Entremeses: teatro entre platos

Na xuntanza de mañá imos comentar a peza  Entremeses de Cervantes, editada por Bambú. Como é de supoñer, mañá teremos entremeses para comezar. Así que, antes de comer o bocata, pasade probar os entremeses que vos teremos preparados.

Fotografía da representación de “El Retablo de las maravillas” extraída de aquí ( Este entremés está baseado no tópico do rei espido)

Aquí vos deixamos unha breve explicación do xénero e do contexto histórico.  Ademais de comentar esta obra comezaremos a ler Fuenteovejuna, De Lope de Vega.  Esta lerémola nas xuntanzas. Ainda que se trata dunha adaptación, a obra presenta certas dificultades. Por iso mesmo faremos unha lectura dramatizada de colectiva da mesma para despois facer un comentario persoal da comedia de Lope.

Pero comecemos polos entremeses antes de entrar no prato principal.

Xa vos dixemos que a finais do século XV e durante todo o XVI triunfaba en España un teatro cómico, breve e popular. Xa durante o reinado dos Reis Católicos pareceron precursores deste tipo de teatro: Gómez Manrique, Juan del Encina, Lucas Fernández e Gil Vicente, que incorporaron ás súas pezas escenas costumbristas extraídas da vida cotiá, lirismo, humor e personaxes bobos ou simples e final feliz. Fronte á La Celestina, de Fernando de Rojas, que representaba unha tendencia máis tráxica, triunfou esta liña da comedia, que proseguiría Lope de Rueda cos seus Pasos, e máis tarde Cervantes cos Entremeses.

Xa vos comentamos na entrada anterior  que o nome de entremés (sinónimo de paso), de orixe catalán, alude a unhas pantomimas ou farsas que se representaban entre os platos fortes de certos banquetes. De aí pasou aos currais de comedias e aos intermedios da obra principal. A brevidade e a comicidade son as súas características principais.

Cervantes viu representar os Pasos de Lope de Rueda e aprendeu deste autor a construir divertidos personaxes, de carácter costumista (criado bobo, ladrón, soldado pobre e/ou fanfarrón que nos lembra ao miles gloriosus de Plauto, estudante, vizcaíno, fidalgo sen recursos, prostituta, vello cornudo…) Asemade, Cervantes aprendeu do seu mestre Lope de Rueda que a trama fundamental para facer rir ao público debía ser un engano no que houbese burladores e burlados.

No estudo que aparece na edición que nós lemos, Emilia Navarro e Alfredo Reina León distinguen varios temas e personaxes recurrentes nos entremeses. Un dos que máis se repite é o tópico do matrimonio entre un home de avanzada idade e unha moza. Os matrimonios adoitaban ser concertados entre as familias e tiñan unha finalidade económica ou de ascenso social. Atopámolo tamén noutras obras como El sí de las niñas, de Leandro Fernández de Moratín, en La zapatera prodigiosa de Federico García Lorca ou na obra de CastelaoOs vellos non deben de namorarse. Cervantes aborda o tópico en “El viejo celoso” e nunha das historias de “El juez de los divorcios”.

Outro personaxe moi presente na tradición literaria española que tamén aparece nos entremeses cervantinos é o da alcahueta. Esta ten por oficio mediar entre os membros dunha parella para que acorden unha cita e posterior relación amorosa. A tradición literaria recolle a asociación popular da alcahueta coa bruxería. Neste senso destacan a Trotaconventos de El libro del Buen Amor, a Celestina, Gerarda na obra  La Dorotea ou Fabia en El caballero de Olmedo, entre outras. Na obra que lemos aparece a veciña chamada Hortigosa en “El viejo celoso”.

A prostitución foi, desde a Idade Media, un fenómeno social documentado en moitas cidades españolas, práctica que se prohibiu en 1623. Para exercer o seu oficio asignábaselles a estas mulleres un pequeno barrio de extramuros chamado mancebía. Outras exercían en domicilios particualres, como as protagonistas de “El vizacíno fingido”. En “El juez de los divorcios” un dos personaxes relata ao xuíz os seus problemas conxugais con unha arrepentida.

A parella dama e criada tamén é moi común nos entremeses. Neles atopamos varios graos de confianza na relación entre elas: desde a actitude maternal da ama de Cristina en “La guarda cuidadosa” á de complicidade nun caso de infidelidade en “La  cueva de Salamanca” e “El viejo celoso”. Nestes dous últimos, Cervantes móstranos unhas señoras que non pertencen á nobleza, senón á burguesía, para ilustrar o tema do adulterio. A convención teatral da época esixía que o tema da infidelidade conxugal (tan común na historia da literatura) se tratase en clave cómica e con personaxes que non pertencesen á aristocracia, dado que este tema podía poñer en entredito un dos valores fundamentais da clase nobiliaria destes séculos: a honra e, no caso de menoscabo da mesma, a vinganza.

A propósito dos personaxes femininos, xa vos decatariades da misoxinia que percorre todas as obras, pero que se fai especialmente presente na broma de “El vizcaíno fingido”

Como home barroco non podía faltar nos entremeses de Cervantes  o tópico do engano aos ollos. A realidade, segundo o pensamento barroco, está en constante cambio e mudanza, nada permanece, nada hai firme, os sentidos engánanos, a verdade depende do punto de vista ou perspectiva, todo é pura apariencia e teatro.O mundo é puro teatro, é engano, é apariencia e ficción. Lembremos, entre moitos, “La cueva de Salamanca” onde aparece o recurso ao teatro  no propio teatro ao igual que en “El Retablo de las maravillas”.

O retablo deste entremés, se existise, tal vez fose semellante  ao de Maese Pedro que aparece en El Quijote. Manuel de Falla púxolle música a ese fragmento:

Por outra parte, as letras e as armas son dous temas moi presentes nas obras cervantinas (podemos lembrar o famoso “Discurso de las armas y las letras” pronunciado por D. Quijote, de quen xa falamos aquí). Tamén aparecen nas pezas que estamos lendo. As letras están representadas, entre outras,  pola figura do sacristán. A diferencia do soldado, este ten cartos, polo seu contacto coa igrexa, e dispón de máis recursos dialécticos para conquistar ás mulleres, como lles acontece aos protagonistas de “La guarda cuidadosa” e “”La cueva de salamanca”.

Con respecto ás armas, cómpre dicir que Cervantes mostra unha grande simpatía pola figura social e literaria do exsoldado. A este personaxe adoita velo coma un perdedor, un tipo pobre, idealista, abandonado pola Administración, que non consigue traballo para poder manterse, que se esforza inutilmente en facer valer as súas gloriosas fazañas bélicas para conseguir un traballo ou o amor dunha muller. É caso dos exsoldados que aparecen en “La  guarda cuidadosa” ou “El juez de los divorcios”.

Outro tema presente na obra cervantina e tamén na tradición literaria e filosófica occidental é o da maxia e os soños vencellados ás covas. A cova é un espazo mítico universal onde se alteran as coordenadas do tempo e do espacio. Pode simbolizar o descenso para adquirir un coñecemento irracional e misterioso, a inmersión no subconsciente humano ou tránsito cara ao mundo da ultratumba. Son famosas as covas de Platón e a súa teoría das ideas, a de Alí Babá  ou as de Cervantes, concretamente a de Salamaca e a de Montesinos. A primeira era un lugar onde, segundo unha antiga tradición, o mesmo diaño daba clases de artes máxicas e adiviñacións. Segundo outra lenda, era o párroco da igrexa de San Ciprián quen ensinaba a súa escura sabedoría a sete alumnos ao longo de sete anos. Dicíase que esta cova era a entrada a un labirinto de túneles secretos que conectaba os lugares máis importantes da cidade: a Catedral e a Universidade. O estudante protagonista de “La cueva de Salamanca” aproveita a popularidade desta lenda para enganar a un marido que é vítima da infidelidade da súa muller. Neste caso, a carboneira da casa convértese na famosa cova e serve de gancho para o engano. Por outra banda, a cova de Montesinos, que se atopa no Parque Natural das lagoas de Ruidera (entre Ciudad Real e Albacete), foi visitada por don Quijote, se ven a imaxinación do fidalgo convertiuna nun inmenso palacio de cristal.

Finalmente, non podemos deixar de falar do entremeses como espello da sociedade barroca. Estes constitúen un documento excepcional de como a profunda crise económica e social da España do século XVII afectou á xente na súa vida cotiá levándoas ao conflito, ao desengano, á pobreza, á infelicidade, á incertidume… Como xa comentabamos anteriormente, as crises son moi semellantes  ainda que estean moi distanciadas no tempo.  Moito me temo que sempre as pagan os mesmos  e tamén os mesmos as provocan en calqueira época. A ver se vos soa isto de algo: a crise social e económica que viviu España durante o século XVII tivo unha raíz financieira. Os gastos do Estado eran desmesurados, sobre todo polo luxo e ostentación da Corte e pola elevada factura que se tiña que pagar para manter o imperio. Ante a falta de ingresos suficientes, o Estado tiña que acudir a pedir diñeiro prestado aos bancos, especialmemte aos xenoveses. Mais, en ocasións, a falta de de ingresos era tal e a débeda tan alta, que o Estadao quebrou e viuse obrigado a declarar a suspensión de pagos. Nesta situación, os bancos non puideron cobrar os préstamos. Esta crise financieira estaba en boca de todos, como se pode observar no entremés “El vizcaíno fingido”.  Asemade, na conciencia de moitos cidadáns do século XVII, a bancarrota do Estado debíase a que a monarquía dos Austrias pecaba de despilfarro. Para mostrar grandeza (que non era tanta, por certo), nas cortes eran frecuentes as festas,  o luxo, a ostentación e un sistema de privilexios económicos dos que se beneficiaba a aristrocracia. En efecto, xeralizáronse unha pagas extraordinarias ou subvencións chamadas “axudas de costa”. Cristina chama ao cliente de Brígida precisamente axuda de costa, como caída do ceo (así como todas as subvencións e pagas extras que recibía a aristocracia e que encubrían un sistema de clientelismo e corrupción que sangraba as contas públicas): de forma humorística, Cervantes pon o dedo na chaga da bancarrota do Estado.  Tristemente, hoxe podería facer o mesmo.  Aquí tedes unha dramatización do entremés ao que vimos aludindo:

Reflicte tamén Cervantes quen son as vítimas desa crise, que se manifestan dun xeito máis palpable na figura do soldado pobre. Estes soldados, innecesarios nunha época de paz quedaban desamparados e sin soldo, a mercede dunha sociedade que tampouco lles proporcionaba un traballo, de xeito que se vían abocados á mendicidade ou a unha forma de loucura que pasaba por esaxerar un glorioso pasado militar co propósito de disimular a súa pobreza e conseguir axuda económica estatal que nunca chegaba. Cervantes retrata en “La guardia cuidadosa” a un deses soldados. Esta crise tamén foi cruel cos fidalgos pobres, un tipo social que xa non tiña cabida na historia, abocado a desaparecer. Lembremos, por exemplo, o drama do fidalgo que aparece en “El juez de los divorcios”.

E agora, a quen elixiría Cervantes para representar ás vítimas da nosa situación de crise?

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Teatro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s