Arquivos mensuais: Xuño 2013

Despedida, peche e recomendacións

“A volta ao mundo en 8 libros” que comezou con “A volta ao mundo en oitenta días” de Jules Verne, non podía  menos que acabar con outra volta e outro Xulio: “La vuelta al día en 80 mundos” de Julio Cortázar.

Esta obra é unha particular homenaxe do gran Cortázar ó seu tocaio, cos libros do cal disfrutou de neno. Esta entrada é a nosa homenaxe ós dous Xulios, ós seus libros, ós libros en  xeral e ós lectores en particular.

Con ela pechamos o noso periplo polos libros, comezamos un 24 de setembro e rematamos un 24 de San Xohán. Xa fixemos a nosa guía de lecturas para o verán (os libros, coma as bicicletas, son tamén para o verán), pero non imos deixar pasar este día sen facer algunha recomendación moi acaída.

*”Polo San Xohán a sardiña molla o pan”, segundo o refraneiro popular, así que nós recomendamos: “No pidas sardina fuera de temporada” de Andreu Martín e Jaume Ribera (1987). Esta é a primeira novela do arquifamoso detective Flanagan

(Procedencia da imaxe)

*Un clásico para a ocasión: “Soño dunha noite de verán”, e aquí temos varias recomendacións nunha.

O clásico de Shakespeare

película do 1999, dirixida por Michael Hoffman

e a película de animación do 2005, dirixida por Ángel de la Cruz e Manuel Gómez Santos, que se estreou na Coruña. Levou o Goya á mellor película de animación no 2006.

(Procedencia da imaxe)

*Para que practiquedes o inglés:

“On Midsummer-eve, Adèle, weary with gathering wild strawberries in Hay Lane half the day, had gone to bed with the sun. I watched her drop asleep, and when I left her, I sought the garden”

Este fragmento aparece na páx.246 da edición de Penguin Popular Classics da obra de Charlotte Brontë “Jane Eyre”, que tamén vos recomendamos, por que non?

A tradución tédela en Alianza editorial. O fragmento citado na páx. 354

Podedes tamén ver a película.

“La víspera del día de San Juan, Adèle, fatigada de recoger fresas durante horas en el camino de Hay, se acostó al ponerse el sol. Me quedé con ella hasta que se durmió, y, cuando la dejé, salí al jardín.

*Vaia, recoller fresas! E logo por que non recomendarvos “Campos de fresas”  de Jordi Sierra i Fabra,como lectura de verán? Tedes exemplares dabondo na biblioteca.

E pechamos xa entrada e blog, desexándovos a todos e todas unhas boas vacacións e unha boa viaxe lectora ou xeograficamente falando. Lembrade levar convosco un libro, ou máis, sempre que viaxedes, e se non saídes de onde estades, viaxade a través dos libros.

Vémonos en setembro cun novo proxecto. Ata logo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Cine, Recomendacións

As bicicletas son para o verán. Os libros tamén.

Esta última viaxe que fixemos foi montados nunha bici. Pois ben, deixámosvos aquí posibles viaxes para que fagades, en bici, este verán. A biblioteca Civican de Pamplona fixo esta interesante  guía de lectura de ciclismo e literatura.

(Procedencia da imaxe)

Aos que xa se citan na guía , engadimos algúns títulos.  Son, por exemplo,  El cartero Pablo Neruda, de Antonio Skármeta. Podedes atopar  o libro e a película na biblioteca.

Tamén na biblio atoparedes a película Diarios de motocicleta

Para os máis pequenos, de Gonzalo Moure, de quen xa falamos aquí, tedes A la mierda la bicicleta

E, coma radios de rodas de bicis, outro puñadiño de libros en dúas rodas:

Mi querida bicicleta de Miguel Delibes

La Revolución de las Mariposas”  , escrita polo tamén ciclista Oscar Patsí.

El ciclista” de Tim Krabbé.

Todo lo que una tarde murió con las bicicletas” de Llucia Ramis

“Diez bicicletas para treinta sonámbulos”

                                                  ( Procedencia da imaxe)

Elogio de la bicicleta“, do antropólogo Marc Augé. Así comeza o libro.

Ladrones de bicicletas” de Luigi Bartolini, que inspirou a película Ladrón de bicicletas, de Vittorio de Sica

La bicicleta estática , libro de relatos do catalán  Sergi Pàmies

Do estatismo da bici anterior ao movemento do cine. Ademais das películas citadas arriba, cómpre falar de Muerte de un ciclista, de Juan Antonio Bardem.

E , no sillín, podedes ler os dez mellores libros para ler en bicicleta.

Deixar un comentario

Arquivado en Cine, Recomendacións

Feiras do libro

Aínda que xa comezaron en primavera as Feiras do libro en Galicia, no verán aínda temos algunhas. Podedes aproveitar as vacacións para acercarvos á de Vigo, por exemplo, ou ás de A Coruña, Viveiro, Foz… se estades por alí.

Deixámosvos ó enlace á páxina das Feiras do libro de Galicia

e o calendario das que quedan en xuño, xullo e agosto.

Vigo

28.06 ao 07.07

A Coruña

01.08 ao 11.08

Xardíns de Méndez Núñez

Viveiro

13.08 ao 16.08

Xardíns de Noriega Varela

Foz

17.08 ao 20.08

Praza Conde de Fontao

Monforte

21.08 ao 24.08

Rúa Cardeal

Rianxo

25.07 ao 28.07

Praza do Concello

Deixar un comentario

Arquivado en Avisos

Reunión: “A cidade en chamas”

100_4061_resized

Onte, despois de varios cambios (un festivo local, unha excursión), tivemos a reunión do club de lectura. Non sei se os cambios antes mentados ou a elección do libro para a última sesión (iso das chamas a final de curso, cando xa todos estamos “queimados”!), o caso é que asistiron só Iago, Christian, Paula e Antía, ademais das mediadoras, claro. Pero, curiosamente, foi unha das mellores reunións: tranquila, cordial, falando cada un cando correspondía e escoitando ós demais (o que queira entender que entenda). Arriba podedes ver como tiñamos preparada a biblioteca para a reunión.

100_4062_resized

Esta foi a nosa viaxe particular polo mundo, e polo mundo dos libros. Na foto tedes os libros lidos durante o curso, esta exposición é a previa á guía de lectura do verán, que poñeremos proximamente no blog e unha mostra na biblioteca: “As bicicletas son para o verán. Os libros tamén”.

100_4063_resized

Comezamos a debullar algunhas opinións sobre o libro, que Iago calificou de “raro”. Como levamos todo o curso escoitando esta palabra referida a moitos libros, por parte de membros do club, e ningún deles nos definíu moi ben o seu significado, lanzamos desde aquí a pregunta. Que é un libro raro? Cales son os parámetros para definilo coma raro?

Paula e Antía non leran o libro enteiro. Christian e Iago, non só o leran, senón que facendo o reconto final foron dos que leron todos os libros de cada unha das sesións (“diso se trata, non?”, dixo Iago coa súa habitual espontaneidade e convicción). Estes dous rapaces si que deron a volta ó mundo. Antía, asistíu a todas as reunións e, aínda que non leu todos os libros (ela é máis de libros de ficción, fantasía), recoñece que os lerá nun futuro.

A pesar do “raro” do libro, lérono con detenemento, parece, aínda que ás veces entre ida e volta de Heller a toda velocidade coa súa bicicleta polas rúas de New York, os lectores se perderan un pouco.

A Christian sorprendeuno que houbese un traballo coma o de Heller: “mensaxeiros de noticias”. Despois de aclarar que estes americanos teñen de todo, outra sorpresa de Christian é a de que utilicen este servizo só estranxeiros. Sorpresa que non afectou a Iago, que di que os que viven alí, xa se dan as noticias eles mesmos, sen intermediaros.

Heller, o protagonista da nosa novela, ten unha sensibilidade especial para dar as malas noticias, por iso sempre lle toca anunciar as desgrazas, pero cando el se ve implicado emocionalmente coa persoa que recibe a noticia cóstalle máis (?)

Quizáis o feito de que os pais non se preocupan moito del, ou ó menos están lonxe (el vive cos avós), o fai máis sensible á dor dos demais. Iago é tallante cando di que os “pais non querían ó fillo”, por iso o deixaron cos avós, mentras eles fan labores de voluntariado noutros países.

Ben, para entender todos estes comentarios, igual é mellor que os que non o lestes, leades o libro. É unha noveliña cuxa trama se desenvolve en moi poucos días (a ver se algún lector nos di exactamente cantos días dura a acción), e a un ritmo trepidante, coma trepidante é o ritmo ó que se move o protagonista na súa bicicleta, sorteando todo tipo de obstáculos (incluso un policía borde) na cidade de New York. Novela de “planos cinematográficos”, que diría un crítico, o cal traducido á linguaxe do club é que “parece que estás nunha película”.

Podemos sacar proveito da obra desde o punto de vista social fixando a atención no tema da inmigración (o tema dos ilegais), o abuso de poder por parte da policía, incluso o diferente posicionamento de membros deste corpo con respecto ó seu traballo.

Podemos fixarnos nas relacións interpersoais que se establecen.  Entre os compañeiros de traballo de Heller; entre el e unha moza á que lle custa acercarse; a amistade intensa e incondicional de Heller con Salim, aínda que de diferentes idades. A de Salim co policía retirado, aínda que de condicións diferentes pero cunha orixe semellante. A dos inmigrantes entre si.

O afán de superación está patente en toda a obra, pois o protagonista, mentras traballa de repartidor, entrénase para o Tour de Francia, no que quere bater diversos records, aínda que ese afán competitivo non pasa por enriba da amistade: Heller non dubida en empregar os seus aforros para axudar a Salim.

Ademais de viaxar a New York onde se desenvolve a acción principal, podemos achegarnos a Istambul  (minoría kurda, situación da muller) onde queda o pasado máis lonxano de Salim. E se fiamos máis fino ata podemos ir á China, a Chile, onde diferentes personaxes teñen unha historia que deixaron atrás por tratar de achegarse ó soño americano.

100_4064_resized

E despois destas consideracións xerais do libro, aquí vos queda o retrato dos que chegaron ó final da viaxe e esperamos que emprendan outra con nós, se cadra, o ano que vén.

O libro máis valorado do club, entre estes catro campeóns foi “El retrato de Carlota” e “El niño que vivía con los avestruces”. Os menos (que pena!) “Sagarmatha” e “Frida”. As  mediadoras non dicimos nada, dixérono eles.

Non haberá xa máis reunións, pero nos días vindeiros iremos dando conta dalgunhas recomendacións lectoras para o verán, antes de pechar o blog. E aínda que nos tomemos un descanso blogueiro, seguiremos lendo e viaxando no verán.

Acabamos a entrada cunha cita de Imma Monsó, que é unha “frase do día de Minimàlia” e á que nós engadimos algo:

Escriure sobre un lloc és viatjar-hi literàriament”.
Imma Monsó (Lleida 1959)

“Escribir sobre un lugar é viaxar alí literariamente”, ó que nós engadimos “…e ler sobre un lugar, tamén”

1 comentario

Arquivado en A cidade en chamas, Nova Iorque, Recomendacións, Turquía

Cine turco, cine kurdo, cine en Estambul.

Xa fixemos mención da película do director español Vicente Aranda, baseada na novela de Antonio Gala e ambientada en Istambul.

Imos agora facer unha mención ó cine de directores  turcos, que gañaron numerosos premios nos últimos anos.

Fatih Akin, que ten a nacionalidade dobre turco-alemana e vive en Alemania, gañou o Oso de Ouro no Festival de Cine de Berlín do 2004 coa película “Gegen die Wand” (“Contra la pared”).

No 2007, o mesmo director gañou o Premio LUX do Parlamento Europeo coa película  “Al otro lado”.

“Cruzando el puente: los sonidos de Estambul” é un documental de Fatih Akin sobre a música, como o seu título indica.

Nuri Bilge Ceylan gañou o Premio ó Mellor Director no Festival de Cine de Cannes no 2008.

“Los climas” (2006)

“Érase una vez en Anatolia” (2011)

Podedes ver algúns títulos máis neste enlace a el multicine.com.

Por último citar a un director kurdo-sirio, Mano Khalil, director independente que traballa en Suiza.

Del son documentais coma “My prison, my home” sobre a situación de moitas familias kurdas ou tamén “Al Anfal- Fragments of life and death”,  que amosa os métodos de Hussein contra o pobo kurdo.

Deixar un comentario

Arquivado en A cidade en chamas, Cine, Turquía

Orhan Pamuk e o “Museo da inocencia”

Na entrada anterior falamos de Orhan Pamuk e de “El museo de la inocencia”. Dedicamos unha entrada á parte a unha curiosidade sobre esta novela ( tédela na biblioteca, como xa vos dixemos)

Ademais dunha lectura apaixoante de 83 capítulos, esta obra deu orixe a un verdadeiro museo, do que a  propia novela é unha guía que inclúe unha entrada gratuíta para o posible lector-visitante. Aquí tedes un vídeo que explica como so autor xestou a idea do museo ó tempo que escribía a novela.

Deixar un comentario

Arquivado en A cidade en chamas, Recomendacións, Turquía

Literatura turca, literatura en Estambul

Nesta entrada imos falar de literatura turca e literatura ambientada en Istambul.

En “A cidade en chamas” citábase varias veces a Nazim Hikmet.

Outro autor turco moi coñecido, pois foi premio Nobel no 2006, é Orhan Pamuk. Del temos na biblioteca “Nieve” e “El museo de la inocencia”.  (Podedes consideralas recomendacións para levar no verán)

nieve-9788499892023el-museo-de-la-inocencia-9788439722052

Se tedes interés en adentrarvos na literatura deste país, deixámosvos un enlace á librería Alberti onde podedes ver que hai moitos máis autores ca Orhan Pamuk. A sona deste é tanta que eclipsa a moitos outros bos autores, como se di neste artículo que vos enlazamos a propósito de “Gentes de Estambul” de Buket Uzumer.

Ademais da literatura turca, temos autores doutras nacionalidades que ambientan a súa obra neste país. Como exemplo deixámosvos a obra de Antonio Gala, “La pasión turca”, que  foi levada ó cine por Vicente Aranda con Ana Belén como protagonista no papel de Desideria.

Neste enlace tedes unha reportaxe de RTVE sobre a película.

E para finalizar engadimos un vídeo coa música desta película, de José Nieto.

Deixar un comentario

Arquivado en A cidade en chamas, Cine, Música, Recomendacións, Turquía