Arquivo por etiquetas: Xosé Antonio Neira Cruz

Outros entroidos literarios (I)

Como sabedes, El retrato de Carlota conta unha historia que se desenvolve no carnaval veneciano. Na biblioteca podedes atopar outras obras que tamén están ambientadas na época do antroido.

Sen sairmos de Italia, por exemplo,  podemos vivir o entroido de Florencia do século XVI que se describe na novela O armiño dorme. Comparte coa novela lida o protagonismo feminino e que, nas dúas, a arte( e os mecenas)  teñen unha especial relevancia.  Antes de lela cómpre que coñezades un pouco o espazo no que se desenvolve a novela:

O armiño dorme recrea a vida de Bia de Médici ( filla ilexítima dos Medici) na cidae italiana. Con cadencia suave, Bia conta, en primeira persoa como é a súa vida no palacio, como entra en contacto coa arte, con Florencia e co primeiro amor.

Este retrato, segundo o autor,Xosé Antonio Neira Cruz,  deu orixe á novela. É un cadro de Bronzino e está exposto na Galería dos Uffizi, en Florencia.

(Procedencia da imaxe)

Velaquí un fragmento que deixa ver o “tono” da novela e describe o entroido da cidade italiana:

“(…) Viña a noite, e en tanto fachos e farois eran prendidos por todas as esquinas, detrás de cada fiestra, nas torres e polas prazas, a cidade continuaba a celebración do antroido con toda a súa alegría.

Desde o lugar no que me atopaba, era quen de ver a praza de palacio xeitosamente enfeitada coas luminarias dispostas para tan sinalados festexos. Grupos de cidadáns achegábanse polas rúas da banda do río, por Via Santa María ou por Via dei Calzaiuoli, para contemplar o espectáculo da Signiora iluminada. Atraídos pola presencia de público asegurado, os comediantes que naqueles días do antroido encheran Florencia_moitos deles chegados das outras vilas toscanas_ aproveitaban calquera lugar para armar o estaribel e ofrecer algunha peza que, segundo a resposta dos espectadores, ía evolucionando dun xeito ou outro. Podía oír os berros xocosos e as gargalladas dos que celebraban as pancadas do vello e avaro Pantaleone, sempre atormentado polas trasnadas dos seus dous criados, Arlechino e Brighella, feitos cada cal da peor pel do demo.

Cabo destes enmascarados de oficio, abundaban os que ocasionalmente ocultaran o seu rostro para gozar das delicias carnavalescas sen ser recoñecidos. Mulleres convertidas en bigotudos soldados, homes travestidos de cortesanas máis que descaradas… (..)”

                                                              Xosé Antonio Neira Cruz, O armiño dorme, editorial Galaxia

Advertisement

Deixar un comentario

Arquivado en Entroido, Recomendacións