Arquivo da categoría: O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha

A propósito de Hemingway

Na contracuberta do libro O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte reza a seguinte afirmación de Ernest Hemingway a propósito do protagonista da obra: “de non ser galego, só sería crible como personaxe literario” Pois ben, se Hemingway coñecese aos autores, Irene e Rodrigo Pérez Pintos (el foi o noso compañeiro durante anos no insti e profe dalgúns que nos ledes) diría deles o mesmo. Irene e Rodrigo son dous seres que parecen extraídos dunha novela máxica, desas de aventuras de “raza” e veñen de presentar esta delicia de obra que é unha “rara avis” na literatura (coma eles na vida).  É unha rara avis pola súa orixinalidade.

 

É orixinal xa na estética polo delicado equilibrio entre a fermosura do contido e a beleza física do libro. Trátase dunha edición moi coidada na que ilustracións e texto forman un todo complementario e armónico. Lémbranos aquelas enciclopedias de antes nas que o saber viña tamén “retratado” con sabias e coidadas imaxes.

Arxentino 007

É orixinal en canto ao xénero, pois a obra é unha miscelánea que contén un ensaio ameno e áxil sobre os gabinetes de curiosidades, unha biografía novelada da vida e obras do peculiar Arxentino da Rocha que tivo que adicarse aos máis singulares oficios para sobrevivir e “hipervivir” (serva este verbo inventado para definir “facer de cada momento da vida unha experiencia única e intensa”). Alén diso atopamos un catálogo (a modo de aleph borgiano) de curiosidades que o bo do Arxentino foi rescollendo e rescatando das poutas do tempo e do esquecemento nas súas viaxes, experiencias e contactos. Por se isto fose pouco, o catálogo non se queda nun inventario senón que unha parte dos obxectos recollidos ven acompañada dunha ficha explicativa. Explicación que, ás veces trascende o seu carácter expositivo e toma forma de conto popular ou de lenda mesturando con elegancia o literario, ás veces moi lírico, coa exposición científica. Velaí outro acerto.

 

O gabinete das marabillas de Arxentino

O gabinete das marabillas de Arxentino

 

E outra mostra de orixinalidade: a fusión entre a fantasía e a imaxinación coa documentación histórica e a descrición científica.  Cómpre dicir que, se ben Arxentino existiu, a meirande parte dos feitos narrados só teñen de realidade a época histórica, os lugares transitados e os personaxes que acompañan a Arxentino nas súas andainas.

 

Na presentación da obra, Irene Pérez Pintos  ademais de ler con voz de actriz de radio unhas das historias que aparecen acompañando aos obxectos inventariados, comentou como estaba estruturada a obra. Se ben é certo que a orde que elexiron os autores é unha boa maneira de lela, outra das “rarezas” que ofrece  é que esta singular estrutura permite lecturas moi diversas e pódese ler a burbullos (a biografía), tomando un bo café ou un té rico (o ensaio) e, polas noites, a bocadiños, as historias que abrazan, sen forza, con tacto de veludo aos obxectos. Esta última a pode ser en noites distintas (coma aquelas de Xerezade)  para ir estendendo a marabilla deste gabinete, para ir alongando o asombro desta recolleita que é un canto ao coleccionismo da beleza.

Arxentino 005

Témola na biblioteca, acubillada neste niño vermello. Agardamos que veñades botala a voar.

Deixar un comentario

Arquivado en O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha