“Á noite seguinte, o “Mongolia” franqueou o estreito de Bab el Mandeb, nome árabe que significa Porta das Bágoas; e para o día seguinte, o 14, facía escala en Steamer Point, ó noroeste da abra de Aden. Alí debía abastarse de combustible.
Grave e importante asunto é este da alimentación das caldeiras dos barcos ás tales distancias dos centros de producción. Soamente para a Compañía Peninsular, supón un gasto anual que se pon en oitocentas mil libras. Houbo que establecer depósitos en varios portos; e, nestes mares alonxados, o carbón sae a oitenta francos a tonelada.
O “Mongolia” aínda tiña seiscentas cincuenta millas por facer antes de alcanzar Bombai, e debía permanecer catro horas en Steamer Point coa fin de ateiga-las súas bodegas.
Pero este atranco non podía perxudicar en ningunha maneira ó programa de Phileas Fogg. Estaba previsto. E por outra banda, o “Mongolia”, no canto de entrar en Aden o 15 de outubro pola mañá, entrou alí o 14 polo serán. Conseguindo un gaño de quince horas.”
(“A volta ao mundo en 80 días”. Ed. Xerais. Páx. 65)