A música en “A miña planta de laranxa lima”

Xa comentamos con anterioridade que Zezé se sentía atraído polas palabras. Vese no interese que ten polos poetas, polo descubrimento de novas verbas. Tamén polas que son cantadas.  Moitas son palabras que aparecen en forma de letras de cancións que seducen ao protagonista. Trátase, sobre todo,  de cantigas tradicionais e de tangos.

Na páxina 12 da novela podemos escoitar a primeira canción nos beizos da súa nai:

“(…) Mamá era alta, delgada, pero moi linda. Tiña una cor ben queimada e o cabelo negro e liso. Cando o deixaba solto chegáballe ata a cintura. Pero o bonito era cando cantaba e eu quedaba ó seu lado aprendendo.

“Mariñeiro, mariñeiro

mariñeiro de amargura,

por causa túa, mariñeiro,

baixarei á sepultura…

As ondas golpeaban

e na area esvaraban,

alá marchou o mariñeiro

que eu tanto amaba…

O amor do mariñeiro

é amor de media hora,

o navío leva áncoras

e el vaise nesa hora…

As ondas golpeaban…

Ata agora esa música dábame una tristeza que non sabía comprender. (…)”

Se premedes aquí podedes lela no portugués orixinal.

Noutra ocasión é Zezé quen canta. Concretamente unha parte, a que máis lle gustaba,  de “Casiña pequeniña”:

“(…) Saquei peito:

Ti sabes de onde veño,

dunha casiña que teño;

queda alá cabo da horta…

É una casa pequeniña,

no alto dun outeiro

e vese ó lonxe o mar…

Saltei un montón de versos.

Entre as palmeiras altas

cantan todas as cigarras

ó volverse de ouro o sol.

Cerca vese o horizonte

no xardín canta una fonte

e na fonte un reiseñor…

Alí parei. Elas seguían firmes, esperándome. Tiven una idea; quedaría alí cantando ata que chegase a noite. Acabarían por cansar.

¡Pero que! Cantei toda a canción, repetina, cantei O teu afecto é pasaxeiro e ata Ramona. As dúas letras diferentes que sabía de Ramona. Nada. Entón entroume a desesperación. Era mellor acabar aquilo. Fun onde elas estaban. (…)” Páxinas 35 e 36 da novela.

Velaquí a”Casiña pequeniña”, completa, na voz de Vicente Celestino:

Aquí deixamos outra “Casinha pequeninha”canción popular tradicional do Brasil que canta Ricardo Machado:

Mais serán “os martes do seño Ariovaldo” os que lle permitan a Zezé explorar realmente no canto e cantar para outros, non só para si mesmo como adoitaba facer.

“(…) Puxo a saca no chan e o saco no ombro esquerdo. ¡Ah, que bonita camisa a cadros! Cando sexa home só vou usar camisas así. Ademais tiña un pano vermello no pescozo e o sombreiro caído cara atrás. Fixo soar unha bucina forte, que encheu a rúa de alegría.

_ ¡Achéguense! ¡Aquí están as novidades do día!

Tamén a súa voz de baiano era bonita.

– Os acontecementos da semana ¡Claudionor! A última música de Chico Viola. Perdón… o último éxito de Vicente Celestino. ¡Aprendan, amigos, que é a última moda!

                                      ( Procedencia da imaxe)

Esa maneira tan bonita de pronunciar as palabras, case cantando, déixabame abraiado.

O que quería que cantase era Fanni. Sempre o facía e eu quería aprendela. Cando chegaba a esa parte na que dicía: “Nunha cela hei de verte morrer”, eu tremía ante tanta beleza…

Lanzou o seu vozarrón e cantou Claudionor:

Fun ao baile no monte da Mangueira

unha mulata chamoume de tal maneira…

Non volvo máis alá, teño medo de “cobrar”

o seu home é moi forte. É capaz de matar…

Non vou facer como fixo Claudionor,

para manter a familia foi facerse estibador.

Paraba e anunciaba:

_ Folletos de todos os prezos, desde centavos ata catrocentos reis*¡Sesenta cancións novas! Os últimos tangos.

Aí chegou a miña felicidade, Fanni

Aproveitaches que ela estaba soiña

e sen tempo de chamar a unha veciña…

acoiteláchela sen dor nin compaixón.

(A súa voz tornaba suave, doce, tenra, como para esnaquizar o corazón máis duro.)

Á pobre Fani, que tiña bo corazón.

Por Deus che xuro que tamén has de sufrir…

Nunha CELA HEI DE VERTE MORRER

acoiteláchela sen dor nin compaixón

á pobre, pobre Fani, que tiña bo corazón. (…)”

                         Páxinas 103 1 104 da edición citada

(“Perdón”, de Francisco Alves, Chico Viola)

(“Adiós muchachos”, de Carlos Gardel)

“(…) _ O valse Perdón; Fumando espero e Adeus Rapaces, os tangos aínda máis cantados ca Noite de Reis. No centro só cantan eses tangos… Luz celestial, unha beleza. ¡Escoiten!

E parecía abrir peito:

Tés na túa mirada unha luz celestial que me fai medrar…

ver unha irradiación de estrelas brilando no espacio sideral.

Xuro por Deus que nin sequera aló nos ceos pode haber

ollos que seduzan tanto coma os teus…

¡Oh! Deixa que os teus ollos miren ben os meus para lembrar

a historia triste dun amor nacido nas ondas do luar…

Ollos que che din sen poder falar canta desgracia é amar… (…)”  Páx. 105 da edición citada.

“(…) E fomos polas rúas, cheas de sol e po. Nós eramos os paxariños alegres que confirmaban o verán.

O seu bonito vozarrón abría a ventá da mañá.

_ O éxito da semana, do mes e do ano. Descaradiña, que gravou Chico Viola.

A Lúa xorde cor de prata

no alto da montaña verdeante

e a lira do cantor en serenata

esperta na ventá ó seu amante.

Ó son da melodía apaixonada

nas cordas do sonoro violón

confesa o cantor á súa amada

o que ten dentro do corazón…

Aí, facía unha pequena pausa, asentía dúas veces coa cabeza e entraba eu coa miña vociña afiada.

Oh, linda imaxe de muller que seduce

se eu puidese estarías nun altar.

Es a imaxe dos meus soños, es a luz

es descaradiña, non precisas traballar… (…)”   Páxinas 111 e 112 da edición traballada.

“Malandrinha” (1952), Francisco Alves, Chico Viola

E ainda que en máis dunha ocasión os tangos lle trouxeron disgustos, Zezé seguiu cantando as letras:

“(…) Repasei o repertorio na cabeza e lembrei a última música que aprendera co señor Ariovaldo.  O tango; o tango era das cousas máis bonitas que oira. Comecei baixiño:

“Eu quero unha muller núa

ben núa eu a quero te…

De noite no claro de lúa

eu quero o corpo de mulle…” (…)” Páxinas 179 e 178 da edición citada

* Moeda antiga(N.da T.) ( A tradutora da novela é María Isabel Cornes Ríos)

Advertisement

Deixar un comentario

Arquivado en A miña planta de laranxa lima., Música

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s