Arquivos diarios: Xaneiro 7, 2013

“La gacela”. Jo Pestum.

Antes de nada, benvidos ó 2013. Despois do paréntese vacacional, volvemos á nosa viaxe a través das lecturas do Club BiblioTea. Este mes de Xaneiro iremos parar á República Democrática do Congo, á que o autor, Jo Pestum, se refire na obra, “La gacela”, coma o Zaire.

Esta semana irémonos dando unhas indicacións para que na reunión do luns 14 ninguén se perda.

En primeiro lugar imos situarnos xeograficamente, pois non debemos confundir a República Democrática do Congo, coa República do Congo (ou Congo-Brazzaville), que queda máis ó oeste e é moito máis pequena.

(Procedencia da imaxe)

A República Democrática do Congo é o terceiro país máis grande de África. Tamén se chamou Congo Belga, pois este país foi durante un tempo propiedade privada do monarca Leopoldo II de Bélxica, quen no ano 1908 a cedeu a Bélxica. Como colonia belga foi cando recibíu o nome de Congo Belga, coa súa capital en Leopoldville en honor ó rei.

Este país foi sometido a unha expoliación terrible baixo o dominio belga e no ano 1960 acadou a independencia, co nome de República Democrática do Congo. Para diferenciala do país veciño (República do Congo), chamábaselle Congo-Leopoldville e ó veciño do oeste Congo-Brazzaville.

Durante a dictadura de Mobutu,  nun proceso de “africanización” do país por parte do dictador,  a capital cambiou o nome de Leopoldville por Kinshasa, daí o nome Congo-Kinshasa co que tamén se coñece actualmente, pero durante a época de Mobutu o país chamouse Zaire, nome co que nos aparece no libro que nos ocupa. Este nome mantívose do 1971 ata a caída do réxime de Mobutu no 1997.

E con isto xa estamos un pouco ubicados no escenario da novela. Continuaremos dando máis indicacións ó longo da semana.

Deixar un comentario

Arquivado en A selva africana