A semana pasada comentamos a lectura Casa de bonecas. Foi a obra que máis lle gustou de todas as que levamos lidas. “Era sinxela e complicada (polo tema) ao mesmo tempo.” Son palabras textuais. Supoño que o complicado fai referencia á profundidade, aos desencontros e ao encontros dos personaxes (especialmente o de Nora no seu camiño de recoñecemento e liberación). É unha marabilla que as mediadoras non teñamos que explicarlles xa cales son os temas que habitan na novela (ou levalos ata eles) e que eles sós sexan capaces de ver que detrás dunha historia, dunha obra sempre palpita unha reflexión (feita arte) e que, e isto é importante, sexan capaces de formular, verbalizar eses conceptos tan abstractos, ás veces: os temas. Deberase á práctica lectora, ao camiño andado destes novos lectores ou á tarta de améndoas.
Como estamos no mes da muller elexímolo libro do mes (a pesar de que quen escribe non está moi dacordo cos “días de”). Xa o temos colocado no espazo ( a caixiña de Rodrigo. Canto te lembramos!!) que lles temos reservado na biblioteca a eses libros:
Aproveitamos tamén a ocasión para facer unha pequena selecta de obras de teatro que recollemos neste punto de interese:
Está feita a propósito do obradoiro de teatro que se está realizando na biblioteca para os alumnos de 1º da ESO. Os rapaces están aprendendo técnicas teatrais da man dos mesmísimos organizadores do Festival das Brétemas. Nestes momentos están preparando unhas escenas teatrais para facer nas rúas de Ponteareas. Vai ser todo un fito!! Longa vida ao teatro e longa vida ao Festival das Brétemas!!!