meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza lles vai amosando aos viaxeiros: illas volcánicas en plena formación, desertos aos que non se lles albisca a fin, termiteiros xigantes, glaciares de cor azul que roxen coma monstros, raposos voadores e quilómetros, moitos quilómetros de percorrido polo mar, o aire e os revirados camiños dun planeta observado cos ollos atentos e cheos de curiosidade de Xurxo Mariño. Como indica o escritor Xavier Queipo no limiar, «cada capítulo, cada etapa, cada anécdota é unha porta aberta aos sentidos e ao coñecemento, unha incitación á observación da natureza e, en particular, á natureza humana coma se se tratase dunha introdución á historia natural e de etnografía comparada». Aquí podes ler unha entrevista ao autor.

Xurxo Mariño le desde a Biblioteca América para os oíntes de Efervesciencia (espazo de información científica accesible a todos os públicos, que conduce Manuel Vicente. Coincide co noso horario de xuntanza. Algún día teremos que escoitalo!) un fragmento final de Terra na sección: Un libro, un autor, un espazo.

A editorial Xerais acaba de crear recentemente unha colección, Básicos Ciencia, que nace co propósito de divulgar a ciencia en galego. Nós tamén queremos achegarcha a ti, lector ou lectora, e facelo tamén da man da poesía e da literatura. Que o camiño  sexa longo, pleno de aventuras, pleno de experiencias. 

 

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Ciencia e poesía