“Sagarmatha”

Da inmensidade amarela do deserto (foto de Juan)

á inmensidade branca da neve coas fotos de David

e coa lectura  de Josep Francesc Delgado, do seu libro “Si puges al Sagarmatha  quan fumeja neu i vent”, traducida ó galego por Ignacio Chao e publicada por  Ed. Xerais na colección “Fora de xogo” co título de “Sagarmatha” (Grazas por achegarnos á nosa lingua, unha obra que xa  leva 29 edicións na súa lingua orixinal,  català)

Todos e todas as do club BiblioTea lemos a novela (iso esperamos). O vindeiro luns reunímonos para pasar un anaco entre amigos comentándoa. Pero antes da reunión, queremos facer unha entrada para explicar algunhas cousas previas,  que logo non teremos tempo de ver con detalle.

Entramos na historia da mán de Javier Krahe,  quen nos sitúa no Himalaia (“a caballo entre el Nepal y el Tibet“) nunha desas historias persoais de Krahe tan características das súas cancións

A acción da novela desenvólvese entre o Nepal

(Foto dun campamento tomada por David)

e Catalunya (todos sabemos situar no mapa a segunda, pero se tedes curiosidade por ver algo máis desta e/ou dificultades para ubicar o primeiro, picade nos hipervínculos).

(Foto do  mosteiro de Montserrat, tomada por Adelia)

Hai un escenario principal no pasado, uns meses atrás, onde se desenvolve a acción principal: a subida á cima do Everest dunha expedición de cataláns, entre os que está unha xove alpinista, a única moza da expedición e protagonista da novela: Mireia.

Mireia desaparece xunto cos sherpas que a acompañaban, mentras trata de conseguir chegar ó cumio e o seu cadáver non aparece nunca. Esta desaparición misteriosa e o achazgo posterior do seu diario por parte dunha expedición romanesa  leva ó seu irmán, co apoio dun escalador-buscador do Ieti,  a iniciar unha serie de pesquisas para aclarar o caso: acción secundaria, que se sitúa en Barcelona onde se reunen os membros da expedición no Centro Excursionista de Catalunya para dar lectura ás cartas que se foran intercambiando con Josep, mais o diario de Mireia, mentras esperan o seu regreso do Nepal de onde trae a noticia do desenlace final ??? (Aquí o deixamos para non estragarvos o final aos que non formades parte do BiblioTea e non lestes a novela)

Imos enterándonos dos feitos polas cartas escritas en diferentes momentos que os membros da expedición se intercambian  con Josep. O narrador (narradores) son internos, sempre é un dos personaxes da novela  que conta os feitos desde a súa perspectiva (incluso co seu propio estilo). Podemos integrar  a novela dentro da literatura epistolar (a ver se alguén do club recolle o guante e nos trae algún outro título deste xénero)

Na obra atopamos aventura (alpinismo, condicións extremas, lugares exóticos), intriga (as palabras que lle dirixe o Gran Lama a Mireia e o seu comportamento con ela, a sensación estraña que viven os alpinista no lugar dos penitentes, entre outras), drama (cando todos dan a Mireia por morta e volven á casa). Hai outros temas que non están tan á vista, pero que nos darán para falar na sesión. Traede as vosas notas ou suliñados!

Aínda que a acción principal se desenvolve na subida ó Everest e no mosteiro de Tiangboché,  fanse continuas alusións a outras cimas importantes (Mont Blanc, Aneto) e lugares de Catalunya (Montser, Pedraforca). Actualizade as vosas nocións de xeografía para o luns! E para unha visita virtual ó mosteiro de Montserrat, picade sobre a foto que tedes arriba e entrade.

(Foto tomada por Laura en Montserrat, Sant Jeroni?)

Como non podía ser menos nunha historia que se desenrola entre o Tibet e o Nepal, hai alusións á situación dos pobos minoritarios (páx. 69 da ed. de Xerais). E como xa vimos en novembro “El niño que vivía con los avestruces” e a relación que nos fixo Esme coa situación do pobo saharaui, non vos collerá por sorpresa que nos paremos diante da situación do Nepal ou do Tíbet, aquí temos para falar polos dous lados, nonsi?

TÍBET

Neste enlace podedes obter información sobre o feito máis sangrante da historia recente do Tíbet: a invasión por parte do goberno comunista de China de parte do territorio tibetano, provocando o exilio do Dalai Lama, xefe espiritual do budismo tibetano, e milleiros de tibetanos á India. Tras unha política de aplastamento da cultura tibetana, cuestionada en numerosas ocasións polas Nación Unidas, no 1965 créase a Rexión Autónoma do Tíbet (R.A.T.), que abarca só unha parte do territorio histórico do Tíbet, onde se impón como lingua oficial o xinés sobre o tibetano, da familia Tibeto-Birmana. (Sobre a cuestión da imposición de linguas dominantes, tamén por estes lares sabemos un pouco)

Na mesma páxina La oficina de Tíbet, Nueva York, tedes acceso a outros aspectos da cultura tibetana.

NEPAL

En canto ó Nepal e a súa historia recente, cando deixou de ser colonia británica, igual que a India, no 1951 intentouse experimentar cun sistema democrático, pero o rei Mahendra, no 1962 promulgou unha nova constitución e un goberno sen partidos. No 1991 houbo as primeiras eleccións que non arranxaron moito e o país viuse abocada a unha guerra civil que durou ata o 2006. Durante este tempo houbo o episodio da matanza da familia real, supostamente por un dos seus membros que logo intentou suicidarse (2001). No ano 2008 proclámase a República.

Podedes obter máis infomación sobre a historia neste enlace á páxina  de “Amics del Nepal”, onde podedes ver tamén outros aspectos (picando sobre os títulos tedes acceso á consabida Wikipedia)

A situación deste país é de extrema pobreza: ocupa o posto 142 no ránking dos 177 países máis pobres do mundo, é o máis pobre de Asia. Antes poñíavos o enlace á ONG, “Amics del Nepal”, pois si, cando hai este tipo de ONGs, “amigos de…”, isto non é coma no facebook, ter este tipo de amigos presupón que a situación do país non é nada, nada boa.

Póñovos os datos que esta ONG recolle do Informe do Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas (2007/08), para que fagades unha reflexión:

Poboación (2007): 29 millóns
Posición no ránking mudial:142 (dun total de 177 países)
Expectativas de vida: 62,6 anos
Índice de alfabetitzación (maiores de 15 anos): 51,4 %
Renda per cápita (2005): 1.550 USD (sobre 1173 euros)
Gasto sanitario anual por habitante:  (2004): 71 USD (sobre 54 euros)
Poboación con acceso a auga potable: 90%
Poboación con desnutrición: 17%
Nenos por debaixo do seu peso (% – 5 anos): 48%
Teléfonos fixos (por 1.000 habitantes): 17
Teléfonos móbiles (por 1.000 habitantes): 9
Usuarios de Internet (por 1.000 habitantes): 4
Gasto para investigación (% del PIB): 0,7

Non son arrepiantes estes datos???

Buscaba un documental que nos puxera isto en imaxes e só atopei este de “Amics del Nepal”, inglés con subtítulos en català, que nos fala da situación dos nenos e da muller (“minorías” sempre máis perxudicadas entres as xa de por si perxudicadas “minorías”)

Este outro é bastante máis light, podedes aproveitar para ver algo da xeografía nepalense en poucos minutos:

Pero postos a recomendar paisaxes e fotografía é mellor que vexades, se non a vistes xa,  “Katmandú, un espejo en el cielo”, a recente (2011) película de Icíar Bollaín.

E deixámolo aquí, que vaia preentrada tan longa nos saíu: música, cine, historia, xeografía e todo por un libro, do que falaremos o luns: “SAGARMATHA”

Do autor, Josep Francesc Delgado, todo un experto na cultura himalaienca, faremos máis recomendacións postreunión, parécevos? Porque estou segura de que vos quedaron ganas de ler máis histories de sherpas, alpinismo, mitoloxía e lendas do Himalaia.

Advertisement

Deixar un comentario

Arquivado en Cine, Música, Sagarmatha

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s