As misións pedagóxicas de Dieste

Comentabamos onte que Dieste compartía e apoiaba as ideas da II República.

Pero, que aconteceu durante a II República? Que ideas defenderon os que perderon a guerra?

O 14 de abril de 1931, o rei Afonso XIII suspendeu a potestade real e abandonou o país cara ao exilio. Procalmouse entón a II República. Inmediatamente, formouse un goberno provisional, integrado por republicanos, socialistas e catalanistas de esquerda que iniciou as primeiras reformas: amnistía para os presos políticos,  liberdade de partidos e sindicatos, creación de leis sociais para mellorar a situación dos xornaleiros… Nos primeiros meses, o novo goberno tivo que afrontar algúns conflitos, sobre todo a queima de conventos como resposta ás declaracións a favor da monarquía por parte da xerarquía eclesiástica. Ademais, nalgunhas cidades españolas, estalaron importantes folgas obreiras convocadas pola CNT, que aspiraba á revolución social. En xuño de 1931 convocáronse eleccións a Cortes Constituíntes, que lle deron a maioría á coalición republicano-socialista. A primeira gran tarefa das novas Cortes foi elaborar unha Constitución, a de 1931, que foi aprobada en decembro dese mesmo ano. Esta recoñecía o sufraxio universal masculino e feminino e proclamaba a aconfesionaliddae do Estado. Presentaba unha declaración de dereitos individuais e establecía amplas liberdades públicas e privadas. Recoñecía o dereito á propiedade privada, pero dábanselle facultades ao goberno para expropiar bens considerados de utilidade pública. O Estado configurábase de forma integral, pero aceptábase a posibilidade de constituñir gobernos autónomos nalgunhas rexións.

Unha vez aprobada a Constitución, Niceto Alcalá Zamora foi elixido presidente da República, mentres que Manuel Azaña presidía o goberno formado por republicanos, socialistas e nacionalistas.

O novo goberno emprendeu, durante dous anos, o labor de reformar o país nun sentido democrático, laico e descentralizado. Pretendíaselles dar solución a algúns dos problemas pendentes desde o século anterior, co obxectivo de modernizar a economía e a sociedade españolas.

Para iso leváronse a cabo varias reformas. No eido militar, o goberno elaborou unha lei de retiros que posibilitou a xubilación de case a metade dos oficiais militares e reduciuse o número de capitanía xerais, entre outras cousas.

Por outro lado, a Constitución abriu camiño á descentralización do Estado, ofrecendo a posibilidade de elaborar estatutos de autonomía e establecer gobernos autónomos (isto posibilitou que Alexandre Bóveda e Castelao, entre outros, redactasen o Proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia).

Con repecto ás reformas agrarias, a República tratou o problema do latifundismo. Nalgunhas zonas de España, sobre todo en Andalucía e Extremadura, existían centos de milleiros de xornaleiros sen terras nunha extrema situación de miseria, mentres que a propiedade se concentraba en mans duns poucos propietarios. Unha lei do goberno decretou expropiables os grandes terreos que non se cultivaran e permitiu distribuílos entre os campesiños sen terras.

Finalmente, o goberno da República levou a cabo unha importante reforma relixiosa e educativa. Con respecto á primeira intentou diminuír o peso da Igrexa católica separando a Igrexa do Estado e, como consecuencia disto, aboliuse o orzamento de culto e clero, prohibíuselles o ensino ás orde relixiosas. Tamén se introduciron o matrimonio e o enterro civís e se elaborou unha lei de divorcio. Polo que se refire ás reformas educativas, ademais de promover unha educación laica, o Estado asumiu a responsabilidade da escola pública. Deste xeito, destinaron grandes investimentos para realizar construcións escolares,  incrementar o número de mestres (igualiño que agora!) e crear as Misións Pedagóxicas, nas que participou de maneira moi intensa Rafael Dieste.*

As MisiónsPedagóxicas foron un proxecto educativo español creado no seo do  Museo Pedagóxico Nacional e da Segunda República Española e inspirado na filosofía da Institución Libre de Enseñanza. Comezaron no 1931 e finalizaron co estoupido da guerra civil en 1936. Creáronse co propósito de levar a cultura e a educación aos ámbitos menos desenvolvidos do rural da España de principios do século XX.
Nelas participaron, entre outros moitos, importantes intelectuais como María Zambrano (a filósofa esquecida da Xeración do 27), o dramaturgo Alejandro Casona, o cineasta José Val del Omar,  o poeta Luis Cernuda ( que nunca habitará no olvido), o pintor encargado de facer copias do cadros que estaban no Museo do Prado,  Ramón Gaya, o músico Eduardo Martínez Torner, os poetas Miguel Hernández, Pedro Salinas, Rafael AlbertiAntonio Machado, os pintores galegos Urbano Lugrís e Maruja Mallo… Todo eles foron convocados polo pedagogo e director do citado Museo  Bartolomé Cossío, pai das Misións. Se ben,xa en 1881 Francisco Giner propuxera unha serie de medidas para a reforma da institución pública que incluía a idea das Misións. Estas tiñan como obxectivo  levar ás zonas rurais do país a cultura reservada, daquela , só ás cidades: bibliotecas, museos, cine, teatro, música, coro, guiñol…

Con este propósito, o 29 de maio de 1931 créase por Decreto o Patronato de Misións Pedagóxicas co encargo de «difundir la cultura general, la moderna orientación docente y la educación ciudadana en aldeas, villas y lugares, con especial atención a los intereses espirituales de la población rural». Para facelo crearon bibliotecas, compañías de teatro, cines, retablos, pequenos museos ambualntes que ían percorrendo os pobos da España de principios de século. Levaban a certeza de que a cultura era de todos e para todos e de que so esta podería dignificar e mellorar un país (igualiño que agora!!!)  Aquí podedes ler que actividades se desenvolveron.
Velaquí unha mostra dese traballo: un fragmento de “La doncella guerrera”, escrita por Rafael Dieste para as Misións Pedagóxicas:
O 11 de agosto de 1933 comezou a Misión Pedagóxica en Galicia dirixida por Rafael Dieste. Duraría seis meses e percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Patronato das Misións Pedagóxicas.  Aquí podedes ver unha exposición de fotografías das Misións.
El Retablo de Fantoches conmemora el estreno de la obra de Rafael Dieste
Fotografía extraída de aquí que recolle a imaxe da representación en Malpica de Retablo de Fantoches da obra de Dieste “La doncella guerrera”. Está tomada o 20 de outubro de 1933.
O propio Dieste lembraba así a experiencia:  “Los medios de fabricación fueron de mi cosecha, lo mismo que el diseño del escenario, con sus recursos de iluminación, escenográficos, etcétera. Todo esto requirió experimentos en los que participó con su fogoso genio José Val del Omar. En el modelado de los muñecos y en los decorados intervinieron principalmente Ramón GayaFernández MazasMiguel Prieto, Urbano Lugrís y yo también, no sólo como teórico -ya que surgieron muy curiosas discusiones estéticas-, sino como artesano en “La doncella Guerrera”. Lugrís, que era un guiñolista portentoso, acertó a resolver teatralmente un final de escena, culminación de la comedia, con un relincho brioso y jubiloso del caballo en fuga llevándose la heroína. La dirección de escena, así como los guiones o farsas, corrían mi cargo, y rara vez dejaba de tener algún papel en las representaciones”.

Aquí podedes ler máis sobre o contexto e as actividades desenvolvidas polas Misións. E aquí podedes lembrar a homenaxe que lles fixemos a estas misións fai uns anos na biblioteca do instituto. Tales misións foron a alma do noso proxecto de biblioteca  (grazas, Rodrigo Pérez!)

E para rematar unha foto da representación do entremés “El juez de los divorcios” (lembrádela?) celebrada en Misión de Llanos de Penagos (Foto cortesía de Francisco Ramos) extraída de aquí (interesante documento que contén a crónica das actividades misioneiras en Cantabria.

Misiones Pedagógicas

* Toda a información histórica está extraída do libro Ciencias sociais, historia, cuarto curso da editorial Vicens vives.

Finalmente, deixámosvos este artigo sobre Dieste, “Una pasión creadora”, que recolle como foi a súa obra, especialmente, nesta etapa.

Advertisements

1 comentario

Arquivado en Misión Pedagóxicas

Unha resposta a “As misións pedagóxicas de Dieste

  1. Bo artigo 

    —- Mensaxe de Club de lectura BiblioTea

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s