O pasado martes 25 pechouse o Ciclo de cinema que vimos organizando na biblioteca cada curso. A película que puxo o broche final foi o documental As silenciadas, de Pablo Cés, con guión de Pablo Ces e Aurora Marco ( autora do libro do que bebe a película, Mulleres na guerrilla antifranquista galega). Atoparédelo na biblioteca estes días, xunto co seu Dicionario de mulleres galegas nun lugar privilexiado (o berce para os libros da biblioteca ambulante que nos fixo Rodrigo).
A proxección do documental (ao igual que o ciclo) estivo organizada pola Biblioteca. A ela asistiron os alumnos de 4º da ESO, 2º de BACH e os lectores do noso club. Pareceunos que o seu visionado podería culminar a serie de Mulleres pioneiras que fomos expoñendo aquí ao fío das nosas lecturas. Ainda que as mulleres que falan neste documental non foron pioneiras na acepción máis coñecida da palabra (que incursiona por primeira vez nunha actividade) si o son no sentido etimolóxico do termo (do francés pionnier, que quere dicir “soldado de a pé”). Foron mulleres combatentes, rebeldes que viviron a súa loita entre fragas e silencios de montaña.
As fotos son de Cándido, “facedor” deste encontro.
Gracias Pablo e Aurora, que descorrestes as cortinas do esquecemento para que puideramos ver que se agochaba naqueles bosques da posguerra, mans duras de mulleres que portaban a dor e a perda, que medraron rodeadas de silvas e de bágoas, amordazadas. Vaian para elas estes versos de Miguel Hernández:
Les han llevado al aire, como un aire rotundo
que desde el corazón resoplara un plumaje.
Y ascienden y descienden sobre la piel del mundo
alados de coraje.
“El vuelo de los hombres”
Aquí vos queda un trailer da película. Lembrade que tamén está na biblioteca.