Os seguidores deste blog xa sabedes que aquí nos gusta relacionar diferentes artes: ás veces poñémoslle banda sonora ás obras, outras facemos un pequeno universo temático ou facemos, coma desta vez, un pequeno museo. A obra deste mes, ademais dunha historia apaixoante, é unha especie de visita guiada ó museo de Van Gogh da mán de Marcos Calveiro. Nós imos repasar esa visita e, humildemente e coa axuda da rede, engadir algúns datos. Temos o permiso do autor para facer as citas, o cal agradecemos. O número de páxina corresponde á edición de Xerais en tapa dura, do 2010. Agardamos que a alusión ás fontes non supoña ningún problema para as reproducións das imaxes.
Comezamos o percorrido:
Na páx. 9 tedes unha ilustración que nós relacionamos coa descripción do pintor da páx. 15 e ilustramos con esta imaxe:

“O forasteiro vestía pantalón e chaqueta brancos e gastaba un chapeu de palla. Portaba un fardel ao lombo e deixaba descansar no chan uns trebellos que non dei identificado dende a distancia.”
Na páx. 20 o narrador abraiase ante a rapidez pasmosa coa que o pintor enche un lenzo:
“Estaba apampado. Parecíame inaudito que aquel lenzo espido amosase agora, nun lapso mínimo, de escasos minutos, unha vista de varias casoupas cunha leira de ervellos florecidos diante, e uns outeiros ao fondo baixo un fermoso ceo branquiazul”.
Poderían ser estas as casas de Auvers?

(Procedencia da imaxe)
Na mesma páxina de onde sacamos a anterior imaxe, podedes atopar información sobre as últimas paisaxes pintadas por Van Gogh, picade sobre a procedencia da imaxe ou sobre as imaxes para vela.

Estas outras son Les Vessenots.
Na páx. 30 aparécenos un retrato do doutor Gachet:

“Diante dos meus ollos apareceu unha pranchiña metálica na que gravara cun buril un fiel retrato do doutor dando unhas chupadelas da cachimba que xamais abandonaba e un misterioso papel dourado que envurullaba algo.”
A ilustración da páxina 32 do libro correspóndese con este “Retrato do dr. Gachet”:

Na páx. 33 o narrador descríbenos a habitación do pintor:
“Visitei por primeira vez o cuarto de Vincent. Ocupaba a bufarda da pousada. Unha cama pequena, unha cómoda e unha mesiña articulaban aquel espazo mínimo, completado por un feixe de cadros arrombados contra as paredes. No teito, por un fachinelo, enxergábase o ceo azul intenso de Auvers.”

“Vicent pasara o día na casa do doutor. Pintara unha vista do xardín e almorzara coa familia.” (Páx.33)

(Picade sobre a imaxe para ver a procedencia e acadar máis información)
“-É marabilloso- afirmou Gachet ante o retrato dunha muller coa man apoiada na fazula, a carón dunha mesa ocupada por un libro.
-Pinteino durante a miña estancia no sur a partir dun debuxo que me fixo un bo amigo. O meu irmán garda un igual, pero con tonalidades rosas” (Páx. 33/34)


“-Mire, ese que pode ver aí tamén pertence á mesma época -engadiu Vincent sinalando coa man un lenzo onde se lle vía desfigurado e cunha ollada que metía medo.”


“Gachet observaba o autorretrato coa minuciosidade dun experto coleccionista. Eu agardaba que preguntase polo máis evidente do lenzo, algo que me chamara a atención no aspecto de Vincent dende o día en que me descubriu agochado entre a herba, e que aínda non me atrevera a preguntarlle.
-Hai que ser moi valente para retratarse así, con toda a crueza, sen ocultar nada. Que lle pasou na orella? -preguntou por fin o doutor con toda a naturalidade, satisfacendo así a curiosidade miña.
-É unha vella historia que agora non vén ao caso. Só lle podo confiar que todo sucedeu por causa dunha muller. Pero a peor parte de todo aquilo é o que non aparece no lenzo, aquilo que aínda me ferve dentro, aquilo que me fixo vir na procura da súa axuda.” (Páx. 34)
Na páx. 37, describesenos outro cadro:
“Levabamos dende a mañanciña diante da granxa das irmás Cavaignac e, por volta do mediodía, Vincent xa case rematara o lenzo verderolo. Nel víase a casa das señoras co colmo do teito trazado con grandes brochadas verdes, unhas vides reviradas gabeando pola fachada branca e, achegándose a ela, as dúas irmás, unha diante e a outra máis afastada, apoiada no seu caxato. As velliñas, curiosas coma unhas nenas, aproximáronse onda nós para contemplalo tamén.”

Na páx. 41, temos outra descripción, neste caso do embarcadoiro:
“Fomos á ribeira do Oise, preto de Chaponval, e pasamos o día no merendeiro con embarcadoiro que alí había. Vincent pintaba as barcas que abalaban coa corrente manseliña do río, onde as longas pólas das árbores abeberaban sedentas polo solleiro. Dúas espelidas damiñas que vestían saias e blusas brancas e levaban grandes pamelas falaban co barqueiro. El explicáballes pacientemente os rudimentos da arte da navegación, pero as mozas semellaban máis interesadas no galanteo que no xeito de somerxer os remos na carapela da auga.”

(Procedencia da imaxe)
Na páx. 55, o narrador observa como o pintor pinta á luz da lúa:
“A noite está moito máis viva. Nela vense mellor as cores que polo día -dixérame Vincent.
Adeline e mais eu, sentados no chan, moi preto un do outro, contemplabamos cómo pintaba baixo o luar da madrugada. Levaba unha pequena candea prendida sobre a aba do seu chapeu de palla e colocara outras dúas máis grandes no cabalete, alumeando o lenzo, sobre o que ceibaba pinceladas coa mesma fogaxe de sempre.
…Aínda non podía crer que me atopase alí na compaña de Adeline, sós e baixo o ceo nocturno, arrodeados de medas de trigo”
Ilustramos este párrafo con este imaxe (aínda que non pintada en Auvers). A imaxe máis visitada na galería virtual de Google: Googleartproject, según unha noticia de fai unhas semanas.

(Procedencia da imaxe)
E continuamos a visita guiada:
Cando Vincent me comentou que decidira emprender unha excursión nocturna, estrañeime moito:
-Non poñas esa cara! Xa o fixen máis veces, alá no sur. Saía moitas noites a pintar as ateigadas terrazas dos bistrots ou a noite estrelada, que coma unha árbore florida deixa caer os seus pétalos escintilantes sobre as nosas cabezas.
-Pois ben escuros estarían os lenzos.
-Non, ao contrario: na escuridade hai unha viveza e unha luz case místicas. Polo día os nosos sentidos rebordan; teñen moito ao que atender. Mais pola noite concéntranse só naquilo que é esencial. Escudriñan as sombras e decátanse de calquera variación de cor ou intensidade.” (Páx. 55/56)
Sería esta unha desas terrazas?

Na páx. 61, temos a igrexa de Auvers:
Vincent pintaba agora perante a igrexa unha figura dunha paisana cunha estraña vestimenta dirixíndose, quizabes, ao oficio das cinco.
-E iso?
-Unha muller, non a ves?
-Véxoa, si, mais vai vestida dun xeito moi raro.
-É unha pequena homenaxe.
-A quen’
-Á miña benquerida nai, Anna. Por iso leva touca, como as labregas holandesas da miña mocidade, como se entrase agora na igrexa onde celebraba o finado do meu pai, en Neuen.”

(Picade enriba para vela máis grande e aquí para ter máis información)
“Pasamos a mañá nun prado, a carón dunhas acacias espiñentas. Vincent decidiu representalas nun pequeno lenzo. Pareceume que se demorara en exceso para retratar tan pouca cousa.” (Páx. 63)

(Procedencia da imaxe)
“Moi ben pintadas non parecían. Se me apuraba, nin semellaban vacas, senón unhas estrañas bestas pardentas.” (Páx. 71)

(Procedencia da imaxe)
Na páxina 84, Vincent pinta a Adeline, a filla do pousadeiro:
“Adeline apareceu aínda máis fermosa do que adoitaba. Pasara toda a mañá enfeitándose coa axuda da súa nai e agora ficaba sentada nunha cadeira de madeira. Levaba unha faldra anil cunha chaqueta a xogo cos últimos catro botóns abertos, deixando ver os encaixes brancos da súa blusa, e o seu cabelo douro recollido nunha coleta. Tiña a cute un chisco pálida e beliscara as fazulas un par de veces para arroibalas, un aceno que lle vira practicar moitas vecés á miña nai, e que me cativara.”

(Picar enriba da imaxe para vela máis ampliada e acadar información)
Outro retrato feminino é o da filla do doutor Gachet, na páx. 87 do libro aparece:
“…Vincent acudira á casa de Gachet para celebrar o vixésimo primeiro aniversario de Marguerite. Leváballe como agasallo un retrato dela que rematara uns días antes e que aínda non secara de todo. O lenzo acadaría ben o metro de altura, e nel víase á mociña cun vestido branco e rosa sentada nun tallo tocando o piano.”

(Picando sobre a imaxe acadaredes información sobre o cadro)
No final do capítulo XIX, o pintor e o narrador van a Bessancourt para pintar o bosque, mentras Vincent pinta o mozo queda durmido e ó despertar, velaiquí o que ve:
“Freguei os ollos e espreguiceime. As noitebras comezaban a invadir o bosque. Debía de levar moitas horas durmido. Púxenme en pé e observei o lenzo.

(Procedencia da imaxe)
O bosque aparecía tal como Vincent o describira, coa excepción dunha parella collida do ganchete que ocupaba o espazo central do cadro, el con traxe negro e chapeu, ela cun vestido e diadema. Sorprendido por tan estraña presenza, pregunteille.
-E esa parella?
-…Son monsier Chaos e madame Harmonie, que veñen ao noso encontro.”
No comezo do capítulo 31 temos o seguinte:
“…tomou un pequeno respiro e unicamente concluíu un esquemático debuxo a tinta cun pinceliño. Nel víanse uns labregos cos que pasaramos o día no labor de mudar o colmo vello da súa casopa. Na angueira participaba toda a familia como un pequeno exército ben engraxado no que todas as tarefas estaban repartidas. O pai e o fillo ficaban sobre as escadas que estenderan sobre o tellado e dende as que comezaran a retirar a palla cediza guindándoa ao chan. Ás veces tentaban acertar na nai ou na filla, que corricaban embaixo dun lado a outro rindo pola chanza.”
Nós ilustramos o fragmento coas cabañas de Chanpoval:

(Procedencia da imaxe)
Na páx. 111:
“Ao lonxe, preto dunha gran meda, un feixe de mulleres traballaban nun prado co espiñazo dobrado. De improviso, detívose, montou o cabalete e puxo o lenzo enriba…2
“-…Prefiro pintalas así, a cegas, sen saber moi ben a que se dedican.
Levaba razón. Non sei se arrincaban malas herbas ou recollían chícharos. Traballaban devagar, mecanicamente…”
Non son un feixe, son dúas, pero ilustran o pasaxe:

(Procedencia da imaxe)
O gravado cun feixe de mulleres podedes velo picando aquí.
Na páxina 114 temos o famoso “Campo de trigo con corvos”:
“O lenzo repousaba sobre o cabalete xa case rematado e tan vivo e real como a paisaxe que se estendía ante mín. Só faltaba o detalle final, o que daría todo o sentido á composición, segundo asegurara logo de meditar unha hora diante do cadro.
-Preciso que os corvos voen espantados cara ao horizonte, como se fuxisen -afirmara, e para iso trouxera o revólver.”

(Procedencia da imaxe)
Ó final do capítulo, na páx. 116 acaba a descripción do cadro:
“Os corvos agrallaron asustados e botaron a voar, afastándose de nós. Mentres sostiña o revólver, Vincent, lixeiro, deu varias pinceladas negras aquí e alá sobre o lenzo. Logo, mesturou na paleta un chisco de branco e dous remuíños de fume xurdiron de socate sobre o ceo azul do cadro.”
Na habitación de Vincent (páx. 171) o narrador di:
“Nas paredes penduraban moitos dos lenzos e debuxos de Vincent: unhas casas brancas cos tellados de colmo, unhas pólas de castiñeira en flor, as irmás Cavaignac ante a súa casiña, o fermoso retrato azul de Adeline, un prado cunhas gavelas, a vista do Concello na pasada festa do 14 de xullo…”

(Picar sobre a imaxe para entrar en Artehistoria)
Con este cadro (que seguindo a lectura pintou para alonxarse do barullo da festa: “O balbordo atórdame. Aproveitarei para pintar un lenzo do Concello. O outro día rematei un debuxo que me ha de axudar; ademais, asomareime polo fachinenlo”, páx. 121) rematamos nós o post e coa cadeira baleira remata o libro (páx. 175)
Deixamosvos un enlace a un blog no que podedes atopar máis cadros de Van Gogh cun pequeno comentario:
Mitología y Arte
Outro enlace á Colección do Museo Van Gogh, de onde sacamos varias imaxes
Van Gogh Collection
e tamén o enlace á páxina ArteHistoria, da que nos servimos tamén para enlazar información e imaxes
Agardamos que difrutedes da lectura do libro e da visita a este museo virtual.
42.173892
-8.498496