Arquivo por etiquetas: Inicio

Mazás vermellas para comezar

Estimados lectores, como xa sabedes mañá arranca o club de lectura deste curso. Xuntarémonos, como é habitual, os luns á hora de xantar.

Este curso o fío conductor será o teatro. Nos cursos anteriores sempre lemos novelas coas que viaxamos a diferentes partes do mundo ou polas distintas etapas da vida. Nesta ocasión, eleximos o xénero teatral para facer unha viaxe pola historia do teatro. Este será o percorrido:

OUTUBRO: Lectura de Manzanas rojas, de Luis Matilla.
NOVEMBRO: Aulularia, de Plauto.
DECEMBRO: Moito ruído e poucas noces de Shakespeare
XANEIRO: selección de Entremeses de Cervantes
FEBREIRO: Adaptación de Fuenteovejuna (Anaya editorial) de Lope de Vega
MARZO: Casa de bonecas, de Ibsen
ABRIL: A fiestra valdeira, de Rafael Dieste
MAIO: Tres sombreros de copa, de Miguel Mihura
XUÑO: Por determinar (en función da obra que se traballe no obradoiro de teatro organizado póla biblioteca)

A primeira, como vedes, é unha obriña de Luis Matilla que leremos xa mañá.En  Manzanas rojas o autor aborda o conflito palestino- israelí desde a mirada inocente de dous nenos separados polo muro da intolerancia e da guerra que están a sufrir arestora nesa parte do mundo.

Procedencia da imaxe

Cómpre que saibamos ubicar no mapa o lugar onde se desenvolven a historia e o conflito armado:

                                                           (Procedencia da imaxe)

E que coñezamos algo sobre a situación que se está a vivir alí na actualidade. Aquí temos unha breve explicación:

E  mentras nós lemos esta obra mañá, en Palestina tamén mañá, solidarizándose coa loita deste pobo, un “comando” de pallasos en rebeldía está a celebrar a segunda edición do Festiclown Palestina en Cisjordania para apoiar ás vítimas de Gaza.

Aquí tedes  “A risa tras o muros” filmada na anterior edición. Boa mostra de como o circo e o teatro poden ser armas ao servizo do pobo.

Se nos é posible un deses combatintes da risa virá contarnos ao instituto como viviu esa experiencia circense en Gaza. Este curso as lecturas darán para moito!! Xa vos iremos contando. De momento, vémonos mañá ás 14:30 na biblioteca. Traede os bocatas, as mazás (vermellas)  xa as levamos nós.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Avisos, Recomendacións, Teatro

Botámonos ó camiño

Na biblioteca do IES Val do Tea comezamos un curso máis coas reunións do Club de lectura.

Este curso temos un proxecto que se chama “A volta ao mundo en 8 libros” (picando sobre o título tedes acceso ó proxecto). Comezaremos a reunión inicial, o próximo luns 1 de outubro, intercambiando opinións sobre a lectura o clásico de Jules Verne “A volta ao mundo en 80 días” (aquí vos vai un enlace a un arquivo PDF onde podedes atopar unha tradución da obra ó castelán. Na biblioteca non temos exemplares para todos, polo que os que optedes por lela en papel, facédoa canto antes para deixarlles os libros ós compañeiros, se non sempre podedes optar por lela online)

A partir deste libro faremos a nosa propia viaxe a traves de 8 libros que xa temos elixidos  para as próximas sesións (podedes ver os títulos ó final do proxecto), libros que nos levarán ó deserto do Sahara, ó Marrocos, ó Nepal, a Nova Iorke, a algún lugar de Francia, de Holanda, etc. Só tedes que achegarvos ó club de lectura e incluirémosvos na viaxe.

As reunións, como sabedes os que xa asististes ó club de lectura o curso pasado, serán o primeiro luns lectivo de cada mes entre as clases da mañá e da tarde. Teredes que traer o bocata, a fiambreira ou o que vos pareza oportuno, ou ben encargarllo a Pili, na cafetería.

Ós que asististes á reunión informativa do venres 21, xa vos entregamos persoalmente a autorización que tedes que levar ás vosas casas e traer asinada polos vosos pais. Ós que non asististes a esa reunión, pero queredes participar no club, aínda estades a tempo de facelo poñéndovos en contacto con Esmeralda Quiroga, profesora de lingua e literatura castelán, ou Adelia Troncoso, profesora de latín (buscádenos polo instituto). Ós pais e nais que queirades información sobre esta actividade, dicirvos o mesmo: poñédevos en contacto con calquera unha destas dúas profesoras (preferiblemente os xoves á 2ª hora, de 9:35 a 10:25, en calquera outro momento pedídelle ós conserxes que nos localicen nunha hora na que non teñamos clase). Tamén podedes poñervos en contacto, poñendo no asunto “Club de lectura” no enderezo adeliatroncoso@hotmail.com.

Xa lles comentamos ós alumnos que asistiron á reunión inicial que poden vir á sesión do club acompañados dalgún compañeiro, amigo, familiar… que teña lido tamén o libro, ou cando menos unha parte. Os pais/nais tamén estades convidados a asistir a algunha reunión. Se queredes ler o libro cos vosos fillos e logo participar, tedes a listaxe dos títulos ó final do proxecto. Tamén podedes facer comentarios no blog nas entradas que iremos poñendo relativas a cada sesión.

Este blog funcionará durante este curso coma diario de viaxe, polo que está aberto a calquera comentario que creades oportuno sobre o libro e/ou país  que nos ocupe cada sesión.

Iremos facendo cando menos unha entrada previa á reunión e outra posterior. Na primeira daremos suxestións para comentar arredor do libro, entre outras cousas. Na posterior poñeremos fotos da reunión, impresións, comentarios que xurdiron e outras cousas que se nos vaian ocorrendo.

Nesta primeira deixámosvos información xeral e os enlaces ó proxecto e ó texto de Verne

Deixar un comentario

Arquivado en A volta ao mundo en 80 días, Recomendacións