Arquivo da categoría: Ciencia

Viaxe a Aldebarán

Xa imaxino que moitos e moitas vos preguntaredes por que non está na biblio o libro que temos que ler este mes Aldebarán. Xa está pedido na librería desde hai días pero parece que hai problemas cos distribuidores. Lamentamos este retraso e disculpámonos por tervos agardando tanto tempo. Agardamos que cheguen pronto e que vos dea tempo a lelos a semán que vén.

Mentras non chega podedes ir meténdovos na historia. Collede, se queredes a mochila viaxeira Aldebarán que hai na biblio. Nela atoparedes moito material relacionados coa estrela que dá nome ao cómic.

No libro recréase a vida no planeta de Aldebarán que foi colonizado hai tempo polos terrícolas, mais estes perderon a conexión co lugar. Aproveitando esa ausencia os “aldebaranenses” (acéptanse suxestións para o xentilicio) artellan un ditadura que ten sometidos aos habitantes que alí viven. En fin, como se os terrícolas non fosemos expertos en crear ditaduras!!!

No citado planeta hai, evidentemente, unha fauna e unha flora moi diferentes ás da Terra. A aparición dun animal, a mantriz ( e o poder que esta ten) vai provocar unha sucesión de acontecementos vertixinosos que faran tambalear ao poder e ao exército. Nada hai na Terra que se semelle a ela. A fauna dese “planeta” é moi, moi diferente á terrestre:

Con respecto á paisaxe, esta si ten máis parecido  coa que nós coñecemos. De feito, hai un lugar (que aparece debuxado na páxina 69) me lembra a algo coñecido: a fermosísima praia das Catedrais, na Mariña lucense. Fixádevos nel cando o leades!

(Procedencia da imaxe)

Alúdese tamén, na obra, a dous lugares do planeta Terra: Casablanca en Marrocos e o pobo de Zagorsk, ao norte de Moscú. De alí proceden os protagonistas Driss y Alexa.

Tamén é importante que coñezades a Antonio Carlos Jobim. Mirade que ben soa a súa canción “Woves”. Así saberedes de quen fala Jose na páxina 74.

Boa viaxe! Boa lectura!

Nota: o autor da obra é Luiz Eduardo de Oliveira, apodado Leo*. Podedes saber máis del se clicades aquí. O cómic é unha historia de resistencia no medio dun océano. El probablemnete saiba de resistencias políticas pois a súa biografía está marcada polas continuas fuxidas das ditaduras que asolaron ao continente hispanoamericano durante o  século XX. Aquí tedes (en francés) unha pequena entrevista co autor:

*Non confundir con este Leo (que tamén está moi ben, por certo!)

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia

Outro blog

Acabamos de crear outro blog sobre libros. Pretende ser este un apoio para as clases de Literatura Universal. Tamén vos pode gustar a vós, que sodes lectores.

Se queredes coñecelo clicade aquí.

A primeira entrada está adicada ao libro Fahrenheit 451. É unha novela de ciencia ficción escrita por Ray Bradbury. Como este ano o proxecto de lectura xira arredor da ciencia quizais vos poida interesar.

 

(Procedencia da imaxe)

 

1 comentario

Arquivado en Ciencia

Ágora

Antes de metervos nos libros podedes ver a película Ágora, de Alejandro Amenábar. A protagonista é a matemática Hipatia de Alejandría.

Aquí queda unha das primeiras escenas da película:

E aquí un trailer da mesma:

Na biblioteca atoparedes a película.

Antes de vela podedes ver aquí a súa historia contada por Carl Sagan:

 

Deixar un comentario

Arquivado en Ciencia, Cine

Benvidas e benvidos!

Encetamos outro curso e con el unha nova andaina lectora. Nesta ocasión o eixe condutor da mesma será a ciencia e máis concretamente o papel das mulleres nese eido.

Así describe Dores Pereira, a actual coordinadora da biblioteca e tamén do club de lectura, a relación que existe entre ciencia e literatura:

Ciencia e literatura.

(Procedencia da imaxe)
Aparentemente, a ciencia e a literatura apelan a dous planos distintos do ser humano: a intelixencia e as emocións. Esta visión fúndase na idea, extendida pero inexacta, de que a literatura busca conmovernos coa creación de mundos imaxinados e/ ou imaxinarios; mentres que a ciencia centra os seus esforzos en revelar as claves do mundo real.
Pero estas dúas formas de abordar a realidade teñen máis puntos en común do que parece: as grandes obras literarias posúen a capacidade de iluminar profundamente a realidade, mesmo de anticipar descubertas e problemas científicos. Pola súa banda, os grandes avances científicos corroboran, resitúan ou precisan os límites nos que a creatividade literaria se move. Así, máis que antagónicas, ciencia e literatura colaboran na descrición integral do ser humano e do contexto no se insire.

E así ve ela o papel da muller na ciencia:

Remedios Varo, el mundo del mito y la ciencia.

 “Papilla estelar”,   Remedios Varo

As mulleres interesadas polo mundo da ciencia- aínda que non só estas- tiveron moitas dificultades para facer escoitar a súa voz nun ámbito históricamente reservado ao xénero masculino. Pero xa dende vello e malia os atrancos que tiveron que superar, conseguiron deixar a pegada da súa intelixencia alí onde fixaron a súa curiosidade e a súa paixón polo coñecemento. Dende Hipatía a Lise Meitner, da Condesa Lovelace a Marie Curie ou de Barbara McClintock a  Rosalind Franklin, estas mulleres, cuxos descubrimentos foron en ocasións atribuídos inxustamente a colegas masculinos, están aí para demostrar que a ciencia non entende de xéneros, senón de oportunidades e de condicións favorables ao seu desenvolvemento.
O club de lectura que se pon en marcha durante este curso no noso centro pretende achegarnos á figura destas mulleres, e abordar a lectura de obras que teñan como fío condutor a ciencia nalgún dos seus aspectos, sobre todo obras de autoría feminina: porque tamén no campo da creación literaria a ficción científica é un xénero ao que as escritoras se incorporaron, tardiamente pero con forza.

A ver se conseguimos ese obxectivo. Para chegar ata el fixemos esta escolma de libros  que relacionamos seguidamente pola orde na que van ser lidas e co nome do profesor/a que levará a sesión:

_ Leo Aldebarán, novela gráfica do artista brasileiro Leo. Para comentar en novembro con Dores e Esme.

_ A evolución de Calpurnia Tate  de Jacqueline Kelly. Editorial Kalandraka. Comentarase con Alfonso no mes de decembro.

_ Vinte mil leguas de viaxe submarina   de Xulio Verne . A reunión do mes de xaneiro, que levará Xulia xirará arredor deste clásico.

_ Mutacións sentimentais da autora Carme Torras será o libro para comentar no mes de febreiro coa profesora Rebeca.

_ O asasino invisible, de Xosé Durán. Comentarase no mes de marzo, con Paco.

_ Elixirase un deste dous para o mes de abril: Os ollos do tangaleirón de X. A. Neira Cruz ou Contos de Terramar Ursula.K Le Guin. A sesión farase con Esme.

Aínda que estes son os libros elixidos pode haber algunha modificación.

As xuntanzas serán, coma sempre, os primeiros luns lectivos de cada mes. Con todo, para coñecérmonos ou recoñecérmonos imos facer unha reunión inicial este martes no segundo recreo na biblioteca. Agardámosvos!!

Pechamos con un pequeno contacto cos mundos de Aldebarán, concretamente cos soños de Alexa, nos que ides navegar os vindeiros días:

Cómpre que coñezades este dato: Aldebarán é a estrela máis brillante da constelación Tauro.

Boa estancia nesta estrela e ata o luns 9 de novembro!

Deixar un comentario

Arquivado en Ciencia, Leo Aldebarán