Ata sempre, Neira Vilas

Na anterior entrada convidabámosvos a asistir ao relatorio que o autor Xosé Neira Vilas deu en Mondariz. E hoxe, que fráxiles son sempre os nós que nos atan ávida, rendémoslle unha sentida homenaxe ao autor que, como saberedes, nos deixou na madrugada do venres.

Xosé Neira Vilas

A imaxe está extraída de aquí (un artigo de Montse do Pico, publicado en Praza Pública ,que recolle os datos máis salientables da súa vida e obra)

O IES  Val do Tea amosa o seu pesar pola súa morte. Algúns profes, alumnos e alumnas, ex alumnas,  pais e nais coincidimos en Mondariz para velo e escoitalo, e disfrutamos con el da que sería unha das últimas tardes da súa vida. Fixo alarde dunha lucidez extraordinaria, dunha humildade e cercanía que só os garndes teñen e amosou con clarividencia o seu profundo compromiso con Galiza (a de aquí e a da diáspora que tanto fixo por esta e que tan ben coñeceu el acompañado da súa compañeira). Tivo, ademais, o detalle de asinarnos os seus libros aos que alí estabamos con moito gusto e sen amosar un chisco de cansancio despois de estar case dúas horas falando.

Estabamos artellando con el unha visita que se ía celebrar no instituto o día 14 de decembro destinada ao alumnado de 2º de Bacharelato que está lendo agora mesmo as súas Memorias dun neno labrego. A morte, que nunca se esquece de ninguén, veuno buscar esta semana e deixounos especialmente tristes porque estabamos planificando con el este encontro e porque Galicia queda un pouco orfa de amor, o que el lle profesaba.

Neira Vilas, grazas polas túas palabras, pola túa obra na que soubeches reflectir con realismo, tenrura, dignidade e sobriedade a vida da Galiza rural e polo teu exemplo de home comprometido coa cultura do noso país.

De modo máis personal, grazas por contar a historia do meu pai, que foi un Balbino. Morreu sen coñecer esas Memorias que ti fixeches dos nenos coma el pero eu oinlle miles de anécdotas semellantes ás que lle ocorreron a Balbino.  Ti elexiches coma protagonistas da túa obra a xente coma o meu pai e el quedou un pouco vivo na túa obra.  Velaí o teu poder: estendenderte máis alá non só da túa morte senón da de todos os Balbinos deixando un testamento impagable: a historia do que somos.

Manoele de Felisa, “Cantos de lembranza” con versos de Neira Vilas

Deixar un comentario

Arquivado en Neira Vilas

Neira Vilas en Mondariz

Lectoras e lectores, lembrade que o vindeiro domingo 15 de novembro o autor Xosé Neira Vilas estará no concello de Mondariz ofrecendo un pequeno relatorio sobre a súa obra. O acto está organizado polo concello. Se clicades aquí podedes acceder á fundación que leva o seu nome.

Neira Vilas

É un autor de referencia na literatura galega, un home consecuente e íntegro que abordou, cando era moi difícil facelo, a situación da Galiza rural: a miseria, as desigualdades sociais, a vida no campo, a emigración.

A quen escribe (quizais porque foi unha nena de aldea) marcouna especialmente a lectura de Memorias dun neno labrego. É un novela que o autor adicou a todos os nenos e nenas que falan galego.

Así comeza a obra:

Eu son…

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha pra espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son como espeteiras pra colgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

¡Qué saben desto os nenos da vila!

Eles iñoran o que eu penso mentras boto ó corpo un gurruncho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un pantasma bretemoso en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e hastra rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non conozo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Como se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. E dempois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou prá casa púxose a escrebir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.

¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é pra menos. Porque nel deborco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas; pra dicir a verdade ou pra arredarse dela.

Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Eso é o peor que lle pode suceder a ún, pero a moita xente non se lle dá […]

Pódelo ler aquí ou coller o libro na biblioteca.

Cándido Pazó levou á escena ( con moita sensibilidade, a mesma coa que neira Vilas escribiu o libro) a obra. Aquí queda un fragmento da peza:

Outras obras do autor son Cartas a Lelo , Aqueles anos do Moncho ou a tenra obra Espantallo amigo.

Seguro que paga a pena escoitalo e, sen dúbida, lelo!

 

Deixar un comentario

Arquivado en Avisos

Novas desde Aldebarán

Onte tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura deste novo curso. E desenvolveuse nunha estrela: a de Aldebarán. Esta está habitada por humanoides (Manu explicounos a súa perfecta teoría sobre quen eran os humanoides e os non humanoides que alí vivían. Non queremos dicir nada sobre a humana condición, pero os que el consideraba non humanoides eran seres mellores, isto é, aínda non estaban contaxiados da “maldade” humana).

aldebarán 038

Xa sabedes que tivemos moitos problemas para conseguir o libro (seica está agotado) e só puideron lelo catro persoas. Pese a iso non foi unha sesión nada desaproveitada. A idea inicial era compartir o argumento do libro diante dun pedazo de xeado de chocolate como fixeron os protagonistas coas súas vidas nun momento da historia. Pero isto resoltounos un pouco difícil (non é doado narrar sen desvelar detaller importantes e deixándolle espazo á intriga para poder ler a obra e atopar sorpresas).

Por iso, os e as que leron o cómic falaron dos temas expostos na mesma (co sabor do xeado de chocolate, iso si!) . Guille, a que non lle gustou demasiado sobre todo pola pouca expresividade dos debuxos ( a este respecto atopamos un cómic demasiado sexista cuxas protagonistas encarnaban ese modelo de muller espectacular que a publicidade nos quere vender) destacou a visión filosófica da obra: os persanaxes pregúntanse a onde imos, de onde vimos e reflexiona sobre as orixes e a importancia das mesmas. Cómpre dicir, neste senso, que a ciencia ficción é un xénero que convida á reflexión filosófica.

Por outro lado Luis destacou algo moi interesante: a capacidade dos protagonistas para seguir avanzando,progresando sen deterse nos ou polos obstáculos, que nunca eran insalvables grazas, sobre todo, ao inxenio e ao afán resolutivo dos personaxes.

Dani detívose noutro punto: o binomio ditadura /liberdade que percorre a obra, a exposición dos abusos de poder e, sobre todo, a solidariedade das persoas disidentes, das que pretenden escapar das mans, das poutas do poder e das súas imposicións.

Outra idea positiva que aparece na obra é, segundo Manu, o respecto polo medioambiente, a creación dunha tecnoloxía avanzada pero respectuosa cos recursos do planeta estrela.

Finalmente, poden destacarse outros dous temas: o amor e o sexo, que, por certo, non teñen por que confluir sempre. Os protagonistas viven unha iniciación nos dous eidos.

Deixamos un tema sen tocar para non quitarlle intriga ao libro por se algún de vós vos animades a lelo.

aldebarán 040

Finalmente, presentamos as dúas mochilas viaxeiras que hai na biblioteca para levar en préstamo (feitas por Rodrigo, a quen seguimos lembrando e querendo). Unha leva o nome do cómic e da estrela Aldebarán. A outra é tamén sideral e chámase Alnitak. Nas dúas atoparedes material relacionado co mundo da astronomía.

Podedes collelas! Na biblioteca tamén atoparedes a segunda parte do cómic: Beltegeuse.

(Procedencia da imaxe)

E aínda nos deu tempo a presentar e ler uns fragmentos do vindeiro libro obxecto de lectura e comentario: A evolución de Calpurnia de Tate, de Faktoría k de Libros da editorial galega  Kalandraka. A autora é Jacqueline Kelly

Será comentado o vindeiro luns 7 de decembro e o profe  mediador será Alfonso.

 

plantillaimagenWEB

(Procedencia da imaxe)

 

 

 

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia ficción

Viaxe a Aldebarán

Xa imaxino que moitos e moitas vos preguntaredes por que non está na biblio o libro que temos que ler este mes Aldebarán. Xa está pedido na librería desde hai días pero parece que hai problemas cos distribuidores. Lamentamos este retraso e disculpámonos por tervos agardando tanto tempo. Agardamos que cheguen pronto e que vos dea tempo a lelos a semán que vén.

Mentras non chega podedes ir meténdovos na historia. Collede, se queredes a mochila viaxeira Aldebarán que hai na biblio. Nela atoparedes moito material relacionados coa estrela que dá nome ao cómic.

No libro recréase a vida no planeta de Aldebarán que foi colonizado hai tempo polos terrícolas, mais estes perderon a conexión co lugar. Aproveitando esa ausencia os “aldebaranenses” (acéptanse suxestións para o xentilicio) artellan un ditadura que ten sometidos aos habitantes que alí viven. En fin, como se os terrícolas non fosemos expertos en crear ditaduras!!!

No citado planeta hai, evidentemente, unha fauna e unha flora moi diferentes ás da Terra. A aparición dun animal, a mantriz ( e o poder que esta ten) vai provocar unha sucesión de acontecementos vertixinosos que faran tambalear ao poder e ao exército. Nada hai na Terra que se semelle a ela. A fauna dese “planeta” é moi, moi diferente á terrestre:

Con respecto á paisaxe, esta si ten máis parecido  coa que nós coñecemos. De feito, hai un lugar (que aparece debuxado na páxina 69) me lembra a algo coñecido: a fermosísima praia das Catedrais, na Mariña lucense. Fixádevos nel cando o leades!

(Procedencia da imaxe)

Alúdese tamén, na obra, a dous lugares do planeta Terra: Casablanca en Marrocos e o pobo de Zagorsk, ao norte de Moscú. De alí proceden os protagonistas Driss y Alexa.

Tamén é importante que coñezades a Antonio Carlos Jobim. Mirade que ben soa a súa canción “Woves”. Así saberedes de quen fala Jose na páxina 74.

Boa viaxe! Boa lectura!

Nota: o autor da obra é Luiz Eduardo de Oliveira, apodado Leo*. Podedes saber máis del se clicades aquí. O cómic é unha historia de resistencia no medio dun océano. El probablemnete saiba de resistencias políticas pois a súa biografía está marcada polas continuas fuxidas das ditaduras que asolaron ao continente hispanoamericano durante o  século XX. Aquí tedes (en francés) unha pequena entrevista co autor:

*Non confundir con este Leo (que tamén está moi ben, por certo!)

 

Deixar un comentario

Arquivado en Aldebarán, Ciencia

Outro blog

Acabamos de crear outro blog sobre libros. Pretende ser este un apoio para as clases de Literatura Universal. Tamén vos pode gustar a vós, que sodes lectores.

Se queredes coñecelo clicade aquí.

A primeira entrada está adicada ao libro Fahrenheit 451. É unha novela de ciencia ficción escrita por Ray Bradbury. Como este ano o proxecto de lectura xira arredor da ciencia quizais vos poida interesar.

 

(Procedencia da imaxe)

 

1 comentario

Arquivado en Ciencia

Ágora

Antes de metervos nos libros podedes ver a película Ágora, de Alejandro Amenábar. A protagonista é a matemática Hipatia de Alejandría.

Aquí queda unha das primeiras escenas da película:

E aquí un trailer da mesma:

Na biblioteca atoparedes a película.

Antes de vela podedes ver aquí a súa historia contada por Carl Sagan:

 

Deixar un comentario

Arquivado en Ciencia, Cine

Benvidas e benvidos!

Encetamos outro curso e con el unha nova andaina lectora. Nesta ocasión o eixe condutor da mesma será a ciencia e máis concretamente o papel das mulleres nese eido.

Así describe Dores Pereira, a actual coordinadora da biblioteca e tamén do club de lectura, a relación que existe entre ciencia e literatura:

Ciencia e literatura.

(Procedencia da imaxe)
Aparentemente, a ciencia e a literatura apelan a dous planos distintos do ser humano: a intelixencia e as emocións. Esta visión fúndase na idea, extendida pero inexacta, de que a literatura busca conmovernos coa creación de mundos imaxinados e/ ou imaxinarios; mentres que a ciencia centra os seus esforzos en revelar as claves do mundo real.
Pero estas dúas formas de abordar a realidade teñen máis puntos en común do que parece: as grandes obras literarias posúen a capacidade de iluminar profundamente a realidade, mesmo de anticipar descubertas e problemas científicos. Pola súa banda, os grandes avances científicos corroboran, resitúan ou precisan os límites nos que a creatividade literaria se move. Así, máis que antagónicas, ciencia e literatura colaboran na descrición integral do ser humano e do contexto no se insire.

E así ve ela o papel da muller na ciencia:

Remedios Varo, el mundo del mito y la ciencia.

 “Papilla estelar”,   Remedios Varo

As mulleres interesadas polo mundo da ciencia- aínda que non só estas- tiveron moitas dificultades para facer escoitar a súa voz nun ámbito históricamente reservado ao xénero masculino. Pero xa dende vello e malia os atrancos que tiveron que superar, conseguiron deixar a pegada da súa intelixencia alí onde fixaron a súa curiosidade e a súa paixón polo coñecemento. Dende Hipatía a Lise Meitner, da Condesa Lovelace a Marie Curie ou de Barbara McClintock a  Rosalind Franklin, estas mulleres, cuxos descubrimentos foron en ocasións atribuídos inxustamente a colegas masculinos, están aí para demostrar que a ciencia non entende de xéneros, senón de oportunidades e de condicións favorables ao seu desenvolvemento.
O club de lectura que se pon en marcha durante este curso no noso centro pretende achegarnos á figura destas mulleres, e abordar a lectura de obras que teñan como fío condutor a ciencia nalgún dos seus aspectos, sobre todo obras de autoría feminina: porque tamén no campo da creación literaria a ficción científica é un xénero ao que as escritoras se incorporaron, tardiamente pero con forza.

A ver se conseguimos ese obxectivo. Para chegar ata el fixemos esta escolma de libros  que relacionamos seguidamente pola orde na que van ser lidas e co nome do profesor/a que levará a sesión:

_ Leo Aldebarán, novela gráfica do artista brasileiro Leo. Para comentar en novembro con Dores e Esme.

_ A evolución de Calpurnia Tate  de Jacqueline Kelly. Editorial Kalandraka. Comentarase con Alfonso no mes de decembro.

_ Vinte mil leguas de viaxe submarina   de Xulio Verne . A reunión do mes de xaneiro, que levará Xulia xirará arredor deste clásico.

_ Mutacións sentimentais da autora Carme Torras será o libro para comentar no mes de febreiro coa profesora Rebeca.

_ O asasino invisible, de Xosé Durán. Comentarase no mes de marzo, con Paco.

_ Elixirase un deste dous para o mes de abril: Os ollos do tangaleirón de X. A. Neira Cruz ou Contos de Terramar Ursula.K Le Guin. A sesión farase con Esme.

Aínda que estes son os libros elixidos pode haber algunha modificación.

As xuntanzas serán, coma sempre, os primeiros luns lectivos de cada mes. Con todo, para coñecérmonos ou recoñecérmonos imos facer unha reunión inicial este martes no segundo recreo na biblioteca. Agardámosvos!!

Pechamos con un pequeno contacto cos mundos de Aldebarán, concretamente cos soños de Alexa, nos que ides navegar os vindeiros días:

Cómpre que coñezades este dato: Aldebarán é a estrela máis brillante da constelación Tauro.

Boa estancia nesta estrela e ata o luns 9 de novembro!

Deixar un comentario

Arquivado en Ciencia, Leo Aldebarán

As bicicletas son para o verán e o teatro tamén

Xa nos lembraron os rapaces e rapazas de 1º da ESO co seu “A vila é puro teatro” que as bicis son para o verán. Pero o teatro tamén, por suposto.

Aquí vos queda a curtametraxe á que aludimos no título da entrada e que foi realizada polo alumnado de 1º da ESO no obradoiro de teatro organizado pola biblioteca e impartido polo grupo que desenvolve o festival das Brétemas. Fixeron un estupendo traballo. Aquí queda o noso agradecemento para eles e tamén o desexo de que este proxecto que comezaron connosco vaia adiante. Deixamos aquí ligazón á páxina que os “bretemosos” crearon para explicar e amosar o traballo realizado.

E no verán máis teatro. Aquí quedan algúns festivais de teatro aos que podedes asistir:

Festival de teatro cómico e festivo de Cangas

Mostra de teatro de Ribadavia

(A imaxe está tomada da páxina oficila da Mostra)

Festival de Teatro clásico de Almagro

En Almagro representaranse duas das obra que lemos: Entremeses de Cervante e Fuenteovejuna, de Lope de Vega.

Fuenteovejuna

Imaxe da representación de Fuenteovejuna, extraída de aquí.

Festival Internacional de teatro clásico de Mérida

E se preferides ver teatro nuha sala achegádevos á Sala Ingrávida do Porriño e gravitade moito.

Sexa como sexa e onde sexa… longa vida ao teatro!!

“Qué extraordinario invento nos dejaron los griegos: un arte en el cual unos ciudadanos ponen en pie unas ficciones que permiten a otros reflexionar sobre sus propias vidas, sobre lo que viven o sobre lo que querrán vivir”*

Juan Mayorga

É a segunda vez que cito a Mayorga nestas entradas teatrais. Pero é unha referencia obrigada. Non se pode falar de teatro e non nomear a Mayorga.

* Cita que aparece na contracuberta do libro Teatro 1989-2014 de Juan Mayorga. Está publicado por Ediciones La Uña Rota (editorial que sempre ofrece cousas interesantes)

Deixar un comentario

Arquivado en Recomendacións, Teatro

Se fose…

Na derradeira xuntanza deste curso lembramos as nosas lecturas e xogamos ao se fose… cos libros de teatro que lemos. Aquí van os resultados do noso xogo.

Os lectores cos libros

Os lectores cos libros

Manzanas rojas

Se fose un xoguete sería unha bóla

Se fose un moble sería unha cadeira.

Se fose un utensilio sería un pau.

Se fose un lugar sería un patio

Se fose un sonido sería bum

                                                                        Comedia da ola, de Plauto

Se fose un xoguete sería unha oliña de xoguete.

Se fose un moble sería un forno.

Se fose un utensilio sería un coitelo ou moedas.

Se fose un lugar sería un buraco nunha cociña.

Se fose un son sería chin, chin, chin ou o ruidiño que fan as moedas ao caer.

Moito ruído e poucas noces, de William Shakespeare

Se fose un xoguete sería un crebanoces coa forma dun soldadiño de chumbo.

Se fose un moble sería unha bodega.

Se fose un utensilio sería unha máscara.

Se fose un lugar sería un campo no verán con verbena.

Se fose un son sería o que deixan os zapatos de tacón.

Mesmos lectores, mesmos libros, outra pose

Mesmos lectores, mesmos libros, outra pose

Entremeses de Cervantes

Se fose un xoguete sería un teatriño de guiñol.

Se fose un moble seria un armario.

Se fose un utensilio sería unha fregona.

Se fose un lugar sería unha igrexa nunha rúa.

Se fose un son sería o das campás.

Foto da Cueva de Salamanca que tomou Isaac ao seu paso por Salamanca na excursión de 4º

Foto da Cueva de Salamanca que tomou Isaac ao seu paso por Salamanca na excursión de 4º

 

Fuenteovejuna, de Lope de Vega

Se fose un xoguete sería un globo de auga.

Se fose un moble sería unha arca de madeira.

Se fose un utensilio sería unha tesoiras para trasquilar as ovellas.

Se fose un lugar sería unha vila de Castela.

Se fose un son sería: “Todos a unha, Fuenteovejuna!”

Casa de bonecas, de Ibsen

Se fose un xoguete sería unha boneca.

Se fose un moble sería un xoieiro.

Se fose un utensilio sería unha árbore de Nadal ou un buzón.

Se fose un lugar sería o salón dunha casa.

Se un son sería o dun ballet (non sabemos cal!)

A fiestra valdeira, de Rafael Dieste

Se fose un xoguete sería unha barquiña pequena.

Se fose un moble sería un cabalete para pintar.

Se fose un utensilio sería un pincel.

Se fose un lugar sería o mar (visto desde unha ventá).

Se fose un son sería o das ondas do mar.

casa de bonecas 046

Tres sombreros de copa, Miguel Mihura

Se fose un xogute sería unha carraca.

Se fose un moble sería unha cama.

Se fose un utensilio sería un teléfono.

Se fose un lugar sería un escenario.

Se fose un son  sería a música dunha trompeta (ou a dun ukelele).

Comedia bífida, Núñez Singala

Se fose un xoguete sería unha cartolina.

Se fose un moble sería unha tribuna dun xuíz.

Se fose un utensilio sería un martelo.

Se fose un lugar sería o inframundo.

Se fose un son sería o golpe do martelo dun xuíz ou o bater de ás dun anxo.

Deixar un comentario

Arquivado en Actividades, Teatro

Cabelo de anxo e Anxos de garda

Na derradeira sesión do club de lectura 2014-15 comentamos, como sabedes, Comedia bífida. Como ía de anxos fixemos un pastel de cabelo de anxo. As dúas cousas (comedia e pastel) gustaron moito.

Queda no padal un bo sabor para o verán!

 

A comedia e o cabelo de anxo

A comedia e o cabelo de anxo

E como estamos cos anxos recomendamos Anxos de garda, de Anxos Sumai.

Anxos Sumai xa ve nos andeis das librerías os artigos que escribiu para a rede. Co mesmo título que a sección que a escritora ten na edición da fin de semana de Culturagalega.org, “Anxos de garda”, a editorial A Nosa Terra recompilou os artigos publicados na rede entre setembro de 2002 e abril de 2003 e editou este libro co que inaugura a colección Central Literaria. En “Anxos da garda” a escritora fai un relato en formato de diario de experiencias vividas apegado á actualidade das datas en que foi escrito incluíndo reflexións persoais e situacións que, sendo íntimas, son moi universais. (Información que aparece aquí)

Que no verán (e sempre) teñades sempre un anxo de garda nas vosas lecturas!

Deixar un comentario

Arquivado en Lecturas estivais, Recomendacións