Arquivos mensuais: Novembro 2015

Ata sempre, Neira Vilas

Na anterior entrada convidabámosvos a asistir ao relatorio que o autor Xosé Neira Vilas deu en Mondariz. E hoxe, que fráxiles son sempre os nós que nos atan ávida, rendémoslle unha sentida homenaxe ao autor que, como saberedes, nos deixou na madrugada do venres.

Xosé Neira Vilas

A imaxe está extraída de aquí (un artigo de Montse do Pico, publicado en Praza Pública ,que recolle os datos máis salientables da súa vida e obra)

O IES  Val do Tea amosa o seu pesar pola súa morte. Algúns profes, alumnos e alumnas, ex alumnas,  pais e nais coincidimos en Mondariz para velo e escoitalo, e disfrutamos con el da que sería unha das últimas tardes da súa vida. Fixo alarde dunha lucidez extraordinaria, dunha humildade e cercanía que só os garndes teñen e amosou con clarividencia o seu profundo compromiso con Galiza (a de aquí e a da diáspora que tanto fixo por esta e que tan ben coñeceu el acompañado da súa compañeira). Tivo, ademais, o detalle de asinarnos os seus libros aos que alí estabamos con moito gusto e sen amosar un chisco de cansancio despois de estar case dúas horas falando.

Estabamos artellando con el unha visita que se ía celebrar no instituto o día 14 de decembro destinada ao alumnado de 2º de Bacharelato que está lendo agora mesmo as súas Memorias dun neno labrego. A morte, que nunca se esquece de ninguén, veuno buscar esta semana e deixounos especialmente tristes porque estabamos planificando con el este encontro e porque Galicia queda un pouco orfa de amor, o que el lle profesaba.

Neira Vilas, grazas polas túas palabras, pola túa obra na que soubeches reflectir con realismo, tenrura, dignidade e sobriedade a vida da Galiza rural e polo teu exemplo de home comprometido coa cultura do noso país.

De modo máis personal, grazas por contar a historia do meu pai, que foi un Balbino. Morreu sen coñecer esas Memorias que ti fixeches dos nenos coma el pero eu oinlle miles de anécdotas semellantes ás que lle ocorreron a Balbino.  Ti elexiches coma protagonistas da túa obra a xente coma o meu pai e el quedou un pouco vivo na túa obra.  Velaí o teu poder: estendenderte máis alá non só da túa morte senón da de todos os Balbinos deixando un testamento impagable: a historia do que somos.

Manoele de Felisa, “Cantos de lembranza” con versos de Neira Vilas

Deixar un comentario

Arquivado en Neira Vilas

Neira Vilas en Mondariz

Lectoras e lectores, lembrade que o vindeiro domingo 15 de novembro o autor Xosé Neira Vilas estará no concello de Mondariz ofrecendo un pequeno relatorio sobre a súa obra. O acto está organizado polo concello. Se clicades aquí podedes acceder á fundación que leva o seu nome.

Neira Vilas

É un autor de referencia na literatura galega, un home consecuente e íntegro que abordou, cando era moi difícil facelo, a situación da Galiza rural: a miseria, as desigualdades sociais, a vida no campo, a emigración.

A quen escribe (quizais porque foi unha nena de aldea) marcouna especialmente a lectura de Memorias dun neno labrego. É un novela que o autor adicou a todos os nenos e nenas que falan galego.

Así comeza a obra:

Eu son…

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha pra espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son como espeteiras pra colgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

¡Qué saben desto os nenos da vila!

Eles iñoran o que eu penso mentras boto ó corpo un gurruncho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un pantasma bretemoso en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e hastra rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non conozo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Como se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. E dempois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou prá casa púxose a escrebir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.

¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é pra menos. Porque nel deborco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas; pra dicir a verdade ou pra arredarse dela.

Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Eso é o peor que lle pode suceder a ún, pero a moita xente non se lle dá […]

Pódelo ler aquí ou coller o libro na biblioteca.

Cándido Pazó levou á escena ( con moita sensibilidade, a mesma coa que neira Vilas escribiu o libro) a obra. Aquí queda un fragmento da peza:

Outras obras do autor son Cartas a Lelo , Aqueles anos do Moncho ou a tenra obra Espantallo amigo.

Seguro que paga a pena escoitalo e, sen dúbida, lelo!

 

Deixar un comentario

Arquivado en Avisos

Novas desde Aldebarán

Onte tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura deste novo curso. E desenvolveuse nunha estrela: a de Aldebarán. Esta está habitada por humanoides (Manu explicounos a súa perfecta teoría sobre quen eran os humanoides e os non humanoides que alí vivían. Non queremos dicir nada sobre a humana condición, pero os que el consideraba non humanoides eran seres mellores, isto é, aínda non estaban contaxiados da “maldade” humana).

aldebarán 038

Xa sabedes que tivemos moitos problemas para conseguir o libro (seica está agotado) e só puideron lelo catro persoas. Pese a iso non foi unha sesión nada desaproveitada. A idea inicial era compartir o argumento do libro diante dun pedazo de xeado de chocolate como fixeron os protagonistas coas súas vidas nun momento da historia. Pero isto resoltounos un pouco difícil (non é doado narrar sen desvelar detaller importantes e deixándolle espazo á intriga para poder ler a obra e atopar sorpresas).

Por iso, os e as que leron o cómic falaron dos temas expostos na mesma (co sabor do xeado de chocolate, iso si!) . Guille, a que non lle gustou demasiado sobre todo pola pouca expresividade dos debuxos ( a este respecto atopamos un cómic demasiado sexista cuxas protagonistas encarnaban ese modelo de muller espectacular que a publicidade nos quere vender) destacou a visión filosófica da obra: os persanaxes pregúntanse a onde imos, de onde vimos e reflexiona sobre as orixes e a importancia das mesmas. Cómpre dicir, neste senso, que a ciencia ficción é un xénero que convida á reflexión filosófica.

Por outro lado Luis destacou algo moi interesante: a capacidade dos protagonistas para seguir avanzando,progresando sen deterse nos ou polos obstáculos, que nunca eran insalvables grazas, sobre todo, ao inxenio e ao afán resolutivo dos personaxes.

Dani detívose noutro punto: o binomio ditadura /liberdade que percorre a obra, a exposición dos abusos de poder e, sobre todo, a solidariedade das persoas disidentes, das que pretenden escapar das mans, das poutas do poder e das súas imposicións.

Outra idea positiva que aparece na obra é, segundo Manu, o respecto polo medioambiente, a creación dunha tecnoloxía avanzada pero respectuosa cos recursos do planeta estrela.

Finalmente, poden destacarse outros dous temas: o amor e o sexo, que, por certo, non teñen por que confluir sempre. Os protagonistas viven unha iniciación nos dous eidos.

Deixamos un tema sen tocar para non quitarlle intriga ao libro por se algún de vós vos animades a lelo.

aldebarán 040

Finalmente, presentamos as dúas mochilas viaxeiras que hai na biblioteca para levar en préstamo (feitas por Rodrigo, a quen seguimos lembrando e querendo). Unha leva o nome do cómic e da estrela Aldebarán. A outra é tamén sideral e chámase Alnitak. Nas dúas atoparedes material relacionado co mundo da astronomía.

Podedes collelas! Na biblioteca tamén atoparedes a segunda parte do cómic: Beltegeuse.

(Procedencia da imaxe)

E aínda nos deu tempo a presentar e ler uns fragmentos do vindeiro libro obxecto de lectura e comentario: A evolución de Calpurnia de Tate, de Faktoría k de Libros da editorial galega  Kalandraka. A autora é Jacqueline Kelly

Será comentado o vindeiro luns 7 de decembro e o profe  mediador será Alfonso.

 

plantillaimagenWEB

(Procedencia da imaxe)

 

 

 

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia ficción