
1ª edición de Bechos e demais parentes.
As aves, bestas e demais parentes, como rezaría o título orixinal en inglés, é o tema desta segunda entrega da Triloxía de Corfú: relato das ricas vivencias nun período de intensa aprendizaxe do rapaz e incipiente naturalista Gerry, no seo dunha familia anglo-india, que se traslada da India a Inglaterra e logo a Grecia no axitado período de Entreguerras. Esta segunda entrega, escrita 13 anos despois d’A miña familia e outros animais, é unha obra que gaña en madurez narrativa e descritiva, sendo capaz de transmitir unhas vivencias tan nítidamente como a primeira e en menos páxinas. Asemade, é máis longa e completa cá terceira, tamén moi ben narrada: O xardín dos deuses.
Pero este ano 2016 tamén é especial para esta Triloxía, cúmprense 60 anos da publicación d’A miña familia e outros animais, a primeira entrega que tivo repercusión na TV cunha miniserie do ano 1987 e unha película de 2005, ademais dunha adaptación teatral en inglés. A triloxía enteira nós coñecémola polas súa tradución ao castelán, pero este mesmo ano os galegos podemos celebrar os 60 anos da súa primeira entrega lendo a Triloxía completa en galego (xa na túa biblioteca). Non só iso, senón que unha importante cadea de televisión británica está emitindo este ano a primeira tempada dunha miniserie que abrangue toda a triloxía. Podes ver unha versión do trailer por un afeccionado no seguinte vídeo:
E a súa versión orixinal: “The Durrells”, cun título máis fiel ao que realmente aparece na serie, a Triloxía de Corfú:
Agardemos poidamos gozar desta serie nalgunha das emisoras españolas.
Hoxe, os lectores deste libro, reunímonos escoitando a música grega kalamantiana que bailaban os amigos de Gerry xa na primeira entrega da triloxía e degustamos un postre tipicamente grego, a tarta de noces karithopita, regada en xarope. Mais a estas alturas do curso, algún queda con tarefas de nadal, pois non puido aínda rematar o libro entre tanto exame. Aínda así, todos repasamos xa as numerosas especies de moluscos, crustáceos, plantas e arácnidos que ía atopando Gerry nas súas andanzas poa Baía das Oliveiras, vimos algunha lectura sobre o escaravello sagrado (libro de Fabre de 1920) e outros lugares de Corfú ao que viaxamos coa imaxinación…

Unha merenda de karithopita, cunhcas de moluscos, crustáceos e libros de natureza, coa imaxinación voando pola mediterránea Grecia, coas súas oliveiras e tamén… cipreses.