Arquivo da categoría: Aulularia

Pero é Plauto un cómico?

Esta é a pregunta que nos fixeron os lectores da obra de Plauto nada máis empezar a xuntanza deste pasado luns. Parece ser que nin os xogos de palabras, nin os enredos, nin os apartes, nin sequera os golpes que se propinaban uns aos outros lles fixeron gracia aos selectos (ata no sentido do humor) lectores.

E que a comedia clásica non é igual que a actual? A este respecto explicounos Adelia (a nosa experta) que as diferencias entre a comedia e traxedia non eran as mesmas no teatro clásico que no actual. Os antigos chamaban traxedias a aquelas obras que escenificaban a impotencia do ser humano ante o destino mediante o plantexamento dunha serie de situacións que desembocan nun final desgraciado. Os personaxes adoitaban ser nobres ou de elevada posición social (incluso deuses). O protagonista encarnaba unha pasión do ser humano, como a ambición, o amor, o desexo de vinganza, o cumprimento dun deber moral… Na acción, o protagonista vese envolto nun conflito que non buscou e cuxa solución non depende del, senón o destino ou de seres sobrenaturais máis poderosos ca el, polo que termina derrotado. A miúdo a súa desgraza arrastra a outros personaxes. Pola contra, unha comedia era aquela obra cuxos protagonistas eran plebeios. Nela escenifícase un conflito orixinado por un personaxe cuxos defectos (a vanidade, a avaricia, a ambición…) son tan esaxerados que resultan ridículos. O enredo desencadenado polo protagonista da lugar a situacións chistosas e disparatadas (sustentadas na meiranda parte dos casos en acción esaxeradas, en xogos de palabras, malentendidos…) e ten un final feliz. Así mirado, o que lemos si é unha comedia.

 (Procedencia da imaxe)

Aceptamos Aulularia como comedia. Con todo, os lectores non acabaron de verlle a gracia. Si percibiron, iso si, que aos personaxes lles faltaba certa profundidade. Boa precisión, pois na obra “viven” personaxes tipo (arquetipos, previsibles, que representan unha forma de ser) moi habituais na obra de Plauto (na entrada anterior Adelia tamén nos falaba deles). A este respecto podedes ver a película Golfos de Roma ou ler outras ¿comedias? do mesmo autor que están na biblioteca.

 

 

Outra eiva que atoparon na obra lida, e aquí a que escribe dalles a razón, é a deficiencia estrutural. Esta faise evidente, sobre todo, nas acotacións. Din os lectores que estaban incompletas nalgúns casos e que omitían informacións importantes. Xoán Carlos evocaba as acotacións das obras de Valle Inclán. As comparacións son odiosas, pero neste caso máis pois estamos comparando a dous autores de épocas distintas, con paradigmas distintos e,  polo tanto, con dúas visións moi diferentes do teatro. Non é xusto para Plauto comparalo cun grande como Valle Inclán. A función dunha acotación, como ben sabedes, é dar unha indicación escénica a un actor. Pero Valle non só facía iso, senón que as dotaba dun valor estético que superaba a súa condición de simple anotación. As didascalias de Valle (coma as de Federico García Lorca) constitúen per se nun documento literario. Valle era un dramaturgo, un esteta, un escritor que pensaba no teatro non só como espectáculo senón como texto. Pola contra, Plauto escribía pensando na representación, no escenario e non creo que imaxinase que as súas obras se fosen ler nin cando as escribía e moito menos tantos séculos despois da súa morte.

Para rematar, todos botaron de menos un final. Neste caso, a “culpa” non é de Plauto. É do tempo. A obra está inacabada porque se perdeu o documento final como aconteceu con outros textos do mesmo autor.

Sexa como fora, aquí queda a súa obra, fonte de inspiración para autores posteriores. É o caso de Molière, que

tamén retratou un avaro na obra El avaro, que podedes atopar na biblioteca.

Ou o de Núñez Singala coa súa obra O achado do castro, de raíces moi plautianas.

 

       (Procedencia da imaxe)   

Para a seguinte xuntanza comentaremos  Moito ruído e poucas noces, de William Shakespeare. Como vedes seguimos coa comedia. A ver se agora temos máis sorte!!! Boa  lectura a todos e… “non sufrades, nenas, non sufrades, que o home é un farsante!!”

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Aulularia