O teatro clásico

Teatro romano de Mérida

(Procedencia da imaxe)

A palabra teatro, procedente do grego θέατρον, designa non só o xénero literario, que hoxe en día coñecemos sobre todo como representación escénica, senón tamén o lugar onde se representa. Este substantivo ten a mesma raíz co verbo θέομαι que significa ver, mirar, contemplar, observar. O cal nos mostra que xa na súa orixe era un xénero concebido para ser representado, pero o teatro escríbese e, ademais de representarse, tamén se le, como facemos este curso no club de lectura.

O teatro, igual que outros xéneros literarios cultivados hoxe en día, ten a súa orixe na civilización clásica, concretamente en Atenas e é continuado posteriormente en Roma.

Deixámosvos un vídeo sobre o nacemento do teatro en Grecia (as voces non resultan moi agradables, pero o contido é interesante)

Fixaivos como se fala do teatro, na súa orixe, coma a fusión de diferentes elementos e incluso se fala del coma “unha prolongación da filosofía”.

Dise no vídeo que a traxedia e o drama satírico se representaban en festas relixiosas. Tede en conta que ó falar de relixión no mundo clásico non nos referimos ó mesmo que hoxe en día podemos entender por “festa relixiosa” ou “culto”. Cando falamos deste tema acostumamos a ter en mente a relixión católica ou cristiana, sen embargo hai que recordar que os gregos e romanos, antes do cristianismo, eran politeístas e os deuses, aínda que inmortais e todopoderosos, tiñan as súas propias historias de pasións, vicios e virtudes coma os seres humanos.

En Roma os comediógrafos máis destacados foron Plauto e Terencio.

O universo do teatro de Plauto son os cidadáns normais e correntes, que non teñen un papel destacado na vida social e política. Hai nas súas obras unha serie de personaxes que se repiten coma estereotipos: o escravo astuto; o vello conservador, avaro e incluso “verde”; o xove inmaduro, derrochador, irreflexivo; o leno ou alcaiote; a prostituta…Os espectadores identifican facilmente estes personaxes e provócanlles risa Ademais nas obras de Plauto as situacións de engano, confusión, etc. tamén moven á risa.

As obras van precedidas xeralmente dun prólogo, no que unha personaxe conta o argumento e pide a benevolencia (captatio benevolentiae) e os aplausos do público.
Plauto, home de pobo, soubo interpretar felizmente as inquietudes, aspiracións e frustracións da sociedade romana da súa época, unha sociedade que estaba cambiando
pola gran afluencia de escravos procedentes das guerras contra Aníbal. Os escravos son os protagonistas das comedias, onde se bulra e se engana ás clases acomodadas e isto debía resultar atractivo para as clases sociais máis desherdadas, que acudían en masa ás representacións e víanse reivindicadas na escea. Pero a Plauto non lle interesaba transmitir ningunha mensaxe social nin moral, senón unicamente facer rir, por iso a súa linguaxe é moi rica e expresiva.
Algunhas das súas obras son: Aulularia (comedia da oliña), Asinaria (comedia dos asnos), Anfitrión, Maenechmi  (os xemelgos), Pseudolos (o trapalleiro)
(Podedes ler algunhas online picando sobre o enlace ou buscándoas na biblioteca)

En canto ó teatro romano en xeral tamén podedes consultar algo máis no enlace á aula moodle de Latín de 2º do IES Val do Tea ou no blog de linguas clásicas.

Tamén vos deixamos este vídeo sobre a arquitectura dos teatros gregos e romanos.

Fixaivos que nos din que na súa orixe eran de madeira.

Seguramente alguén de vós víu un teatro romano, de estructura semellante, en algún lugar da península ibérica, pois consérvanse moi ben en Mérida, Tarragona, Itálica, Sagunto, Cádiz, Cartagena… dalgúns destes son as fotografías que se amosan ó final do vídeo. No teatro romano de Mérida continúan facéndose hoxe en día representacións teatrais. En época estival o Festival Internacional de Teatro Clásico , na primavera o Festival Juvenil de Teatro Grecolatino, que ten tamén coma escenarios outras cidades da península.

No blog El tablero de Piedra do arquitecto Carlos Sánchez-Montaña, experto en Proyectos, Historia e Urbanismo pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, tedes unha entrada estupenda dedicada ós teatros romanos en Hispania. Botádelle ó menos unha ollada.

 

 

Advertisement

Deixar un comentario

Arquivado en Teatro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s