Encetamos outro curso e con el unha nova andaina lectora. Nesta ocasión o eixe condutor da mesma será a ciencia e máis concretamente o papel das mulleres nese eido.
Así describe Dores Pereira, a actual coordinadora da biblioteca e tamén do club de lectura, a relación que existe entre ciencia e literatura:
Ciencia e literatura.
(Procedencia da imaxe)
Aparentemente, a ciencia e a literatura apelan a dous planos distintos do ser humano: a intelixencia e as emocións. Esta visión fúndase na idea, extendida pero inexacta, de que a literatura busca conmovernos coa creación de mundos imaxinados e/ ou imaxinarios; mentres que a ciencia centra os seus esforzos en revelar as claves do mundo real.
Pero estas dúas formas de abordar a realidade teñen máis puntos en común do que parece: as grandes obras literarias posúen a capacidade de iluminar profundamente a realidade, mesmo de anticipar descubertas e problemas científicos. Pola súa banda, os grandes avances científicos corroboran, resitúan ou precisan os límites nos que a creatividade literaria se move. Así, máis que antagónicas, ciencia e literatura colaboran na descrición integral do ser humano e do contexto no se insire.
E así ve ela o papel da muller na ciencia:
“Papilla estelar”, Remedios Varo
As mulleres interesadas polo mundo da ciencia- aínda que non só estas- tiveron moitas dificultades para facer escoitar a súa voz nun ámbito históricamente reservado ao xénero masculino. Pero xa dende vello e malia os atrancos que tiveron que superar, conseguiron deixar a pegada da súa intelixencia alí onde fixaron a súa curiosidade e a súa paixón polo coñecemento. Dende Hipatía a Lise Meitner, da Condesa Lovelace a Marie Curie ou de Barbara McClintock a Rosalind Franklin, estas mulleres, cuxos descubrimentos foron en ocasións atribuídos inxustamente a colegas masculinos, están aí para demostrar que a ciencia non entende de xéneros, senón de oportunidades e de condicións favorables ao seu desenvolvemento.
O club de lectura que se pon en marcha durante este curso no noso centro pretende achegarnos á figura destas mulleres, e abordar a lectura de obras que teñan como fío condutor a ciencia nalgún dos seus aspectos, sobre todo obras de autoría feminina: porque tamén no campo da creación literaria a ficción científica é un xénero ao que as escritoras se incorporaron, tardiamente pero con forza.
A ver se conseguimos ese obxectivo. Para chegar ata el fixemos esta escolma de libros que relacionamos seguidamente pola orde na que van ser lidas e co nome do profesor/a que levará a sesión:
_ Leo Aldebarán, novela gráfica do artista brasileiro Leo. Para comentar en novembro con Dores e Esme.
_ A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Editorial Kalandraka. Comentarase con Alfonso no mes de decembro.
_ Vinte mil leguas de viaxe submarina de Xulio Verne . A reunión do mes de xaneiro, que levará Xulia xirará arredor deste clásico.
_ Mutacións sentimentais da autora Carme Torras será o libro para comentar no mes de febreiro coa profesora Rebeca.
_ O asasino invisible, de Xosé Durán. Comentarase no mes de marzo, con Paco.
_ Elixirase un deste dous para o mes de abril: Os ollos do tangaleirón de X. A. Neira Cruz ou Contos de Terramar Ursula.K Le Guin. A sesión farase con Esme.
Aínda que estes son os libros elixidos pode haber algunha modificación.
As xuntanzas serán, coma sempre, os primeiros luns lectivos de cada mes. Con todo, para coñecérmonos ou recoñecérmonos imos facer unha reunión inicial este martes no segundo recreo na biblioteca. Agardámosvos!!
Pechamos con un pequeno contacto cos mundos de Aldebarán, concretamente cos soños de Alexa, nos que ides navegar os vindeiros días:
Cómpre que coñezades este dato: Aldebarán é a estrela máis brillante da constelación Tauro.
Boa estancia nesta estrela e ata o luns 9 de novembro!