Arquivos diarios: Abril 15, 2013

Antes da reunión: Quen é o pintor do sombreiro de malvas?

Continuamos ligando pintura e literatura. A lectura do próximo mes é “O pintor do sombreiro de malvas” de Marcos Calveiro. Lendo a obra xa vos decatades de que este “pintor do sombreiro de malvas”, non é un pintor calquera, e Vang Gogh. Que sabemos deste pintor?

Nesta entrada imos informarnos un poquiño da vida e obra deste home.

Vicent Van Gogh naceu no 1853 nos Países Baixos e morreu en Auvers-sur-Oise, en Francia o 29 de xullo do 1890 (de feito a obra de Marcos Calveiro toma como referencia a estancia de Van Gogh en Auvers-sur-Oise ata a súa morte). Ubícase no movemento do “postimpresionismo”.  Este término foi acuñado con motivo dunha exposición de pinturas de Paul Cézanne, Paul Gauguin e Van Goh, que se celebrou en Londres no 1910. É, coma o seu nome indica, unha prolongación do “impresionismo”. Os impresionistas utilizaban tamén cores vivas, unha aplicación compacta da pintura, pinceladas evidentes e temas reais, pero intentaron poñer máis emoción e expresión na pintura. Os postimpresionistas presentan unha visión máis subxectiva do mundo ca os seus antecesores.

Van Gogh tivo desde moi xoven inclinación ó debuxo, pero primeiro foi pastor, logo misioneiro e pintou a súa primeira gran obra “Os comedores de patacas”, no 1885. Obra de cores moi tristes e oscuros, como podedes observar nesta imaxe que vos adxuntamos.

(Procedencia da imaxe)

O colorido das súas obras posteriores, e polas que é máis coñecido, conseguíuna estando en Arles no 1888. O recoñecemento da obra de Van Gogh, como sucede en moitos casos, chegou tras a súa morte. Vivíu, ademais de en Arles, onde o visitou Gauguin, en Amberes e París.

A estancia de Gaughin en Arles destaca, non só pola relación profesional entre os dous pintores (Gauguin foi o que impulsou a Vang Gogh a pintar lugares históricos de Arles), senón pola relación persoal que contribuíu á lenda de Van Gogh. Este perdeu o lóbulo da orella esquerda en circunstancias non moi claras. Uns din que el mesmo se autolesionou ó saber que o seu irmán Theo, co que sempre mantivo unha relación moi estreita, casaba.

Gauguin di nas súas memorias que unha noite Vang Gogh se cabreou con el e perseguiuno cunha navalla, ata que finalmente se cortou a súa propia orella, a envolveu nun pano e lla levou como regalo a unha prostituta. Despois deste feito Gauguin non volveu máis a visitar a Van Gogh.

Sexa como sexa, Van Gogh era una persoa psicoloxicamente inestable, de feito os seus derradeiros anos, antes do seu suicidio, tivo continuos problemas que o levaron a ser recluído en varias ocasións en psiquiátricos, onde continuaba pintando. “A noite estrelada” (pintura que ilustra a portada de Marcos Calveiro) é unha pintura desta época, que se caracteriza pola presencia de moitos remuíños.

(Procedencia da imaxe)

Se queredes ler algo sobre Van Gogh da súa propia pluma, podedes ler “Cartas a Theo”, publicadas por Adriana Hidalgo Editora.

Tamén podedes ler “Van Gogh, el suicidado por la sociedad”, de Antonin Artaud.

Deixar un comentario

Arquivado en Pintura, Recomendacións