Arquivos diarios: Decembro 10, 2014

“La librería ambulante” de Chistopher Morley

En resposta á entrada anterior e a propósito de Shakespeare, debo dicir que este non debe ser un autor que se poida ler sen unha aprendizaxe previa coma lector, ou ó menos iso pensaba Roger Mifflin, cando non llo quería vender a un labrego que “sempre lle compraba libros por valor de cinco dólares. A primeira vez que foi onda el vendeulle “A illa do tesouro”, e aínda fala del. Vendeulle “Robinson Crusoe” e “Mullerciñas” para a súa filla, e “Huck Finn” e o libro  de Grubb sobre a pataca.  A última vez que foi onda el quería un Shakespeare, pero non llo quixen vender. Pareceume que aínda non estaba preparado para el.”

Quen é Roger Mifflin? Ah! O señor Mifflin era o propietario do “Parnaso ambulante” antes de que llo vendera á Helen McGill (a que logo fora a Sra. Mifflin e narradora da obra). O  “Parnasus on wheels” ou ”  A librería ambulante“, ademais do título é o verdadeiro protagonista do libro de  Christopher Morley (1890-1957)

(Procedencia da imaxe)

Christopher Morley, naceu en Pennsilvania, UEA, no ano 1890. Formouse no Haverford College, onde o seu pai, de orixe inglés, traballaba coma profesor de matemáticas. Estudou historia na universidade de Oxford e o 1913, logo de volver ós EUA, converteuse nun dos periodistas máis prestixiosos do seu momento, un traballo que o levou a percorrer todo o país.

“A librería ambulante”, publicada no 1917 con gran éxito, foi a súa primeira novela, pero logo seguírona “A librería encantada”  dous anos despois. E o 1939 apareceu a que sería a súa novela máis coñecida, “Kitty Foyle” da que se fixo a versión cinematográfica (“Espejismo de amor”) protagonizada por Ginger Rogers.

A cabana de madeira na que escribíu moitas das súas obras consérvase tal como era cando el vivía alí e é visitada por moitos dos seus lectores.

A obra que nos ocupa agora está ambientada no mundo rural de Nova Inglaterra de finais do XIX. É un libro sobre libros e un libro de viaxes, ou dunha viaxe, en sentido literal e figurado.

Narrado en primeira persoa, a novela amosa a vida dunha muller, Helen McGill, que leva unha granxa xunto co seu irmán, que non a axuda moito pois está máis centrado nas súas tarefas de escritor de éxito. A situación cambia cando Roger Mifflin, que recorre o país vendendo libros e fomentando a lectura cunha paixón exacerbada que logra transmitirlle a Helen, chega á granxa para venderlle a librería ó escritor. A irmá para evitar que este o faga, cómpraa ela e emprende a viaxe….e ata aquí contámosvos, o resto das aventuras de Roger e Helen xa as leredes vós, seguro que non vos decepcionan. Ó tempo que ides lendo as aventuras dos dous iredes facendo unha recopilación de libros recomendados por Roger e Helen, que de seguro que algún lector, se non os leu xa, lerá.

 

Na seguinte obra, “A librería encantada”, os señores Mifflin están xa establecidos en Nova Iorke e non van eles ós lectores, senón que estes acuden á súa librería.

(Procedencia da imaxe)

Para acabar deixovos tamén a portada  da tradución ó català da “Librería ambulante” que me pareceu moito máis bonita (a portada, digo).

(Procedencia da imaxe)

Deixar un comentario

Arquivado en Cine, Libros sobre libros, Recomendacións