Ainda que, desta volta, non ides ler o libro na casa si podedes botarlle unha ollada a este pequeno estudo da obra que estamos “dramatizando”.
Fuenteovejuna é unha obra de Lope de Vega escrita no século XVII e que participa de todas as ideas renovadoras que do teatro tiña o seu autor. Vexamos un pouco en que momento e como se desenvolve a comedia.
CONTEXTO HISTÓRICO
Os feitos que se amosan na obra acontecen a finais do século XV. Era a época do reinado dos Reis Católicos, Isabel e Fernando. Hai que lembrar que o reinado comeza con unha guerra civil, motivada pola sucesión de Henrique IV de Castela. Nela enfrentáronse os partidarios de Isabel, a irmá do rei, e os de Xoana a Beltranexa, filla ilexítima de monarca. A victoria definitiva dos Reis Católicos tivo lugar no 1476, ano no que se sitúa a acción da obra.
Cómpre salientar tamén a importante presencia ( e poder) que neste momento tiñan as Ordes militares. Estas desempeñaron un importante papel na Reconquista e repoboación de Castela. Destacan as de Santiago e a de Calatrava. Ambas posuían grandes dominios señoriais (coma feudos) rexidos por Comendadores, co mestre á cabeza. O seu poder era tal que, para contrarrestalo, os reis fundaban dentro dos territorios da Orde, uns enclaves que dependían directamente da Coroa: as vilas reais. Unha delas foi Cidade Real. As tensións entre as ordes militares ou a nobleza en xeral e a monarquía eran moi fortes ata a época dos Reis Católicos, que fortalecerían o poder real.
Feitos históricos
En abril de 1476 lévase a cabo unha sublevación popular en Fuente Obejuna, Córdoba. Lope coñécea a través das crónicas medievais.
Esta vila, en contra do desexo dos veciños, fora entregada por Henrique IV á Orde de Calatrava e estaba baixo o mando do despótico Comendador don Fernán Gómez de Guzmán. Este, por outra parte, convencera ao xove Mestre don Rodrigo Téllez Girón para que tomara partido contra os Reis Católicos, a favor da Beltranexa.
A COMEDIA
Situándonos na época de Lope (século XVII), o autor mira os feitos desde os ideais dominantes da España dos Austrias (monarquía absoluta): fòra dos Reis non hai salvación, a súa xurisdicción è sinónimo de paz,
xusticia, orde, concordia; con eles quedan borrados os riscos das inxustas situacións feudais.
Estrutura e temas
Na obra hai una acción con un doble fío. O principal se desaenvólvese nun plano privado (social e moral): son as actuacións do Comendador na aldea, que se cruzan con la historia amorosa de Frondoso e Laurencia.O secundario sitúase no eido público ou político, e comprende o enfrontamento da Orde de Calatrava coa Coroa. Os dous fíos vanse alternando e fúndense no desenlace. A conexión entre ambos é o personaxe do Comendador, traidor cos reis e tirano co pobo. A obra presenta o contraste entre o noble déspota e o pobo sinxelo, digno e honrado.
Nós leremos esta adaptación de Ricardo Gómez, publicada por SM
Segundo Juan María Marín na edición que preparou para Cátedra (a quen collemos como fonte para escribir esta entrada), os temas pricipais da obra son: a defensa da monarquí absoluta, a rebelión do individuo contra a orde social
o amor (especialmente o conflito amor natural, egoísta/ amor como harmonía)
o honor e a honra (temas moi habituais nas comedias do Barroco),
a oposición corte/aldea ou o eloxio da vida do campo e a visón da muller como fonte de rebeldía e valentía, que se traduce neste coñecidísimo monólogo de Laurencia:
Non sei se o director de cine Sergio Cabrera leu Fuenteovejuna ou non, pero a película que dirixiu: La estrategia del caracol, garda certa similitude coa obra de Lope. O filme ten tamén como protagonista a un pobo (neste caso unha comunidade de veciños) que se enfronta a un acto innoble e inxusto. Aquí vos queda un trailer da película, por se queredes comprobalo:
O luns, ben sabedes, saboreamos os entremeses de Cervantes
Entremeses e Entremeses de Cervantes
E emplatamos a comida principal, o plato forte, a comedia (que empezamos a degustar)
Plato forte: Fuenteovejuna, de Lope de Vega
“(…) Yo entiendo poco de versos, pero me han sonado tan bien que parecen de Lope de Vega, como son todas las cosas que son o parecen buenas(…)” Este é o comentaro irónico que pon Cervantes na boca do zapateiro de “La guarda cuidadosa” referíndose a Lope de Vega, dando a entender que Lope compoñía versos de desigual calidade. Independientemente da opinión que Cervantes tivese de Lope de Vega o caso é que este último modificou a concepción do teatro do século XVII e convertiuse nunha verdadeira estrela da escena nacional. Que unha obra estivese firmada por Lope garantía o seu éxito.
Pero, quen foi Lope? Aquí vos queda unha pequena biografía do autor, este Fénix de los Ingenios:
Que era o teatro para Lope de Vega? A resposta atopámola neste fragmento da película Lope.
A película está na biblioteca, así como moitas das comedias de Lope de Vega.
Na xuntanza de mañá imos comentar a peza Entremeses de Cervantes, editada por Bambú. Como é de supoñer, mañá teremos entremeses para comezar. Así que, antes de comer o bocata, pasade probar os entremeses que vos teremos preparados.
Fotografía da representación de “El Retablo de las maravillas” extraída de aquí ( Este entremés está baseado no tópico do rei espido)
Aquí vos deixamos unha breve explicación do xénero e do contexto histórico. Ademais de comentar esta obra comezaremos a ler Fuenteovejuna, De Lope de Vega. Esta lerémola nas xuntanzas. Ainda que se trata dunha adaptación, a obra presenta certas dificultades. Por iso mesmo faremos unha lectura dramatizada de colectiva da mesma para despois facer un comentario persoal da comedia de Lope.
Pero comecemos polos entremeses antes de entrar no prato principal.
Xa vos dixemos que a finais do século XV e durante todo o XVI triunfaba en España un teatro cómico, breve e popular. Xa durante o reinado dos Reis Católicos pareceron precursores deste tipo de teatro: Gómez Manrique, Juan del Encina, Lucas Fernández e Gil Vicente, que incorporaron ás súas pezas escenas costumbristas extraídas da vida cotiá, lirismo, humor e personaxes bobos ou simples e final feliz. Fronte á La Celestina, de Fernando de Rojas, que representaba unha tendencia máis tráxica, triunfou esta liña da comedia, que proseguiría Lope de Rueda cos seus Pasos, e máis tarde Cervantes cos Entremeses.
Xa vos comentamos na entrada anterior que o nome de entremés (sinónimo de paso), de orixe catalán, alude a unhas pantomimas ou farsas que se representaban entre os platos fortes de certos banquetes. De aí pasou aos currais de comedias e aos intermedios da obra principal. A brevidade e a comicidade son as súas características principais.
Cervantes viu representar os Pasos de Lope de Rueda e aprendeu deste autor a construir divertidos personaxes, de carácter costumista (criado bobo, ladrón, soldado pobre e/ou fanfarrón que nos lembra ao miles gloriosus de Plauto, estudante, vizcaíno, fidalgo sen recursos, prostituta, vello cornudo…) Asemade, Cervantes aprendeu do seu mestre Lope de Rueda que a trama fundamental para facer rir ao público debía ser un engano no que houbese burladores e burlados.
No estudo que aparece na edición que nós lemos, Emilia Navarro e Alfredo Reina León distinguen varios temas e personaxes recurrentes nos entremeses. Un dos que máis se repite é o tópico do matrimonio entre un home de avanzada idade e unha moza. Os matrimonios adoitaban ser concertados entre as familias e tiñan unha finalidade económica ou de ascenso social. Atopámolo tamén noutras obras como El sí de las niñas, de Leandro Fernández de Moratín, en La zapatera prodigiosa de Federico García Lorca ou na obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Cervantes aborda o tópico en “El viejo celoso” e nunha das historias de “El juez de los divorcios”.
Outro personaxe moi presente na tradición literaria española que tamén aparece nos entremeses cervantinos é o da alcahueta. Esta ten por oficio mediar entre os membros dunha parella para que acorden unha cita e posterior relación amorosa. A tradición literaria recolle a asociación popular da alcahueta coa bruxería. Neste senso destacan a Trotaconventos de El libro del Buen Amor, a Celestina, Gerarda na obra La Dorotea ou Fabia en El caballero de Olmedo, entre outras. Na obra que lemos aparece a veciña chamada Hortigosa en “El viejo celoso”.
A prostitución foi, desde a Idade Media, un fenómeno social documentado en moitas cidades españolas, práctica que se prohibiu en 1623. Para exercer o seu oficio asignábaselles a estas mulleres un pequeno barrio de extramuros chamado mancebía. Outras exercían en domicilios particualres, como as protagonistas de “El vizacíno fingido”. En “El juez de los divorcios” un dos personaxes relata ao xuíz os seus problemas conxugais con unha arrepentida.
A parella dama e criada tamén é moi común nos entremeses. Neles atopamos varios graos de confianza na relación entre elas: desde a actitude maternal da ama de Cristina en “La guarda cuidadosa” á de complicidade nun caso de infidelidade en “La cueva de Salamanca” e “El viejo celoso”. Nestes dous últimos, Cervantes móstranos unhas señoras que non pertencen á nobleza, senón á burguesía, para ilustrar o tema do adulterio. A convención teatral da época esixía que o tema da infidelidade conxugal (tan común na historia da literatura) se tratase en clave cómica e con personaxes que non pertencesen á aristocracia, dado que este tema podía poñer en entredito un dos valores fundamentais da clase nobiliaria destes séculos: a honra e, no caso de menoscabo da mesma, a vinganza.
A propósito dos personaxes femininos, xa vos decatariades da misoxinia que percorre todas as obras, pero que se fai especialmente presente na broma de “El vizcaíno fingido”
Como home barroco non podía faltar nos entremeses de Cervantes o tópico do engano aos ollos. A realidade, segundo o pensamento barroco, está en constante cambio e mudanza, nada permanece, nada hai firme, os sentidos engánanos, a verdade depende do punto de vista ou perspectiva, todo é pura apariencia e teatro.O mundo é puro teatro, é engano, é apariencia e ficción. Lembremos, entre moitos, “La cueva de Salamanca” onde aparece o recurso ao teatro no propio teatro ao igual que en “El Retablo de las maravillas”.
O retablo deste entremés, se existise, tal vez fose semellante ao de Maese Pedro que aparece en El Quijote. Manuel de Falla púxolle música a ese fragmento:
Por outra parte, as letras e as armas son dous temas moi presentes nas obras cervantinas (podemos lembrar o famoso “Discurso de las armas y las letras” pronunciado por D. Quijote, de quen xa falamos aquí). Tamén aparecen nas pezas que estamos lendo. As letras están representadas, entre outras, pola figura do sacristán. A diferencia do soldado, este ten cartos, polo seu contacto coa igrexa, e dispón de máis recursos dialécticos para conquistar ás mulleres, como lles acontece aos protagonistas de “La guarda cuidadosa” e “”La cueva de salamanca”.
Con respecto ás armas, cómpre dicir que Cervantes mostra unha grande simpatía pola figura social e literaria do exsoldado. A este personaxe adoita velo coma un perdedor, un tipo pobre, idealista, abandonado pola Administración, que non consigue traballo para poder manterse, que se esforza inutilmente en facer valer as súas gloriosas fazañas bélicas para conseguir un traballo ou o amor dunha muller. É caso dos exsoldados que aparecen en “La guarda cuidadosa” ou “El juez de los divorcios”.
Outro tema presente na obra cervantina e tamén na tradición literaria e filosófica occidental é o da maxia e os soños vencellados ás covas. A cova é un espazo mítico universal onde se alteran as coordenadas do tempo e do espacio. Pode simbolizar o descenso para adquirir un coñecemento irracional e misterioso, a inmersión no subconsciente humano ou tránsito cara ao mundo da ultratumba. Son famosas as covas de Platón e a súa teoría das ideas, a de Alí Babá ou as de Cervantes, concretamente a de Salamaca e a de Montesinos. A primeira era un lugar onde, segundo unha antiga tradición, o mesmo diaño daba clases de artes máxicas e adiviñacións. Segundo outra lenda, era o párroco da igrexa de San Ciprián quen ensinaba a súa escura sabedoría a sete alumnos ao longo de sete anos. Dicíase que esta cova era a entrada a un labirinto de túneles secretos que conectaba os lugares máis importantes da cidade: a Catedral e a Universidade. O estudante protagonista de “La cueva de Salamanca” aproveita a popularidade desta lenda para enganar a un marido que é vítima da infidelidade da súa muller. Neste caso, a carboneira da casa convértese na famosa cova e serve de gancho para o engano. Por outra banda, a cova de Montesinos, que se atopa no Parque Natural das lagoas de Ruidera (entre Ciudad Real e Albacete), foi visitada por don Quijote, se ven a imaxinación do fidalgo convertiuna nun inmenso palacio de cristal.
Finalmente, non podemos deixar de falar do entremeses como espello da sociedade barroca. Estes constitúen un documento excepcional de como a profunda crise económica e social da España do século XVII afectou á xente na súa vida cotiá levándoas ao conflito, ao desengano, á pobreza, á infelicidade, á incertidume… Como xa comentabamos anteriormente, as crises son moi semellantes ainda que estean moi distanciadas no tempo. Moito me temo que sempre as pagan os mesmos e tamén os mesmos as provocan en calqueira época. A ver se vos soa isto de algo: a crise social e económica que viviu España durante o século XVII tivo unha raíz financieira. Os gastos do Estado eran desmesurados, sobre todo polo luxo e ostentación da Corte e pola elevada factura que se tiña que pagar para manter o imperio. Ante a falta de ingresos suficientes, o Estado tiña que acudir a pedir diñeiro prestado aos bancos, especialmemte aos xenoveses. Mais, en ocasións, a falta de de ingresos era tal e a débeda tan alta, que o Estadao quebrou e viuse obrigado a declarar a suspensión de pagos. Nesta situación, os bancos non puideron cobrar os préstamos. Esta crise financieira estaba en boca de todos, como se pode observar no entremés “El vizcaíno fingido”. Asemade, na conciencia de moitos cidadáns do século XVII, a bancarrota do Estado debíase a que a monarquía dos Austrias pecaba de despilfarro. Para mostrar grandeza (que non era tanta, por certo), nas cortes eran frecuentes as festas, o luxo, a ostentación e un sistema de privilexios económicos dos que se beneficiaba a aristrocracia. En efecto, xeralizáronse unha pagas extraordinarias ou subvencións chamadas “axudas de costa”. Cristina chama ao cliente de Brígida precisamente axuda de costa, como caída do ceo (así como todas as subvencións e pagas extras que recibía a aristocracia e que encubrían un sistema de clientelismo e corrupción que sangraba as contas públicas): de forma humorística, Cervantes pon o dedo na chaga da bancarrota do Estado. Tristemente, hoxe podería facer o mesmo. Aquí tedes unha dramatización do entremés ao que vimos aludindo:
Reflicte tamén Cervantes quen son as vítimas desa crise, que se manifestan dun xeito máis palpable na figura do soldado pobre. Estes soldados, innecesarios nunha época de paz quedaban desamparados e sin soldo, a mercede dunha sociedade que tampouco lles proporcionaba un traballo, de xeito que se vían abocados á mendicidade ou a unha forma de loucura que pasaba por esaxerar un glorioso pasado militar co propósito de disimular a súa pobreza e conseguir axuda económica estatal que nunca chegaba. Cervantes retrata en “La guardia cuidadosa” a un deses soldados. Esta crise tamén foi cruel cos fidalgos pobres, un tipo social que xa non tiña cabida na historia, abocado a desaparecer. Lembremos, por exemplo, o drama do fidalgo que aparece en “El juez de los divorcios”.
E agora, a quen elixiría Cervantes para representar ás vítimas da nosa situación de crise?
Comezamos o ano 2015 cun salto atrás no tempo, concretamente aos séculos XVI e XVII. Épocas de crise e decadencia semellantes á actual (ai, a condición humana! Sempre caemos nos mesmos erros! ) que describiu moi ben Quevedo no seu soneto “Miré los muros de la patria mía“, pero época dourada para as letras. Especialmente para o teatro, que se convertiu nun fenómeno imparable para todos, nun espectáculo popular, isto é, para o pobo. Xa vimos que o teatro de Shakespeare, o isabelino, tamén gozaba de grande éxito.
Na literatura castelá destes séculos dourados, como xa vimos en entradas anteriores, desenvolvéronse varios tipos de teatro: o cortesano, o relixioso, o teatro cómico e popular e a comedia española. O primeiro tiña lugar nos palacios dos reis e dos nobles; o segundo, como xa deducimos polo nome, nas igrexas e nas rúas sobre carros decorados. O cómico e popular, personalizado, sobre todo nos pasos de Lope de Rueda e nos entremeses de Cervantes (lectura para comentar este mes) producíase en plazas e en mesóns. Finalmente, xorde, xa no Barroco, no século XVII, a comedia española creada por Lope de Vega ( de quen leremos unha comedia na seguinte sesión) e que se desenvolvía nos currais de comedias.
Ainda que hoxe o termo comedia está reservado para obras teatrais de carácter cómico, nos séculos XVI e XVII este facía referencia a toda representación teatral, xa fose comedia, drama ou traxedia. O acto de asistir á representación chamábase ir á comedia. Vaiamos pois!!
Fagamos antes unhas aclaracións previas para ver exactamente a onde imos:
A función teatral duraba de catro a seis horas. A representación constaba dunha obra maior e de varias composicións menores, que se distribuían do seguinte xeito:
1_ Loa: breve diálogo en verso mediante o que a compañía se presentaba ao público. Adoitaba ser unha gabanza da cidade ou dalgún poeta local.
2_ Primeiro acto ou xornada da obra principal.
3_ Entremés (peza breve e divertida de sátira social)
7_ Baile final ou fin de festa (público e actores bailaban)
No entremés que estades lendo “El retablo de las maravillas”, os comediantes aproveitaban o patio da casa do rexidor Juan Castrado para representar a súa insólita función. Unha manta sírvelles para desplegar a maxia do teatro, que remata, como sabedes, sendo unha estafa. Este atrezo tan sinxelo lémbranos as humildes orixes do teatro nos séculos XV e XVI, tal como describe Cervantes no seu prólogo aos Entremeses:
“(…) todo lo que necesitaba un director de comedias cabía en un saco, y se reducía, poco más o menos, a cuatro pellizas blancas adornadas de guadamecí dorado, cuatro barbas y cabelleras y cuatro cayados de pastor (…) No existían en aquellos tiempos complicadas tramoyas, ni combates de moros contra cristianos a pie ni a caballo; no había ningún personaje que saliese o parecies salir del centro de la tierra por el hueco del escenario, pues este se construía solo con cuatro bancos formando un cuadrado, y cuatro o seis tablas encima , de modo que apenas se elevaba sobre el suelo cuatro palmos. Ni que decir tiene que tampoco bajaban del cielo nubes con ángeles o con almas. El decorado del teatro era solo una manta vieja tensada con dos cordeles de un extremo a otro, que separaba la escena de lo que llaman vestuario, en el cual se colocaban los músicos, quienes cantaban sin guitarra algún romance antiguo(…)”
Páginas 5 y 6 de Entremeses, de Miguel de Cervantes, adpatación de Emilia Navarro Ramírez para a editorial Bambú.
A mediados do século XVI fixéronse imprescindibles espacios acondicionados para as representacións teatrais, dado o éxito do público. Para iso, as cofradías ( as cofradías relixiosas, xurdidas ao abeiro dos gremios ou asociacións de aretesáns, tiñan ao seu cargo labores sociais, en especial de beneficencia hospitalaria, e apoiaban o teatro popular como forma de financiación de tales obras) habilitaron algúns patios de vivendas ou de mesóns. Lembrade que aconteceu o mesmo co teatro isabelino. Ao principio, as confradías pagaban o aluguer deses patios ao aire libre, mais remataron construindo os seus propios currais de comedias. Aquí podedes ver como son estes lugares:
Curral de comedias de Alcalá de Henares. Foto de Luca.
Outra imaxe do teatro. A parte de abaixo do mesmo, ocula ao público. Outra foto de Luca.
Durante o século XVI as compañías de actores eran ambulantes. Polo seu modo de vida non eran ben vistos polos moralistas; porén, profesábaselles grande admiración.
Mais coa aparición dos currais de comedias no século XVII formáronse dous tipos de compañías: as de título e os “cómicos da legua”. As primeiras eran compañías de carácter profesional e con permiso para representar, baixo o compromiso de ser controladas polas cofradías dos gremios. Os cómicos da legua eran así chamados porque non podían representar a menos dunha legua das cidades (uns cinco quilómetros) e, polo tanto, das compañías autorizadas. Adoitaban ser grupos reducidos, ás veces formados polos membros dunha mesma familia.
Os integrantes dunha compañía teatral eran o autor ou director da compañía (En “El retablo de las maravillas”, Chirinos e Chanfalla, os comediantes estafadores, son chamados autores), o poeta (autor do texto, ás veces o autor e o poeta eran a mesma persoa) e os comediantes ou actores. En España, si se lles permitía actuar ás mulleres, non como ocurría, por exemplo, no teatro iasabelino).
Nota: para a elaboración desta entrada baseámonos no estudo elaborado por Emilia Navarro Ramírez e Alfredo Reina león que está recollido na adaptación que ela fixo dos Entremeses de Cervantes. O libro está publicado por Bambú. Como sabedes, na vindeira xuntanza comentaremos a obra.
Este é un blog dun Club de lectura dun centro de ensinanza. O seu uso é meramente didáctico, polo que se algunha das imaxes ou textos usados tivese dereitos de autor, facedenolo saber para proceder a retirala.