Arquivos mensuais: Outubro 2014

O teatro clásico

Teatro romano de Mérida

(Procedencia da imaxe)

A palabra teatro, procedente do grego θέατρον, designa non só o xénero literario, que hoxe en día coñecemos sobre todo como representación escénica, senón tamén o lugar onde se representa. Este substantivo ten a mesma raíz co verbo θέομαι que significa ver, mirar, contemplar, observar. O cal nos mostra que xa na súa orixe era un xénero concebido para ser representado, pero o teatro escríbese e, ademais de representarse, tamén se le, como facemos este curso no club de lectura.

O teatro, igual que outros xéneros literarios cultivados hoxe en día, ten a súa orixe na civilización clásica, concretamente en Atenas e é continuado posteriormente en Roma.

Deixámosvos un vídeo sobre o nacemento do teatro en Grecia (as voces non resultan moi agradables, pero o contido é interesante)

Fixaivos como se fala do teatro, na súa orixe, coma a fusión de diferentes elementos e incluso se fala del coma “unha prolongación da filosofía”.

Dise no vídeo que a traxedia e o drama satírico se representaban en festas relixiosas. Tede en conta que ó falar de relixión no mundo clásico non nos referimos ó mesmo que hoxe en día podemos entender por “festa relixiosa” ou “culto”. Cando falamos deste tema acostumamos a ter en mente a relixión católica ou cristiana, sen embargo hai que recordar que os gregos e romanos, antes do cristianismo, eran politeístas e os deuses, aínda que inmortais e todopoderosos, tiñan as súas propias historias de pasións, vicios e virtudes coma os seres humanos.

En Roma os comediógrafos máis destacados foron Plauto e Terencio.

O universo do teatro de Plauto son os cidadáns normais e correntes, que non teñen un papel destacado na vida social e política. Hai nas súas obras unha serie de personaxes que se repiten coma estereotipos: o escravo astuto; o vello conservador, avaro e incluso “verde”; o xove inmaduro, derrochador, irreflexivo; o leno ou alcaiote; a prostituta…Os espectadores identifican facilmente estes personaxes e provócanlles risa Ademais nas obras de Plauto as situacións de engano, confusión, etc. tamén moven á risa.

As obras van precedidas xeralmente dun prólogo, no que unha personaxe conta o argumento e pide a benevolencia (captatio benevolentiae) e os aplausos do público.
Plauto, home de pobo, soubo interpretar felizmente as inquietudes, aspiracións e frustracións da sociedade romana da súa época, unha sociedade que estaba cambiando
pola gran afluencia de escravos procedentes das guerras contra Aníbal. Os escravos son os protagonistas das comedias, onde se bulra e se engana ás clases acomodadas e isto debía resultar atractivo para as clases sociais máis desherdadas, que acudían en masa ás representacións e víanse reivindicadas na escea. Pero a Plauto non lle interesaba transmitir ningunha mensaxe social nin moral, senón unicamente facer rir, por iso a súa linguaxe é moi rica e expresiva.
Algunhas das súas obras son: Aulularia (comedia da oliña), Asinaria (comedia dos asnos), Anfitrión, Maenechmi  (os xemelgos), Pseudolos (o trapalleiro)
(Podedes ler algunhas online picando sobre o enlace ou buscándoas na biblioteca)

En canto ó teatro romano en xeral tamén podedes consultar algo máis no enlace á aula moodle de Latín de 2º do IES Val do Tea ou no blog de linguas clásicas.

Tamén vos deixamos este vídeo sobre a arquitectura dos teatros gregos e romanos.

Fixaivos que nos din que na súa orixe eran de madeira.

Seguramente alguén de vós víu un teatro romano, de estructura semellante, en algún lugar da península ibérica, pois consérvanse moi ben en Mérida, Tarragona, Itálica, Sagunto, Cádiz, Cartagena… dalgúns destes son as fotografías que se amosan ó final do vídeo. No teatro romano de Mérida continúan facéndose hoxe en día representacións teatrais. En época estival o Festival Internacional de Teatro Clásico , na primavera o Festival Juvenil de Teatro Grecolatino, que ten tamén coma escenarios outras cidades da península.

No blog El tablero de Piedra do arquitecto Carlos Sánchez-Montaña, experto en Proyectos, Historia e Urbanismo pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, tedes unha entrada estupenda dedicada ós teatros romanos en Hispania. Botádelle ó menos unha ollada.

 

 

Advertisement

Deixar un comentario

Arquivado en Teatro

As nosas mazás

O luns xa tivemos a primeira reunión arredor das mazás vermellas e do calor que da o teatro, sobre todo se se le e se comparte en voz alta.

Mazás vermellas

Mazás vermellas

E estas son as “mazás” que forman o cesto de lectores este curso:

Luis e Guille, que repiten

Luis e Guille, que repiten

As representantes femininas: Gemma (outra vez), Brenda e Laura (que se estrenan)

As representantes femininas: Gemma (outra vez), Brenda e Laura (que se estrenan)

Xoán Carlos, o artista entusiasta

Xoán Carlos, o artista entusiasta

Os máis antigos: Iago, Christian e Jorge. Falta Pedro. Non está na foto, pero si no club.

Os máis antigos: Iago, Christian e Jorge. Falta Pedro. Non está na foto, pero si no club.

Todas as mazás

Todas as mazás

As mazás recóllense agora no outono. Olen ben, son un alimento rico, pódense cociñar ao forno, pódense morder, pódense coller directamente do pomar e pódense deixar madurar para encher os armarios de olor cando arrecia o inverno e todo sabe a fume. Que os nosos lectores  mazás que maduren ben!

 

Como xa vos dixemos, coa obra que lemos achegámonos o problema que o pobo palestino está a sufrir na actualidade. Comparte temática coa película Promises, con guión de Justine Shapiro & B.Z. Goldberg. Tédela na biblioteca e comeza así:

 

O mesmo conflito e unha ollada semellante desenvolve a novela Saboreando el cielo de Ibtisam Barakat, publicada pola editorial Bambú. O libro está na biblioteca.

A imaxe procede da web da editorial Bambú

 Despois destas recomendacións, deixámosvos xa co libro que tedes que ler para a vindeira xuntanza. Como cómpre empezar polo principio imos ler a Plauto, concretamente a Aulularia. Os libros que temos na biblioteca están publicados por Galaxia.

  Procedencia da imaxe. Teatro grecolatino onde se podería ter representado a Aulularia de Plauto. Representa o teatro de Mérida onde ten lugar un importante festival de teatro clásico. Se clicades aquí tedes unha audioguía de tan fermoso teatro. Que teñades unha boa lectura!

 

Deixar un comentario

Arquivado en Recomendacións

Mazás vermellas para comezar

Estimados lectores, como xa sabedes mañá arranca o club de lectura deste curso. Xuntarémonos, como é habitual, os luns á hora de xantar.

Este curso o fío conductor será o teatro. Nos cursos anteriores sempre lemos novelas coas que viaxamos a diferentes partes do mundo ou polas distintas etapas da vida. Nesta ocasión, eleximos o xénero teatral para facer unha viaxe pola historia do teatro. Este será o percorrido:

OUTUBRO: Lectura de Manzanas rojas, de Luis Matilla.
NOVEMBRO: Aulularia, de Plauto.
DECEMBRO: Moito ruído e poucas noces de Shakespeare
XANEIRO: selección de Entremeses de Cervantes
FEBREIRO: Adaptación de Fuenteovejuna (Anaya editorial) de Lope de Vega
MARZO: Casa de bonecas, de Ibsen
ABRIL: A fiestra valdeira, de Rafael Dieste
MAIO: Tres sombreros de copa, de Miguel Mihura
XUÑO: Por determinar (en función da obra que se traballe no obradoiro de teatro organizado póla biblioteca)

A primeira, como vedes, é unha obriña de Luis Matilla que leremos xa mañá.En  Manzanas rojas o autor aborda o conflito palestino- israelí desde a mirada inocente de dous nenos separados polo muro da intolerancia e da guerra que están a sufrir arestora nesa parte do mundo.

Procedencia da imaxe

Cómpre que saibamos ubicar no mapa o lugar onde se desenvolven a historia e o conflito armado:

                                                           (Procedencia da imaxe)

E que coñezamos algo sobre a situación que se está a vivir alí na actualidade. Aquí temos unha breve explicación:

E  mentras nós lemos esta obra mañá, en Palestina tamén mañá, solidarizándose coa loita deste pobo, un “comando” de pallasos en rebeldía está a celebrar a segunda edición do Festiclown Palestina en Cisjordania para apoiar ás vítimas de Gaza.

Aquí tedes  “A risa tras o muros” filmada na anterior edición. Boa mostra de como o circo e o teatro poden ser armas ao servizo do pobo.

Se nos é posible un deses combatintes da risa virá contarnos ao instituto como viviu esa experiencia circense en Gaza. Este curso as lecturas darán para moito!! Xa vos iremos contando. De momento, vémonos mañá ás 14:30 na biblioteca. Traede os bocatas, as mazás (vermellas)  xa as levamos nós.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Avisos, Recomendacións, Teatro