Unha das obras máis presente en “A cidade en chamas” é a “Eneida”, do poeta latino Virxilio. Aínda que non hai tantas alusións directas ó título da epopeia latina no “noso” libro coma alusións ó “Quijote”, a historia de Paris e Helena, a guerra de Troia e as aventuras de Eneas están moi presentes ó longo de toda a novela. Salim procede de Turquía, Asia Menor, onde se ubicaba a antiga Troia, cidade destruída polos gregos (a cidade en chamas, do título?).
“-¡Por Paris!
-¿París de Francia ou París de Texas? -preguntou Heller.
-Por Paris de Troia, ¿por quen se non? -dixo Velu.
-¡Por aquel que deu feito o que quería! -Salim continuou cun tolo estoupido de palabras-. ¡Chegou onda ela sen máis nada que unha promesa da deusa do amor, e arrebatoulle a Helena ao seu marido diante dos seus fociños e do resto dos gregos!
…
-“O resto do gregos” sitiaron Troia durante dez anos -díxolle Velu a Salim.
…
-“O resto dos gregos” queimaron a cidade até reducila a cinzas …” (páx. 89 e 90 de “A cidade en chamas”, ed. Xerais.
No capítulo 42 , Heller e Silvia van a un museo onde se expoñía arte grega e obxectos sobre Troia.
(Procedencia da imaxe: “Aquiles e Áyax xogando aos dados”)
Heller explícalle a Silvia algo da historia de Helena e Paris e tamén do fado:
“-¿Sabes que era o único que temía Zeus?
-¿O que?
-O fado -Helle indicou o material gráfico que tiñan ao redor-. Os deuses teñen o seu propio fado co que loitar, incluso mentres controlan o destino dos asuntos humanos. E isto viña a conto de que Troia foi destruída. A Odiseo ocorréuselle facer un cabalo de madeira, e esa simple idea derrubou todo un imperio. E os deuses tiñan todo o dereito a ter medo, porque uns dos escasos superviventes foi Eneas, que fundou Roma…e Roma substituíu a Afrodita por Venus, a Hermes por Mercuri e a Zeus por Xúpiter” (páx. 236)
No capítulo 43, Salim no seu delirio di:
“Estou feliz de que estea aquí… Eneas escapou da cidade en chamas a Roma. E atopoute…”
Eneas é o heroe troiano que da nome á obra de Virxilio. Este escribíu a “Eneida” por encargo do emperador Augusto, para contar a historia da fundación de Roma e ensalzar as súas orixes. É polo tanto unha obra de “literatura propagandística”. Dise que Virxilio lles dixo ós seus amigos pouco antes de morrer que a destruíran á súa morte, pero estes non lle fixeron caso, afortunadamente.
“A Eneida” conta a fuxida de Eneas de Troia e a sua “odisea” antes de chegar ó Latium, onde o fado tiña determinado que fundaría unha nova cidade, Roma.
O tema da guerra de Troia xa aparece na “Ilíada” de Homero, na que se narra o último ano do asedio da cidade por parte dos gregos, asedio que durou 10 anos. O episodio do cabalo de madeira non está na obra de Homero, senón na de Virxilio. Cando Eneas conta o relato dos seus padecementos, hai un flashback no que se narra este episodio.
Podemos facer un comparación da “Eneida” coa “Ilíada” e a “Odisea”, os dous poemas épicos de Homero. As viaxes de Eneas desde Troia a Italia veñen a ser a odisea de Ulises para chegar desde Troia a Ítaca, a súa patria. As loitas de Eneas con Turno previas á fundación da cidade que creará un gran imperio, son o correlato das loitas entre gregos e troianos na “Ilíada”.
Tedes na biblioteca exemplares das 3 obras e tamén unhas adaptacións para os máis pequenos.
Se queredes lelas online, deixámosvos aquí os enlaces correspondentes á páxina de bibliotecas virtuais, as fotos son de exemplares e adaptacións que podedes atopar na biblioteca:
Hai películas baseadas nestes clásicos, como exemplo deixámosvos estas 3:
“La leyenda de Eneas”, dirixida por Giorgio Venturino no 1962
“La Odisea”, unha miniserie de TV de Andrei Konchalovsky do ano 1997
Máis recente, do ano 2004 é a película de Wolfgang Petersen, protagonizada por Brad Pitt, “Troia”
Neste enlace á páxina de Historia y cine podedes ver a comparación que se fai da película co clásico de Homero.
E sobre a cidade de Troia e as excavacións que levaron ó seu descubremento podedes ver este vídeo.