Para rematar o curso fixemos unha acampada en Coto da Eira, na serra do Suído. Asistiron seis dos dez membros do club e os alumnos e alumas da escola unitaria de Taboexa (neste fermoso blog podedes ver os recados da Moura que nos chegan desde alí).
Foi unha experiencia moi enriquecedora na que compartimos andainas (unha ao doble Foxo do Lobo e outra ata o propio Coto da Eira), cantos, comidas… ao abeiro dunha natureza xenerosa e dun ceo cheo de estrelas que nos amosou Pablo Carballo, profesor de Bioloxía do centro, quen acudiu con prismáticos e telescopios para achegarnos ás constelacións. Moitas grazas, Pablo, por subir connosco ata a serra. Tamén agradecemos a Lourdes,a mamá de Mario, que puxo a súa furgoneta e as súas mans de condutora á nosa disposición e a Cándido, que nos acompañou.
Tal vez os libros tamén sexan constelacións que ofrecen a súa luz para guiármonos polos ceos da vida, tal vez sexan camiños de leite, alimento esencial para enriquecer o sistema inmunolóxico e medrar libres e fortes.
Esta actividade é o punto final deste curso pero tamén o de partida do seguinte curso cuxo proxecto terá como eixe vertebrador a natureza e o coidado e respecto da mesma.
Agardamos repetila e lembrade que lle debemos algo a esa serra que nos acolleu, nos envolveu co seu silencio e a súa beleza. Teremos que respectala e devolverlle tamén o cariño co que fomos recibidos.
Foi unha bonita forma de acabar e de empezar!!
Feliz verán, que fagades bonitas camiñadas polos libros, polas beiras dos ríos, polos montes, polas praias, os museos e que volvamos con forzas para o vindeiro curso!
NOTA: Esta actividade non tería sido posible sen Karina, a profesora do colexo de Taboexa que me amosou o sitio e nos deu a idea. Grazas, Karina. Obrigadas.
Fermosa actividade e fermosa crónica. Feliz verán!