“Abril de 1974”
“A tensa calma anunciaba o trebón inminente. Os sucesos corrían ás présas, demasiado rápido para que eles puidesen asimilalos con tanto atraso como traían as novas na prisión. Na media tarde do día vintecinco de abril de 1974 houbo un balbordo extraordinario. Algúns presos comezaron a berrar que as tropas estaban a se mover no país para acabar co réxime fascista. Outros refuxiáronse nas celas para non quentar máis a situación e limitáronse a agardar. Outra derrota sería difícil de asimilar. Pero esta vez sería certo. As horas peneiráronse con lenta cadencia na cadea. Silencio ininterrompido por aturuxos angustiosos e ducias de homes que mastigaban a tensión recuberta de espiñas(…”
Páxina 249, Resistencia, de Rosa Aneiros, Xerais
A tensa calma anunciaba unha das revolucións máis poéticas e fermosas do século XX, a revolución dos cravos levada a cabo en Portugal que rematou coa ditadura de Salazar. E así a narra Rosa Aneiros no citado libro os acontecementos acaecidos nese 25 de abril. De fondo, unha historia de amor e desencontros, de loita e resistencia.