“O paxaro do mel”. Adolfo Caamaño

Se queredes seguir viaxando pola selva africana, desta vez podedes ir un pouco máis ó oeste, a Etiopía, antiga Abisinia (como aparece nomeada no novela que vos propoñemos) e tamén un pouco máis atrás no tempo (finais do século XIX), adentrándovos na novela   “O paxaro do mel” de Adolfo Caamaño. (Tedes exemplares na biblioteca da edición de Xerais, da sirie “Fóra de Xogo”)

(Procedencia da imaxe)

Nesta novela podedes perdervos na selva, incluso en zonas sagradas e prohibidas,

“Na vertente sur de Ras Dashen, aquel brillante océano solar interrompíase baixo un case que permanente mar de nubes. Debaixo do teimudo nubeiro estendíase a selva, máis alá dos territorios dos danákil, e, desde tempo inmemorial, lugar prohibido para eles. Daquel lugar contábanse moitas lendas e cousas prodixiosas. Disque no seu corazón aínda ficaban ocultos desde antigo moitos misterios…

Pero, de todas as historias que escoitara acerca da selva prohibida, da que máis gostaba Yaíza era da lenda do paxaro do mel. Os poucos que na selva se internaran contaban que lograran salvarse grazas á axuda dese paxaro.” (Páxs. 27/28 da edición de Xerais)

seguindo as aventuras de tres amigos (dous irmáns nativos e un italiano),

“Os primeiros meses de Mario en Nogara foron apaixonantes. Descubrira uun mundo novo: paisaxes abraiantes, abondosas especies de fauna salvaxe, novas ocupacións…

Pero, sobre todo, novos amigos.

Pronto colleu amizade con Kassai. Este adoitaba levalo consigo nas longas xornadas de pastoreo. Como antes de chegar a Nogara xa levaba en Eritrea bastante tempo, aprendera os rudimentos do idioma, así que non tivo moitas dificultades para facerse entender cos da aldea. Nela falaban un dialecto da lingua amárica, o idioma maioritario en Abisinia. Pero tamén Kasai e algúns outros rapaces da aldea amosaron ganas de aprender a dicir cousas en italiano, a lingua daquel agradable rapaz estranxeiro...

Coa irmá de Kassai, con Yaíza, non conseguira falar case que nada até que xa levaba na aldea un par de meses. Pero xa desde que chegara alí, a fermosa cor de ébano de Yaíza e a súa rebelde maneira de ser, prendárano coma unha abella se prenda polas flores de mellor recendo” (Páx. 49/50)

perseguindo ós captores da nai dos dous nenos da aldea, uns tratantes de escravos.

“Angus Harris parece que nacera na terra de Virxinia, un dos estados que pertenceran á Confederación Sudista.

O seu oficio xa lle viña de caste. O pai dedicárase tamén ao tráfico de negros. Vendíaos en poxa nos mercados de escravos próximos ás grandes plantacións algodoeiras sureñas. Xa o bisavó de Harris exercera tamén de traficante escravista en Inglaterra, afincado no porto de Liverpool. Até o ano 1807, en que este país prohibíu a escravitude, Liverpool, durante os dous séculos anteriores, fora un destacado porto onde se aramaban barcos para navegar no chamado comercio triangular.

Este macabro negocio consistía en mandar un barco desde Inglaterra, ou de calquera porto europeo, até a costa de África. Alí trocaban armas de fogo, rou ou calquera clase de quincalla, por escravos negros para despois embarcalos a través do Atlántico e acabar vendéndoos en poxa nos mercados de América. Xa alí, co substancioso beneficio obtido, mercaban  produtos tropicais, algodón, azucre, cacao. Logo cargábanos no barco cara aos portos europeos, nos cales eses produtos adquirían un alto valor engadido. Vendíanse tan caros en Europa que o diñeiro investido para armar a expedición multiplicábase enormemente ao regreso. Así se pechaba o terceiro lado do triángulo daquela ruta maldita.” (Páx. 69/70)

Trátase o tema da amizade e a relación entre os dous irmáns, neno e nena.

“-Mira, Yaíza, tes que atender máis ao labor, facerte máis seria, máis…, máis como…

-…máis coma un rapaz, non si?

-Pois si, se hai que dicilo, si, máis coma un rapaz. Este traballo non che é ningunha broma, amiguiña!

-Bo, leria barata! Todo iso non é máis ca unha das túas lerias. E xa che estou farta.

-Así non imos a ningún lado, Yaíza.

-Non irás ti. Eu sei ben onde vou. O que che pasa é que a túa fachenda de rapaz non atura ver cómo unha rapaza coma min pode facer cousas de homes tan ben coma ti.” (Páx. 20 da ed. de Xerais)

Tócase con énfase o tema da trata de escravos, lacra que padeceu historicamente o continente africano (fixaivos nas citas que vos amosamos).  E ó mesmo tempo, mistúranse tradicións mitolóxicas e relixiosas,  nun relato “aventureiro e intrigante”.

“Incluso lendas, coma a do misterioso Preste Xoán, que de pequeno lle empezara contando a súa nai polas noites antes de durmir, e que despois, Mario, cando se fixo algo maior, interesado en saber máis sobre esa lenda, procurou investigar en varios libros. O que máis espertou o seu interese foi a copia dun libro moi antigo, xa da Idade Media. Tratábase dun Bestiario, un libro sobre bestas e animais raros. Aquel libro situaba en Etiopía moitas das estrañas bestas das que falaba. E o reino do Preste Xoán radicábao no fondo dunha selva perdida no interior de África.

Agora, en Nogara, Mario atopábase de novo con aquela lenda, enquistada na tradición oral, nas crenzas dos danákil acerca da súa selva prohibida” (Páx. 51)

Se vos gustan as aventuras, adentrarse en terreos selváticos, atorparvos con ruínas, pasadizos segredos, loitar cos malos e vencelos coa astucia, non deixedes de pasar pola biblioteca e coller “O paxaro do mel”.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en A selva africana, Recomendacións

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s