Arquivo da categoría: Neira Vilas

Ata sempre, Neira Vilas

Na anterior entrada convidabámosvos a asistir ao relatorio que o autor Xosé Neira Vilas deu en Mondariz. E hoxe, que fráxiles son sempre os nós que nos atan ávida, rendémoslle unha sentida homenaxe ao autor que, como saberedes, nos deixou na madrugada do venres.

Xosé Neira Vilas

A imaxe está extraída de aquí (un artigo de Montse do Pico, publicado en Praza Pública ,que recolle os datos máis salientables da súa vida e obra)

O IES  Val do Tea amosa o seu pesar pola súa morte. Algúns profes, alumnos e alumnas, ex alumnas,  pais e nais coincidimos en Mondariz para velo e escoitalo, e disfrutamos con el da que sería unha das últimas tardes da súa vida. Fixo alarde dunha lucidez extraordinaria, dunha humildade e cercanía que só os garndes teñen e amosou con clarividencia o seu profundo compromiso con Galiza (a de aquí e a da diáspora que tanto fixo por esta e que tan ben coñeceu el acompañado da súa compañeira). Tivo, ademais, o detalle de asinarnos os seus libros aos que alí estabamos con moito gusto e sen amosar un chisco de cansancio despois de estar case dúas horas falando.

Estabamos artellando con el unha visita que se ía celebrar no instituto o día 14 de decembro destinada ao alumnado de 2º de Bacharelato que está lendo agora mesmo as súas Memorias dun neno labrego. A morte, que nunca se esquece de ninguén, veuno buscar esta semana e deixounos especialmente tristes porque estabamos planificando con el este encontro e porque Galicia queda un pouco orfa de amor, o que el lle profesaba.

Neira Vilas, grazas polas túas palabras, pola túa obra na que soubeches reflectir con realismo, tenrura, dignidade e sobriedade a vida da Galiza rural e polo teu exemplo de home comprometido coa cultura do noso país.

De modo máis personal, grazas por contar a historia do meu pai, que foi un Balbino. Morreu sen coñecer esas Memorias que ti fixeches dos nenos coma el pero eu oinlle miles de anécdotas semellantes ás que lle ocorreron a Balbino.  Ti elexiches coma protagonistas da túa obra a xente coma o meu pai e el quedou un pouco vivo na túa obra.  Velaí o teu poder: estendenderte máis alá non só da túa morte senón da de todos os Balbinos deixando un testamento impagable: a historia do que somos.

Manoele de Felisa, “Cantos de lembranza” con versos de Neira Vilas

Deixar un comentario

Arquivado en Neira Vilas