Arquivo da categoría: Aldebarán

Novas desde Aldebarán

Onte tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura deste novo curso. E desenvolveuse nunha estrela: a de Aldebarán. Esta está habitada por humanoides (Manu explicounos a súa perfecta teoría sobre quen eran os humanoides e os non humanoides que alí vivían. Non queremos dicir nada sobre a humana condición, pero os que el consideraba non humanoides eran seres mellores, isto é, aínda non estaban contaxiados da “maldade” humana).

aldebarán 038

Xa sabedes que tivemos moitos problemas para conseguir o libro (seica está agotado) e só puideron lelo catro persoas. Pese a iso non foi unha sesión nada desaproveitada. A idea inicial era compartir o argumento do libro diante dun pedazo de xeado de chocolate como fixeron os protagonistas coas súas vidas nun momento da historia. Pero isto resoltounos un pouco difícil (non é doado narrar sen desvelar detaller importantes e deixándolle espazo á intriga para poder ler a obra e atopar sorpresas).

Por iso, os e as que leron o cómic falaron dos temas expostos na mesma (co sabor do xeado de chocolate, iso si!) . Guille, a que non lle gustou demasiado sobre todo pola pouca expresividade dos debuxos ( a este respecto atopamos un cómic demasiado sexista cuxas protagonistas encarnaban ese modelo de muller espectacular que a publicidade nos quere vender) destacou a visión filosófica da obra: os persanaxes pregúntanse a onde imos, de onde vimos e reflexiona sobre as orixes e a importancia das mesmas. Cómpre dicir, neste senso, que a ciencia ficción é un xénero que convida á reflexión filosófica.

Por outro lado Luis destacou algo moi interesante: a capacidade dos protagonistas para seguir avanzando,progresando sen deterse nos ou polos obstáculos, que nunca eran insalvables grazas, sobre todo, ao inxenio e ao afán resolutivo dos personaxes.

Dani detívose noutro punto: o binomio ditadura /liberdade que percorre a obra, a exposición dos abusos de poder e, sobre todo, a solidariedade das persoas disidentes, das que pretenden escapar das mans, das poutas do poder e das súas imposicións.

Outra idea positiva que aparece na obra é, segundo Manu, o respecto polo medioambiente, a creación dunha tecnoloxía avanzada pero respectuosa cos recursos do planeta estrela.

Finalmente, poden destacarse outros dous temas: o amor e o sexo, que, por certo, non teñen por que confluir sempre. Os protagonistas viven unha iniciación nos dous eidos.

Deixamos un tema sen tocar para non quitarlle intriga ao libro por se algún de vós vos animades a lelo.

aldebarán 040

Finalmente, presentamos as dúas mochilas viaxeiras que hai na biblioteca para levar en préstamo (feitas por Rodrigo, a quen seguimos lembrando e querendo). Unha leva o nome do cómic e da estrela Aldebarán. A outra é tamén sideral e chámase Alnitak. Nas dúas atoparedes material relacionado co mundo da astronomía.

Podedes collelas! Na biblioteca tamén atoparedes a segunda parte do cómic: Beltegeuse.

(Procedencia da imaxe)

E aínda nos deu tempo a presentar e ler uns fragmentos do vindeiro libro obxecto de lectura e comentario: A evolución de Calpurnia de Tate, de Faktoría k de Libros da editorial galega  Kalandraka. A autora é Jacqueline Kelly

Será comentado o vindeiro luns 7 de decembro e o profe  mediador será Alfonso.

 

plantillaimagenWEB

(Procedencia da imaxe)

 

 

 

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia ficción

Viaxe a Aldebarán

Xa imaxino que moitos e moitas vos preguntaredes por que non está na biblio o libro que temos que ler este mes Aldebarán. Xa está pedido na librería desde hai días pero parece que hai problemas cos distribuidores. Lamentamos este retraso e disculpámonos por tervos agardando tanto tempo. Agardamos que cheguen pronto e que vos dea tempo a lelos a semán que vén.

Mentras non chega podedes ir meténdovos na historia. Collede, se queredes a mochila viaxeira Aldebarán que hai na biblio. Nela atoparedes moito material relacionados coa estrela que dá nome ao cómic.

No libro recréase a vida no planeta de Aldebarán que foi colonizado hai tempo polos terrícolas, mais estes perderon a conexión co lugar. Aproveitando esa ausencia os “aldebaranenses” (acéptanse suxestións para o xentilicio) artellan un ditadura que ten sometidos aos habitantes que alí viven. En fin, como se os terrícolas non fosemos expertos en crear ditaduras!!!

No citado planeta hai, evidentemente, unha fauna e unha flora moi diferentes ás da Terra. A aparición dun animal, a mantriz ( e o poder que esta ten) vai provocar unha sucesión de acontecementos vertixinosos que faran tambalear ao poder e ao exército. Nada hai na Terra que se semelle a ela. A fauna dese “planeta” é moi, moi diferente á terrestre:

Con respecto á paisaxe, esta si ten máis parecido  coa que nós coñecemos. De feito, hai un lugar (que aparece debuxado na páxina 69) me lembra a algo coñecido: a fermosísima praia das Catedrais, na Mariña lucense. Fixádevos nel cando o leades!

(Procedencia da imaxe)

Alúdese tamén, na obra, a dous lugares do planeta Terra: Casablanca en Marrocos e o pobo de Zagorsk, ao norte de Moscú. De alí proceden os protagonistas Driss y Alexa.

Tamén é importante que coñezades a Antonio Carlos Jobim. Mirade que ben soa a súa canción “Woves”. Así saberedes de quen fala Jose na páxina 74.

Boa viaxe! Boa lectura!

Nota: o autor da obra é Luiz Eduardo de Oliveira, apodado Leo*. Podedes saber máis del se clicades aquí. O cómic é unha historia de resistencia no medio dun océano. El probablemnete saiba de resistencias políticas pois a súa biografía está marcada polas continuas fuxidas das ditaduras que asolaron ao continente hispanoamericano durante o  século XX. Aquí tedes (en francés) unha pequena entrevista co autor:

*Non confundir con este Leo (que tamén está moi ben, por certo!)

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia