Arquivos diarios: Febreiro 11, 2015

Avestruz en terra allea

Aquí vos deixamos un bo plan (teatral) para esta fin de semana. O venres e o sábado na Sala Ingrávida do Porriño (que ten unha magnífica programación teatral) ás 21:30 horas a compañía Berrobamban presenta a súa última peza  Avestruz en terra allea

image

(Procedencia da imaxe)

Esta é a análise que da obra fixeron Laura Porto, ex alumna e amiga agora de quen escribe (un orgullo que teña pasado polas nosas mans xente con tanto talento coma ela!) e Camila Phillipps-Treby. As dúas son alumnas da especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia da ESAD DE GALICIA

As avestruces son grandes pero asustadizas. Saben bailar pero sontorpes e ocultan a cabeza baixo a terra cando perciben algún perigo. Isto é oque nos conta sobre elas a compañía Berrobambán no seu último espectáculo.Tamén nos din que ás veces as persoas adultas somos así, pero adoitamos esquecelo porque estamos tan ocupadas en autoafirmarnos que a duras penas sabemos quen somos.

Nesta peza, con dirección de Chiqui Pereira, á que asistimos o pasado domingo 31 de xaneiro no Teatro Ensalle de Vigo, tres performers (Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Nuria Sanz) xogan connosco a ser nenas e neno, emulando eses momentos en que as crianzas xogan a ser adultas.

Ó inicio da peza podemos ver un espazo de aspecto deshabitado, alleo. Un chan vermello e moitas caixas de cartón, como unha casa xusto antes ou despois dunha mudanza. Pouco a pouco, segundo avanza a peza, o espazo vaise configurando e gañando en personalidade e raizame coa intervención das actrices e o actor, que apoian o devir da acción cos cambios lumínicos e espaciais que enriquecen a atmosfera de xogo.

A acción verbal contrastada coa acción física evoca imaxes insólitas que tinxen o xogo de metáfora, sendo este carácter transversal á toda a obra.

Para cando a peza remata xa estamos todas nun lugar vivido, familiar e confortable, que sabemos que voltará a mudar(se) e que a súa muda será en harmonía, pero coa intención de gozar duns intres de calma.

E non esperar grandes respostas, porque as nosas preguntas tampouco son tan grandes.

 

Con Avestruz en terra allea, da compañía galega Berrobambán, viaxamos entre o mundo da infancia e o mundo dos adultos, onde aparece un certo estancamento.

Nuria Sanz, Paula Carballeira e Chiqui Pereira comparten acción nun espazo alegre, con distintos puntos de iluminación. Vemos un chan vermello, caixas con todo tipo de recordos e distintos elementos que os intérpretes van introducindo e se prestan ó xogo. Un espazo aberto, sen límites para viaxar.

Os intérpretes preséntansenos a través dunha coreografía caracterizada pola repetición obsesiva de movementos cotiás como facer a comida, acicalarse, conducir… ata o esgotamento que os fai ficar en silencio, para meterse nos seus recordos, onde non son tan prisioneiros.

Nese limbo ábrense a nós mediante xogos, confesións a modo de monólogos intercalados, anécdotas, bailes, preguntas, moitas preguntas.

Preguntas sen resposta, nunca deixamos de medrar, de ter curiosidade pola vida. Non deberíamos deixar de medrar.

O contido poético reside, esencialmente, no texto posdramático de Paula Carballeira, a partir do seu poemario Contatrás.

Esta poética emerxe ó porse en contacto coas constantes accións referenciais. Unha introspección dende a que xulgan o que foi, o que desexaban que fora e o que é realmente.

Facendo referencia ó eixe do texto posdramático fai falla sacar a cabeza da terra. Ser avestruz en terra allea non é atoarse coa vida, senón deixala que siga a súa respiración para que nos encha o peito de novos aires.

Os riscos que implica medrar e o que che achegan eses riscos.

“Non me importa. Quero complicarme a vida. Namorar.

Estiveches a piques de ser feliz.”

E a felicidade présentase como unha utopía para aquelas persoas que esqueceron como ser nenas/os e ilusionarse coa vida.

Iso pasa cando se deixa de xogar. De súpeto, os intérpretes fican fóra do xogo, dos recordos, e non hai nada. O sabor amargo de confesar a súa insatisfación consentida.

Intérpretes insatisfeitos consigo mesmos e coa vida que tiñan prometida. Xúntanse e exploran as posibilidades de volver a crer.

“Fóra de casa chove e vai frío. Pero eu tiña que aprender”

 

Podedes ver máis críticas sobre espectáculos teatrais no blog O Galiñeiro. Que este sexa unha porta que vos leve ata as butacas dos teatros.

Deixar un comentario

Arquivado en Teatro