Continuando coas nosas “recomendacións estivais”, desta vez vai unha para esas longas tardes de praia.
Marcus Goldman é un escritor que despois do seu primeiro e apubullante éxito se atopa ante a crise da páxina en branco e vai visitar ó seu mestre e amigo Harry Quebert. Nese momento é cando se descubren no xardín da casa do mestre uns restos que pertencen a unha rapaza de 15 anos desaparecida fai uns 30 anos.
É unha novela longa, de intriga, na que o autor vai xogando co lector facéndolle crer que atopou o culpable e dándolle volta á trama de xeito que todos os personaxes de Aurora, o pequeno pobo onde transcurre a acción, pasan en algún momento por seren os culpables na mente do lector. Pero en realidade só hai un (ou dous?) que o son e moitos outros que gardan segredos que os fan parecer ou crerse eles mesmos culpables.
Non é unha novela para ler no aeroporto ou na estación mentras esperades o avión ou o tren que vos leven ó voso destino de vacacións (se vos engancha a lectura corredes o risco de quedarvos en terra). Son case unhas 700 páxinas de lectura entretida: Unha trama que nos recorda unha nova Lolita, por veces. Unha novela de investigación criminal pouco ortodoxa, outras. Salpicada de reflexións sobre o oficio de escritor, da produción de grandes éxitos no mundo editorial e temas máis xerais coma o efímero da información neste mundo desbordado por ela…
A acción sitúase no ano da elección de Obama coma presidente dos Estados Unidos, pero os feitos investigados remóntanse a 33 anos antes.
Na humilde opinión da que escribe a novela entretén, aínda que un pouco excesiva con respecto ós personaxes e os temas (aparece incluso o elemento esotérico) e por momentos parece que non facemos máis que dar voltas sobre o mesmo e volvemos ó camiño andado.
De tódolos xeitos foi o libro elixido “mellor libro do ano según os lectores de El País”, no 2013, polo que ou ben resulta certo o que se nos di nas reflexións sobre os fenómenos editoriais ou estamos ante un autor revelación que pode dar moito de si. Joël Dicker, é un xove autor de Xinebra, nacido en 1985, de antecedentes rusos e franceses, que xa levou varios premios, entre eles o Goncourt de Lycéens pola obra que nos ocupa.